Santa Columba de Naves: a última ruína romántica de Galicia

Last updated on 19 / Decembro/ 2010


Fotos: Sole

Un mal día de mal tempo, coa chuvia caendo sen parar, xélida e fría, cortante co seu vento acoitelador. Dános igual. Andamos e andamos por este camiño ancestral, a piques de ser devorado polo tempo e a broza, que sube desde o Miño ata os Chaos de Amoeiro. Coa chuvia enorme, a humidade espesa e mastigada, a auga cae polo camiño real encañándose nas rodeiras, creando fervenzas que ameazan con enchouparnos as botas. A humidade, amolecida coa folla de outono apodrecida, fainos tusir, pero avanzamos cabizbaixos, tapados coas capuchas, protexendo os equipos.

Pero aínda que vai un frío aterecedor, aínda que o sol está a piques de poñerse, sabemos que seguindo este camiño de rodeiras gastadas, este camiño de 1200 anos, chegaremos ata o noso destino. Unha fenda na frouma, entre fieitos e carballos ananos, parece presumir que está aí detrás o que buscamos.

O mosteiro en ruínas de Santa Comba de Naves.

O recio edificio é unha fortaleza, como un pazo construído para resistir os embates de cuadrillas vizosas das riquezas do mosteiro, con diferentes detalles que fan presumir que os monxes sabían defenderse desde o interior desta mole granítica a bestazo e a trabucazo limpo. Xa existía no século IX, na época das Repúblicas de Homes Libres, pero de aquela o que existe debe estar baixo terra. Posteriormente foi un cenobio ben coñecido nas proximidades de Ourense, no que algúns abades corruptos exerceron como maleantes, con cabalo, espada no saión e muller e fillos ao carón da lareira do mosteiro. Hoxe é un edificio espectacular en ruínas no medio do bosque. Os monxes abandonárono ao redor de 1830. A madeira apodreceu e desapareceu. O tellado esfarelouse. Pero os rexos muros, de máis de dez metros de altura, continúan case incólumes. Entramos con respecto no cenobio.

A lareira flota no aire, no segundo piso. Ao carón dos arcos debeu haber unha escada monumental que levaba ás prantas nobles, hoxe flotantes no misterio e no esquecemento. Na pranta baixa aínda podemos apreciar lagares e adegas de cando esta ladeira, hoxe tupida de vexetación, debía estar chea de viñedos. A factura do edificio que hoxe exploramos debe ser do XVII ou XVIII, pero doadamente se aprecian por todos anacos do cenobio medieval, as marcas dos canteiros do século XIV o XV.

Nun silencio estremo camiño por este lugar, de paredes tan altas que me tapan case o firmamento, no que medran capas de carrizo que acochan as marcas medievais. Creo imaxinar a biblioteca, a administración, se cadra un oratorio, as celas dos monxes. Asómome ás fiestras. O mundo que vexo son paredes vexetais

Saíndo do mosteiro achégome ata uns penedos desde os que se percibe a proximidade de Ourense. O bosque cae por debaixo do mosteiro. Pero o corazón dáme un volco. Vexo un arco no medio da fraga. Un arco de pedra. Baixamos como podemos polos penedos abaixo. Un carballo enfíase directamente contra o meu ollo e quedo tirado.

Dígolle a Sole que corra cara alí, que a noite chega e nos vai roubar as formas. De súpeto escoito como a cámara comeza a disparar. E vexo á fotógrafa empoleirada no alto dun muro.

Eis a capela do mosteiro, dedicada a Santa Columba, ou Santa Comba -unha advocación altomedieval moi frecuente en Galicia. A igrexa, do XVIII, é tan sólida coma o mosteiro. As árbores recolléna. E a pel verde do bosque envólvea.

Santa Comba de Naves é unha das últimas ruínas románticas de Galicia, un lugar no que sentirse máis próximo a Benito Vicetto ou Walter Scott que ao presente. Distanciado de todo, perdido no medio dunha ladeira, a unha media hora de camiño desde Naves, é un gran edificio e un complexo monástico esquencido do mundo, pero tamén un lugar fermosísimo, na súa austeridade.

A fraga come todo. Alí, nalgures, está o cemiterio dos monxes, a mina, o lavadoiro, quen sabe que máis.

En Galicia a fraga sempre remata por ser o señor da memoria.

Como chegar (e localizar a capela)

Non hai camiño para chegar á capela. Aquí ves os dous edificios. Para chegar a ela, o máis doado é avanzar ata os penedos do estremo do mosteiro e procurar por alí a caída entre os carballos co sendeiriño que deixa o raposo para baixar.

Coda

Esta foto ilustra á perfección en que condicións lumínicas traballou Sole para este post:

Grazas, Carmela!

20 Comments

  1. arume dos piñeiros
    17 / Decembro/ 2010

    Espectacular. Noraboa.

  2. Alberto
    17 / Decembro/ 2010

    Como sempre, magnífico, engaiolador. E tamén desolador, como se nos vai quedando a Historia perdida nas fragas, esquecida e en ruínas, sen que teñamos capacidade para mirar por ela os que temos vontade.

  3. david
    17 / Decembro/ 2010

    lembrei tres cousas / dúas do grande Emilio Araúxo (non é posible falar, en serio, da literatura galega sen parar en Emilio, nos seus “Tempos serodios”, ou no estremecedor libro de poemas “Cinsa do vento: libro da Ribeira Sacra”, etc.)

    “Durante vinte anos, o filósofo Emilio Araúxo fotografou a cociña dunha casa de aldea abandonada”>>> http://www.aelg.org/resources/publications/2007_01.pdf

    “Araúxo iniciou nos últimos anos a apaixonante aventura de retratar a
    desparición do mundo labrego de Galicia.”>>> http://www.aelg.org/resources/publications/2007_09.pdf

    e unha, como contrapunto, de Chus Pato>>> “…a destrución en Galicia non atinxe o inorgánico. Por iso non podemos dicir que teñamos ruínas, a destrución en Galicia correspóndese coa desarticulación do tecido social e con parámetros morais, por iso non podemos soster que teñamos ruínas (as ruínas lingüísticas, as ruínas de unidades productivas e mentais non son avaliabeis)…”

    grazas Sole e Manuel por este ano de descobertas e iluminacións compartidas, e por se non me vén a conto outro comentario ou non vos vexo, unhas prematuras apertas de noiteboa e de noitevella e de noite de reis,

  4. 17 / Decembro/ 2010

    Precioso, de mayor quiero ser como Sole!! Que fotos!

  5. suso b.
    17 / Decembro/ 2010

    Manolo:

    Unha descoberta de moito calibre, semellante á casa xudea de Cabanelas ou á Ponte dos Mouros, das que tamén deixaches constancia. O único pero que lle vexo a esto da internet é que non se descubrira antes e que curiosos por natureza como ti non leven moitos máis anos amosando os lugares ocultos do noso país que incluso para mín que levo feitos moitos quilómetros non deixan de sorprenderme. Espero estar algún día a altura das túas aportacións e brindarte información sobre algo que paga a pena.
    As imaxes, como sempre, magníficas.
    Unha aperta

  6. Carmela
    17 / Decembro/ 2010

    Verdadeiramente fermoso! Aínda que da existencia da capela non tiña nin idea :)

  7. 17 / Decembro/ 2010

    Grazas! De Santa Columba ou Santa Comba de Naves hai algunha información, pero é alucinante o descoñecido que é, mesmo para as pandillas ou pandilleiros. Nin un só graffiti en todas as ruínas, e só unha lata de fanta tirada por alí. Todo un síntoma (non é coña) do envellecemento de concellos como Amoeiro. Xa non hai nin adolescentes gamberreiros.

  8. cristobal ramirez
    17 / Decembro/ 2010

    Excelente reportaxe

  9. Carlos Manuel
    17 / Decembro/ 2010

    Eu si o coñecía ( nacín en Ourense e meus avós son de Amoeiro ) e teño estado algunhas veces nel ( incluso teño feito magostos, fai anos xa, pola contorna; eso sí, deixando todo limpo ). É unha pena o total estado de abandono no que se atopan o convento e a capela ( pero eso xa é un mal endémico en Galicia ), estando tan cerca da cidade de Ourense como están e pertencendo a ese mesmo municipio.
    Podedes botar unha ollada as fotos e información deste enlace: http://www.viaauria.es/presentacion/Galicia/ourense/rutasou/ourense/creal.htm . Nel pódense ver, entre outras cousas, o pequeno museo etnográfico e o mirador sobre a cidade de Ourense que hai na aldea da Conchada ( perto de alí ); así como uns sártegos que hai no camiño real que leva a Santa Comba.
    Se visitades o lugar, ó rematar podedes ir a localidade de Palmés a tomar uu café, etc… e visitar unha taberna-tenda típica do rural galego ( o meu avó ten 94 anos e sempre a recorda igual ) que todavía funciona e sempre ten clientela.

  10. O Sorriso de Daniel
    17 / Decembro/ 2010

    Estabamos xa sen uñas de tanto mordelas dende que anunciaches a escrita da reportaxe.
    Deixaríades un chícharos polo carreiro para saber voltar á casa..
    Fermoso, fermoso, fermoso.
    A reportaxe e as fotos.
    Parabés e grazas!

  11. 17 / Decembro/ 2010

    A capela está agochadísima. Eu descubrina porque fiquei un tempo parado nos penedos da estrema do mosteiro, mirando cara o Miño e o bosque, e de súpeto distinguín un arco entre as árbores. Eu pensaba, inicialmente, que era a entrada ao recinto do mosteiro. Seguimos o camiño real por abaixo pero o arco non aparecía…entramos na finca por outro lado e tampouco. Tivemos que volver aos penedos e cruzar a monte baixando polos penedos. Case deixo un ollo no intento, pero chégase ben.

  12. Xose
    19 / Xaneiro/ 2014

    Ola, moi boas fotos.
    Coñezo moi ben este lugar dende meniño xoguei entre esas pedras. Quería indicarlle que a parte destes dous edificios, o mosteiro e a capela, hai un pombal e tres fontes de onde obtiñan a auga os monxes (ainda que só quedan duas, e só unha segue intacta e mesmo conserva un pilón). Teño a foto de unha destas fontes (feitas co mobil… ) por se lle interesa podo enviarlla, se me indica como

  13. Xose
    19 / Xaneiro/ 2014

    Por certo, Naves pertence ao concello de ourense.

  14. Novoa
    18 / Xaneiro/ 2016

    Santa comba vendida a un privado…os corvos seica teñen que encher as arcas.

  15. 18 / Xaneiro/ 2016

    Non sabía. Que mágoa!

  16. 23 / Xaneiro/ 2016

    Grazas, Xavier!

  17. paco
    10 / Febreiro/ 2016

    Me pregunto quen e mais corvo, o que deixa arruinar ou o que tenta reconstruir.
    esa propiedade nunca foi do pobo e a min no me gustaría que se gastasen impostos nesa mole pra montar un chiringuito político que so da perdidas e enchufes pra os de sempre.
    Que siga así ou que se faga cargo del un privado e se gana moitos cartos mellor pra el e pra todos os orensanos.

  18. xose
    12 / Decembro/ 2016

    o mosteiro estaba desamortizado dende 1846. A igrexa nunca deu explicación de con que dereito asumiu a propiedade de algo que non lle pertencia. Que alguen o queira reconstruir está ben. Que se faga sen dar a máis minima explicación de como se adquiriu a propiedade, eu perosalmente, teño o documento no que o propio obispado afirma que dita propiedade non lle pertence. con data de 2014, pero cando aparece comprador resultou que xa por arte de maxia voltaba pertencer ao ao obispado. Mesmo cando hai donos recoñecidos e con papeis. Por outro lado hai que ter moita valentia para falar de quen é a propiedae ou de quen deixa de ser seen dar ningun dato. De momento os que coidaron de unha propiedade desamotrizada foron os veciños. E dende logo quen se tiña que facer cargo debería ser a administración pública. Direi tamen que dende que o adquiriu este particular peligra todo o patrimonio de santa comba, xa non só o edificio no que empezan a caer pedras por culpa da irresponsabilidade de quen desbrozou as enredadeira e fixo fogatas con elas dentro do edificio, se non tamen todo o que o rodea, este edifici precisa unhas infraestructuras que só se poden construir destruindo patrimonio natural ( está no medio de unha fraga que está protexida), e pola que se chega só por camiño real, polo que non se pode meter maquinaria pesada. Ourense non vai gañar un duro nunca mentres se consintan este tipo de nogocios nos que comen catro mangantes, os curas, e os amigos da deputación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará