Pratos de conforto na Casa Pendás en Narón

Last updated on 12 / Decembro/ 2010


Callos con bacallau en Casa Pendás. Fotos: Sole

Ao longo de toda Galicia hai xoias gastronómicas, espazos que viven alleos ás dinámicas máis coñecidas e mediáticas. Hai periferias da gastronomía, e periferias das periferias, pero como sempre acontece con elas, a propia noción de periferia sempre é un engano. Periferia con respecto a que? Durante dúas horas e media, os pratos de Casa Pendás foron o centro, non a periferia, da nosa experiencia gastronómica, e supoño que o mesmo acontecería nas demais mesas do restaurante. O centro está onde un quere que estea. O luns estes callos con bacallau e outros pratos eran o noso centor. E vou explicar por que.

Había bastante tempo que queriamos visitar a Casa Pendás [T: 981 36 80 98 / localización], en Narón, unha iniciativa dunha xoven parella da Coruña e Pontevedra, Afonso e Sonia, radicados na cidade herculina. Un amigo pasoulles a referencia desta casa en estado ruinoso no rural naronés; iniciaron a rehabilitación e hai seis anos abriron un espacioso local que combina unha estética de casa de turismo rural coas comodidades dun bo restaurante.

Aínda que na carta non figura expresamente a posibilidade de escoller un menú degustación, sabiamos por un blogueiro, Daninland, ao que lle encanta este lugar, que o ofrecían. Así que ao consultalo accederon a facérnolo. Comentándoo despois con Alfonso, o cociñeiro, indicounos que non hai problema en facelo no momento pero que incluso é mellor se no momento que reservades o indicades. Os clientes da zona non adoitan estar acostumados a pedir un menú degustación e se cadra iso explique un tanto a lentitude inicial no servizo do menú (que despois se recuperou).

De aí comezou a sucederse unha proposta diferente ao que é habitual nas propostas de nova cociña en Galicia. Se cadra porque Casa Pendás sitúase nun punto intermedio entre os pratos tradicionais, o espazo local e a ilustración. E a marca diferencial, como sinalou tamén Pantagruel, que tivo oportunidade de probar o mesmo menú ao día seguinte, é a presenza da culler, a constante do guiso, a preservación da técnica da cociña de preve, lume manso. Eu sempre penso que é no norte de Galicia onde estas cociñas de guiso continúan a manterse, moito máis que na restauración do sur de Galicia. Non sei cal pode ser a explicación.

O resultado dos bos guisos xa o sabedes: o sentimento de conforto. A sensación de pracer, de disfrutar sinxelamente da gastronomía, de negociar entre recordar no teu pasado eses pratos e ver que de novo lles achegou un cociñeiro novo con gañas de facer cousas.

Tras un entrante de croqueta Joselito e pans con alioli, ofreceusenos uns ovos con espinafres e papada de porco e de seguido un guiso de polbo, ao vello e tan clásico estilo, cun caldo concentrado que amolecía os bos raxos cortados do animal; o seguinte foi para min un dos grandes momentos do menú: unha vieira con crema de lentellas cunha cama de micuit e un falso coral feito cunha allada. Grandísimo. A sensación saborizante continuou despois cun arroz de choco e prolongouse con outro pratazo: callos con bacallau. As finas lascas do peixe, perfectamente desalado para poder afrontar o prebe dos callos converten a proba deste prato nun curioso xogo entre as dúas texturas xelatinosas de mar e terra. Rematamos cun paspallás con cogumelos e castañas, que estaba correcto aínda que o paspallás -como adoita acontecer con esta ave- se cadra demasiado seco.

Os postres tiveron dous grandes momentos. No milfollas de piña estofada, a froita é unha delicia; outro dos grandes momentos foi o segundo postre: un cremoso de arzúa con boletus confitados, que é unha proposta un tanto atípica pero francamente deliciosa.

De viño tomamos un Hombros 2003, un mencía do Bierzo se cadra con demasiada barrica, aínda moi nervado. A adega ten unha certa cantidade de referencias de diferentes denominacións: atrévese a mirar alén das denominacións tradicionais e explora outras terras.

Ao rematarmos, eu tiña unha sensación doce: por unha banda, disfrutaramos cunha cociña moi ben executada desde o punto de vista técnico, pero tamén cunha sensación pracenteira que me empurraba unicamente a rememorar e disfrutar dos pratos. Supoño que tiña que ver con eses pratos de culler, do guiso, do calor no corpo, desta ponte de tempo miserable que vivimos. Pero tamén a satisfacción de ver como eses vellos pratos continúan a ter un gran recorrido na cociña contemporánea. E que a súa fórmula é infalible. Quentar, confortar. Como as persoas sentan ao carón do lume. O mesmo acontece cos guisos.

O prezo do menú degustación é de 40 euros, que me pareceu moi razoable. Co viño, a cousa saiu en 51 euros por persoa. Se comes de carta, calculamos que o prezo por persoa podería saír nuns trinta e poucos euros.

5 Comments

  1. DANINLAND
    9 / Decembro/ 2010

    Esas fotos si que fan xustiza ós pratos e non as que tomou o pastrán do DANINLAND ese ;)

  2. 10 / Decembro/ 2010

    Que va, home. A verdade é que ir á Casa Pendás era como visitar un xeito que xa coñecías, a través dos teus posts!

    O certo é que aínda non vimos case nada, coma quen di. Haberá que volver para probar máis cousas das que ti probaches. :-)

  3. Gonzalo
    18 / Xaneiro/ 2011

    A verdade é que a este lugar fáltalle algo que faga que mereza a pena o deprazamento. No hai ningún prato que poda calificarse de “especial” ou “exclusivo”. Sólo polo que custa chegar ata ese lugar deberían ter algún valor engadido.

    A carta é moi básica. Paradóxicamente a de viños é bastante ampla e completa, o mesmo que os postres. O que pasa é que de viño e doces non imos xantar…

  4. 19 / Xaneiro/ 2011

    Discrepo absolutamente. En primeiro lugar, que eu saiba Narón non queda a tanta distancia de nada. En segundo, eu non me movo polo ‘exclusivo’ pero si polo rico, polo satisfactorio e polo excelente. Creo que Casa Pendás é un magnífico destino se andas pola zona zona de Ferrol / Narón / Fene, e creo que destaca moito sobre a gastronomía da zona, cando menos a que eu coñezo.

    En todo caso, son opinións persoais. Pero calquera pode ver as fotos de enriba e valorar por si mesmo a ver canto de especial, exclusivo ou simplemente rico teñen eses pratos. Eu volvería esta fin de semana mesmo.

  5. Gonzalo
    19 / Xaneiro/ 2011

    Estimado amigo magago: Pode qeu non me explicara ben. O restaurante non está no mesmo Narón (vila que está preto de todo, coma ben dices) senon que atópase nun lugar dunha parroquia nun desvío, co cal é bastante fácil perderse.

    Polo que respecta aos pratos (que é o que máis non interesa ¿non?) O que pretendía decir é que non atopei ningunha referencia que me permitise afirmar “vou alí solo por tomar este prato”. Penso que na comarca hai lugares con unha carta similar. Ao mellor é que temos unha oferta bastante boa por Ferrolterra.

    Vexo as fotos e lembro os postres, non tanto polo peixe. Pero iso xa son opinións persoais. No que si coincido contigo é coa carta de viños. A referencia do Mencía que pos non a coñecía. Tratarei de probalo.

    Grazas pola resposta e noraboa polo teu blog. Discrepancias aparte é un bo blog.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará