Últimas noticias sobre a conquista (romana) de Galicia

Last updated on 31 / Decembro/ 2010


Fotograma de Centurión (2010). Película altamente recomendable, por certo.

Ás veces, peinando literatura gris, consegues compor cadros humanos que engaden unha nova cor a un momento histórico do que case careces de información. É o que me aconteceu estes días repasando a publicación dos breves informes de actuacións arqueolóxicas que editou a Dirección Xeral de Patrimonio (pódese consultar aquí, en PDF). De súpeto, a arqueoloxía alumea un dos momentos decisivos da nosa Historia, a conquista do Noroeste de Hispania por parte do Imperio Romano.

Desa conquista coñecemos moi pouca información, e iso levou a discusións peregrinas ao redor da belicosidade do país e da resistencia dos galaicos ao invasor. Tiveron que loitar arreo os romanos ou isto foi un paseo militar e os castrexos aceptaron tacitamente a nova orde? Esta pregunta ten practicamente dividido á Academia que se dedica estas cuestións. O problema, sobre todo, é que nos falta información. Se houbo crónicas desta conquista, igual que as houbo da Celtiberia, ou como César as escribiu da Galia, perdímolas. A penas coñecemos as grandes liñas das expedicións romanas e claro, sempre desde a perspectiva romana, non desde a castrexa. Eu creo que, segundo os datos existentes, está bastante claro que houbo unha guerra con todas as da lei, pero podo entender que haxa escépticos.

A arqueoloxía tampouco ten axudado moito, desde logo, nesta cuestión. Non teñen aparecido aparentes signos da confrontación que quedaran no rexistro arqueolóxico, ou cando menos, non é doado recorrer á documentación que os interprete así. Hai algúns exemplos, con todo, como é o Castro de Borrenes, preto das Médulas, que está inacabado, cunha impoñente muralla a medio facer e nunca foi habitado. A teoría máis estendida é que a construción do castro foi interrompida pola chegada de Roma.

En Galicia, os resultados eran aparentemente aínda máis pobres. Sabemos que houbo cambios sociais rápidos no territorio trala conquista porque numerosos castros finalizan a súa vida ao redor do século I. a.C. Iso é un feito evidente. Todo apunta a que a chegada dos romanos e o abandono destes lugares ten moito que ver; mesmo o dato de que algúns seguiran estando activos con posterioridade á invasión. Pero curiosamente, neste último informe das campañas arqueolóxicas do 2008 aparecen dúas notas que nos dan por primeira vez unha interesante e mesmo poética cor a este momento de confrontación.

1. A fortificación precipitada do Castro de Mallou


O Castro de Mallou e o Pindo ao fondo.

O espectacular Castro de Mallou, no fondo do circo montañoso de Carnota, está a ser escavado en sucesivas campañas. A súa cronoloxía evidencia que chegou ata o século I a.C. e foi abandonado nese século, sen rastros de romanización. Pero hai un dato fascinante, que xurdiu na campaña 2008, cando o equipo arqueolóxico decidiu abrir o complexo sistema de defensas e portas da banda oeste do castro. Deixo que o conte directamente o director da escavación, Jorge Lamas:

Temos un dato estrutural moi importante, na muralla do sector intermedio apréciase claramente unha muralla orixinal de apenas 1 m de ancho, moi ben feita con cachotes de tamaño medio/pequeno e ben asentados; esta primeira muralla vese cortada no seu tramo final cara á porta e cuberta por un recheo de grandes pedras e material de desfeito (mans rotas de muíños naviculares, pesas…) e cun alzado moito máis basto, co fin, cremos, de cuadriplicar o ancho da muralla cara á porta e estreitar a zona de entrada. Estas reformas poliercéticas, feitas claramente con présa, parece que nos falan dun momento de medo e cambio, o que nos casa moi ben coa chegada dos romanos.

No ocaso desa etapa do mundo castrexo, alguén estimou necesario refortificar o seu espazo ante unha situación coxuntural que superaba os escenarios bélicos habituais previstos para a muralla que deseñaran os seus habitantes. Que eu saiba, isto non é nada habitual no mundo castrexo, aínda que hoxe en día tamén comezamos a ver prácticas de refortificación no mundo tardorromano. E tamén fala doutro dato: os celtas supertamaricos (era o nome do pobo desa área, non xente con superpoderes) que vivían en Mallou sospeitaban que se cadra esa xente non viña moi en son de paz e que a resposta ao mellor tiña que ser con sangue. Algún intoxicador antiprogreso da Gallaecia debeunos enganar, seguro. ;-)

2. As portas tapiadas de CastroMaior


Castromaior. Foto: Sociedade de Xestión do Xacobeo.

Quedei impactado cando lin isto. Castro Maior é un enclave tamén espectacular preto de Portomarín. Un castro sen romanizar cunha enorme complexidade de muros ao redor da acrópole, parecido ao de Formigueiros, do que falamos hai pouco. Resulta que neste castro, a caída gradual do entullo sobre as casas provocou que as ruínas que abren os arqueólogos aparezan -igual que en Formigueiros- muros mesmo de metro e medio de altura. Unhas Pompeias galegas. E iso facilitou que os arqueólogos puideran apreciar un detalle, un detalle humanísimo como poucas veces se vira nos castros, en relación ao seu abandono. Igual que antes, deixo que fale Luis Francisco López González, responsable da escavación coa que o Xacobeo quere poñer en valor este lugar:

En relación coas causas do abandono do poboado, datado nun momento próximo ao cambio de era e seguramente asociado á conquista romana, e se temos en conta que as vivendas descubertas na escavación son da derradeira fase de ocupación do poboado de Castromaior, cómpre destacar o dato de que en varias vivendas atopamos as portas tapiadas con grandes laxas colocadas contra as entradas, asegurando as portas contra a humidade e os roubos e protexendo as vivendas cunha intención implícita de volver.

Portas tapiadas. Casas seladas. Todo un enigma: aquela xente, cando marchou, debía seguir sendo propietaria daquelas casas, para preocuparse por preservalas. É a evidencia arqueolóxica máis intrigante relacionada, con certa probabilidade, coa invasión. Case os podo ver, tapiando todo, selando os seus fogares, empurrados por alguén, convencidos do seu retorno á súa casa e á dos devanceiros.

Pero nunca volveron.

Que pasaría en Castromaior?

13 Comments

  1. artabris
    29 / Decembro/ 2010

    que pasaría…unha pregunta que quizais pode atopar a arqueoloxía noutro sitio, aínda que se me poñen os pelos de punta de só pensalo.

    Interesante aportación a destes castros.

  2. Carmucha
    29 / Decembro/ 2010

    Os celtas supertamaricos (era o nome do pobo desa área, non xente con superpoderes)… hahaha :D , moi bo. Ou seña, se entendín ben… algún celta haber había (pero “calo”…) e, 2º, a “chegada” dos romanos (sempre se falara de “conquista” ¿conquista pacífica? iso soa coma Malicia Bilingüe…) foi un pouco… ben, non sei, se cadra a Xunta daquela no poder enganounos (ós romanos) con campañas de imaxe (esas nas que mulleres petadas de LSD esbardallan que lo flipas ou que Padres Casares comotedigounacosatedigolaotraperonotedigonada) dicíndolles que os galaicos eramos xente guai, supertamáricos e superxacobeos, pacíficos cual animalillos de la fraga-iribarne, encantados de que chegara unha invasión militar e aínda máis encantados de que nos moveran os marcos… espera, se cadra non tan pacíficos co tema ise dos marcos… Ademáis, mira ti, casualmente, o libro das guerras cántabras (memorias e biografía das res gestae do Augusto César Lendoiro de turno) adicado ó frente galaico perdeuse. Conclusión: Galicia namorouse perdidamente dos Latin Army Lovers e, a golpes, a relación foi indo a pesares de “pequenos incidentes de violencia doméstica”, fortificación de murallas, pecha a porta que escapa o gato, etc. E o Medulio? Un festival intercelta dises jipes peludos pasados de gaelic-cola e deconstrucción de cogomelos con prebe de teixo… Galegos, sempre tan riquiños… ata que lles tocas os esféricos… (os marcos, digo…).

  3. candepalleiro
    29 / Decembro/ 2010

    Bela hipótese literaria.Pero cando supostamente se están a tapiar as casas de Castromaior (s.II a.C., nestas terras do interior nin lles veran o pelo aos romanos

  4. 30 / Decembro/ 2010

    Candepalleiro, a cita marcada en gris é literal do director da escavación, sacada da memoria que enviou para a súa publicación e que podes ver na ligazón. É el quen sinala a cronoloxía do sitio arqueolóxico. Podes lela na ligazón do PDF que puxen no post. De literaria ten ben pouco. De literal bastante. :-)

  5. Lector gustoso
    30 / Decembro/ 2010

    Moi agradecido pola información, e por certo, non é “Castro de Borrenes”, senón de Borreis, que é un toponimo galego do Bierzo, ainda que o queiran castelanizar.

  6. 30 / Decembro/ 2010

    Pero esas casas tiñan o tellado de palla ou similar, non? Dígoo porque inda que a porta estivera tapiada non debería ser moi difícil entrar, non?

    Por outra banda, ese Castro Maior ten unha pintaza de conservación, a ver se se fan ben as cousas :)

  7. 30 / Decembro/ 2010

    Grazas pola puntualización, Lector gustoso.

    Ifrit, habería que consultar unha memoria máis ampla para sabelo, pero se é como en Formigueiros, as casas por riba terían lousa, ao xeito tradicional de Lugo.

    En Castromaior hai outra cousa chula da que non falei porque non me quedou moi claro e que tamén apareceu na escavación. Un curioso sistema defensivo con torreóns a cada lado da porta e un paso moi estreito. Ata aí ben. Pero parece, ou eu entendo algo así, que a porta estaba pechada por riba e os torreóns comunicados, ao estilo cidadela medieval (aínda que agora estará caído). Tereime que achegar ata aló para entendelo ben. :-)

  8. 30 / Decembro/ 2010

    Un extraordinario artigo, unhas novas esperadas.
    SANTOS YANGUAS na súa obra; El ejército y la romanización de Galicia. Oviedo, Universidad de Oviedo, 1988, descúbrenos a existencia de 20.000 galaicos que foron recrutados nos chamados corpos auxiliares (auxilia) das lexións romanas, estes auxilia podían ser cohortes; compostas sobre 500-600 homes, e alas; sobre 1000 homes. Temos coñecemento, aló menos, de 6 cohortes de lucenses, 10 cohortes de bracarenses, unha cohorte de lemavos, un ala de lemavos e un ala de gigurros, así como, varias unidades de auxilia mixtas astures e galaicos.
    Que os romanos botaran man de tal cantidade guerreiros castrexoss é a proba evidente de que estas trebas castrexas serían agresivas, violentas e guerreiras, e farían frente aos romanos na conquista, máis en: http://anosahistoria.blogspot.com/2009/07/lexionarios-castrexos-e-mineria-de.html.
    Por certo; Bo Nadal.

  9. 30 / Decembro/ 2010

    Eu facendo zapping vin un anaco dun documental da TVG onde falaban dunha tribo de duros guerreiros e excelentes ferreiros e que uns cantos deles foron con Anibal (ou algo así).

  10. 30 / Decembro/ 2010

    Que a conquista non foi tal, senón unha especie de paseo no que os galaicos colaboracionistas pactaron sen máis é un mito espallado por certa escola arqueolóxica nihilista que non fai o máis mínimo caso ás fontes. (Nihilistas non por anarcos, senón porque para eles “nada se pode saber”, e non fai falla citar nomes).

    A conquista coñécese bastante ben por autores coma Orosio e Floro, historiadores moi serodios pero que beberon xenerosamente de fontes como Livio, desgrazadamente perdidas, pero que seguro seguiron bastante literalmente. Son polo tanto narracións históricas que hai que ler de maneira crítica (coma todo) pero non dubidar sen máis.

    Restos de violencia nos castros hai dabondo. Como apontamento, engado que na Cividade de Terroso (Póvoa de Varzim) hai un potente nível de incendio que os escavadores relacionan coa campaña de Décimo Iunio Bruto, no II a.n.e. Éstes agora mencionados deitan aínda máis luz sobre estes feitos.

    Que a conquista se fixo pactando, dividindo, buscando aliados entre uns populi contra doutros, é evidente, pois non podería ser doutra maneira. Os romanos sempre obraron así. Bruto e logo Augusto serían moi burros se o tentaran manu militari. Pero a necesidade romana de pactar non se pode entender sen que tiveran constancia efectiva de resistencia ou sequera da posibilidade de habela.

    http://www.blogoteca.com/arqueoloxia/index.php?cod=59073

    En canto ao dos guerreiros galaicos soltando aturuxos desbrouxadores baixo as ordes de Aníbal, cóntao Silio Itálico. Pódese crer ou non. Se se cre, hai historia. Se non se cre, asúmamos logo que a historia antiga é unha pura ficción.

  11. Xosé
    30 / Decembro/ 2010

    Coma sempre, moi interesante. Unha nova perspectiva sobre nosa historia. Por certo, aínda que os tellados de Castromaior fosen de material vexetal, non quere dicir que non fosen consistentes, duros e impenetrables. Outra cousa é que non pervivan no tempo.

  12. Castor Castro
    31 / Decembro/ 2010

    Quizais o empeño en presentar aos galaicos como guais siga tendo que ver co “por un lado me doe e outro me proe” da historia española, en que os pobos da península era uns valentes etc. pero a cultura nola trouxeron os romanos, e ¡cómo vamos ser tan tontos de non recibir a cultura cos brazos abertos!

    E tamén noutra segunda reflexión, de que non se quere admitir que a cultura galaica, despois a galega, no que proveña ou non dela, e no que se teña elaborado ao longo do tempo, ten sido un longo cúmulo de loitas, transformacións e asoballamentos, que as cabezas pensantes/xeracións actuais case nunca queren aceptar, supoño polas implicacións mentais, sociais, culturais, que ten.

    A construcción do imaxinario, cultura, etc. case nunca non é pacífica, e menos eiquí.

    apertas,

  13. Francisco Nogueira
    30 / Decembro/ 2015

    Hai que ter en conta que non é preciso explícitamente que haxa combates para que deixe de haber campamentos, pois sempre que unha tropa adentraba en “terra incógnita” fortificábase por se acaso. O matíz estaría na calidade, situación estratéxica ou proximidade a algúnha paraxe difícil ou intrincada na que os autóctonos poideran defenderse, refuxiarse ou refacerse (montañas, bosques, ríos, etc, lembrade a selva de Teoteburgo, un santuario escarpado no medio dos bosques impenetrable), ou tamén unha poboaqción indíxena importante ou que tivera algo concreto que perder (dominio sobre os veciños, mina, control das comunicacións, etc). Como apenas temos referencias haberá que botar unha ollada ó comportamento en acontecementos semellantes posteriores mais ou menos immediatos, de calquera época e país. Tamén que o valor e a desesperación fornéceos o inimigo abondo e os romanos eran brutais como depredadores: “os númidas combatían pola libertade e a vida… e os romanos pola gloria e o imperio” di Salustio na guerra de Iugurta. Non podemos interpretar os feitos do pasado pola actualidade; polos propios relatos e memorias dos oficiais franceses sabemos a rabia e o valor gastados polos paisanos galegos e portugueses cando a penetración en Portugal dende o sur de Galicia. Por ese método tan habitual de interpretar o pasado polo presente ós actuais habitantes de Cantabria habería que buscarlle orixe foránea, por exemplo.
    Creo que case calquera acontecemento relacionado con Galicia (ou aínda o noroeste en xeral) foi case sempre minimizado, ou interpretado e clave foránea. No libro “Portugal na Espanha árabe” Borges Coelho trascribe un texto árabe coa visión sobre os galegos, que cito de memoria. Logo de poñernos a caldo: “non ten aseio… so se lavan unha vez por ano en auga fría… porque din que o surro que os recobre os mantén en boa forma física”, termina, ” son xente moito corajosa, nun recontro a man armada preferen facerse matar a fojir”. Fala da Galiza, a norte da cidade de Braga (que sitúa no Garbe), no extremo do Garbe, et.. Pois nada, seguramente haberá interpretacións a esgalla que digan que en realidade o que quixo dicir era que… se estaba referindo ós (aquí colocade o que queirades, tanto terras españolas como portuguesas, que á historiografía tradicional e nacional de ambos países lle “estorbamos”. En realidade para estes intérpretes Galicia e os galegos en verdade non existen, non resisten, non combaten, soio ollan bucólicamente a posta do sol e o canto dos paxaros, o inventium de Santiago caeu aquí de casualidade e Portugal naceu por xeración espontánea (ollo, non lle nego nin chisco de importancia). Cando en realidade creo que estamos na “orixe” de todo, pero que se foi alonxando paulatinamente de nos, algo así como a historia aquela que escoitabas nos anos da fame, na que unha estudante de Santiago se avergoñaba dos pais que a visitaban e os presentaba ás amigas como os caseiros da súa casa.
    Pero non, bemvido sexa todo descobrimento novo, toda especulación plausible… que “fanfarrice” (verba portuguesa que aparece nas crónicas de Fernaô Lopes) abonda a rédea solta por outras partes peninsulares. Lembrade, senón, o que dicía Pío Baroxa sobre a “única” copla da jota.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará