O Almanaque de Encantos, de Calros Solla e a cadea das escoitas

Hai moitos, moitos anos, decidín emprender un exhaustivo traballo de recollida de lendas da miña parroquia natal, Palmeira, no concello de Ribeira. Día tras día, gravaba en cassettes TDK o que me contaban sen medo aquelas vellas e vellos, todos en confianza: por sorte, as portas estaban abertas ao neto do Carreirán. Lembro aquel verán coma un reino de palabras que cambiou, coma todos os fitos importantes, a miña vida ensinándome dúas cousas.

O primeiro foi descubrir que aquel mundo de defuntos voadores e urcos comedores de escuma de mar non estaba oposto ao mundo da ciencia, da tecnoloxía e da modernidade; ese arcaico esquema decimonónico da tradición contra a modernidade non era real, había que comprendelo doutro xeito, había que repensalo. Os meus non eran indíxenas doutro mundo antigo, senón cidadás do presente coma eu cría ser. A fantasía, en Palmeira, pasaba con naturalidade das corredoiras mestas de loureiros ás camionetas e os autobuses. Aquel mundo non era escuro, senón luminoso, ao seu xeito, á luz das candeas e dos quinqués. A segunda sorpresa foi, tras días de enorme confusión, un diagrama que conseguín facer: nel situaba mouros, urcos, defuntos, a Compaña, a xente cativa, os vagalumes, nunha roda. Ao redor deles, o mediodía e a medianoite. Lembro que ía no autobús e, de súpeto, todo aquel fato caótico de historias tiña un sentido. Era coherente. As historias non estaban dispersas; eran, en certo xeito, parte dun todo. A comprensión, toda comprensión, baséase na escoita. Na escoita paciente.

A ollada de Calros Solla sobre a súa parroquia, Cerdedo, neste Almanaque de Encantos reeditado por Morgante, ten a virtude de construír, e de reconstruír, esa cosmogonía hiperlocal: como as follas dun vello códice que se guindaran ao vento desde o veciño Portalén e foran caendo polas aldeas, soutos e regatos da Terra de Montes, e cada quen interpretara pola súa conta. Pero, coma cos mitos dos aborixes australianos, quen senta calmo a escoitar percibirá o son harmónico de todas as palabras e a música de fondo. A escrita de Solla, rica na súa teima estilística, humorística nese agudo sentido co que Cunqueiro adoitaba tratar as vellas tradicións, é como a partitura na que se depositan trasnos e tesouros. O autor enche de sentidos os espazos de Cerdedo, para que alguén, cando lea estas páxinas, converta eses sentidos en sentimentos. Eu pregúntome como se lerá este libro, todos os libros que codifican a vella tradición deste país, dentro de cen anos. ¿Haberá bibliotecas? ¿Atopará estes libros da Terra de Montes, vellos e coas follas pegadas da humidade, un neno no faiado? Gustaríame pensar que así será. E que sairá a pasear polas corredoiras baleiras (ou cheas) de Cerdedo. E procurará os segredos que Solla deixou por escribir ao final do Almanaque, que só apuntou ao final ao mellor xeito da lista de tesouros do Ciprianillo, porque o escritor só é parte dunha cadea de escoitas pacientes e alguén máis debe volver, despois del, a sentar e continuar escoitando.

Atopará o neno estes tesouros?

5 Comments

  1. Anxo
    9 / Novembro/ 2010

    Si non lembro mal, a parroquia de Calros Solla é Abelaíndo (concello de Cerdedo) na aba do Xeixo.

  2. Manuel
    9 / Novembro/ 2010

    Galicia necesita moita xente coma vostedes, Gagos e Sollas por todas partes. Coñezo o esforzo silencioso de Carlos Solla por pintar un Cerdedo de conto de fadas cando a realidade é ben distinta. Hoxe por hoxe, á vista do que vai publicando neste blog, traballar pola nosa cultura estase convertendo nunha actividade subversiva. Felicidades polo traballo.

  3. 10 / Novembro/ 2010

    Moitas grazas, Manuel; afortunadamente hai moita xente neste barco, agora, antes e estou convencido de que a haberá nos vindeiros anos.

    Falar do noso patrimonio debe combinar as dúas cousas, que é o que fai o señor Solla: a denuncia e o engado, non sempre ao mesmo tempo. Só así podemos ser conscientes das situacións e, ao mesmo tempo, seguir tendo azos para defender a cultura e amosarlles a outros cidadáns por que é tan importante defender a memoria. Investigación e divulgación, ciencia e poesía. Compromiso e divertimento. Precisamos que, co noso patrimonio oral, histórico e natural, convivan todas estas cousas.

  4. 10 / Novembro/ 2010

    Anxo, grazas polo apuntamento!

  5. Adela
    12 / Novembro/ 2010

    Fíxenme co libro. Moi bo traballo. ë unha gozada ver nun libro os contos que cje contaban os abuelos. Son de Cotobade, dunha aldea cerquiña de Cerdedo e apunto que Abelaíndo é unha aldea da parroquia de Cerdedo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará