Publicado o 3 / Novembro/ 2010 en: Destacado, Notas arqueolóxicas

O drama (histórico) do Porto Exterior da Coruña


Obras do Porto Exterior da Coruña. Alí estaba antes o castro de Punta de Muros.

Non é doado contar o que vou relatar aquí, pero vou tentar facelo o mellor que sei. Gustaríame que se comprendera ben a relevancia, as consecuencias da historia que vou contar.

No 2005, por tres diferentes fontes do sector da arqueoloxía profesional, chegoume un ruxe-ruxe que non cesaba. “¿Enterácheste do de Punta Langosteira?”, viñan dicindo todos. O rumor aludía a un importante achado localizado na zona de obras do Porto Exterior da Coruña, en Punta Langosteira. Ninguén sabía todos os detalles sobre a cuestión, xa que o asunto levábase con moito silencio e os datos eran algo confusos. Pero todo o mundo coincidía no mesmo: era algo excepcional.

Nunha península chamada Punta de Muros, dentro das obras de preparación para a infraestrutura do Porto Exterior da Coruña, escavouse un castro. A oportunidade, en si mesma, era excepcional: era a primeira vez que se escavaba un poboado da Idade do Ferro en toda a súa integridade, empregando a mesma metodoloxía e técnicas para todo o poboado. Unha oportunidade única desde o punto de vista científico. A escavación foi realizada por unha empresa dirixida polo arqueólogo Juan A. Cano Pan; o castro axiña se revelou nun xeito que non era o convencional, o coñecido ata o momento na Idade do Ferro, un modelo practicamente novo. O proceso de exhumación foi rapidísimo para os prazos habituais da arqueoloxía, aínda que non a de urxencia. En xaneiro de 2005 iniciouse a escavación do castro. Coa chegada do verán de 2005 o proceso estaba concluído e o 100% do sitio arqueolóxico estaba á vista.

Cando sentín o ruxe-ruxe quixen ir ver o castro. “Pois non vas poder”, dixéronme, “acaba de ser destruído polas escavadoras”. As máquinas demoleran o achado para continuar coas obras do Porto Exterior. Teñan por certo que, se aquel castro aínda estivera en pé, tería collido o coche, ido alí e teríao amosado, obtido imaxes para o que virades, o que fora. Xa o fixen noutras ocasións, como no castro de Castrelo, na parroquia de Soesto (Laxe), no que apareceu unha muralla monumental e nunca se presentou ao público (¿segue aí?¿destruiuse?).

O Porto Exterior da Coruña enguliu o castro da Punta de Muros, con rapidez, pouco despois de rematar a escavación. O 7 de xullo de 2005, só sete meses despois do inicio dos traballos arqueolóxicos, “liberalizouse” (na terminoloxía das obras públicas) a zona sur do castro e as máquinas entraron, destruíndo boa parte do lugar. O 28 de novembro dese mesmo ano rematouse co que quedaba do recinto arqueolóxico.

Non cheguei a tempo.

Nos seguintes meses, tecendo conversas e outros materiais, cheguei a coñecer ben ese castro, e como poderá facer escribir outra vez os libros de Historia galega. O propio Porto Exterior sacou a concurso público un centro de interpretación do castro desmantelado “con restaurante”. O prego non abondaba en que fora o que se atopara alí, aínda que falaba das “características especiales” do lugar. ¿”Características especiales”? A idea da Autoridade Portuaria da Coruña era rescatar algunhas das estruturas, que foran extraídas do castro, para seren reconstruídas nese centro de interpretación, co obxectivo de “devolver” o patrimonio cultural.

Se chegaches a esta altura do texto estaraste preguntando que había no castro de Punta de Muros que o facía tan especial. Desde ese xaneiro de 2005 ata agora non houbo nin un só texto publicado, ningún estudo, ningunha monografía, ningún plano publicado de xeito oficial sobre ese castro destruído. Pero nunha publicación andaluza publicouse estes días o primeiro texto no que o director da escavación fala publicamente do lugar, se ben abondando nun aspecto parcial, pero clave da escavación: os metais. O texto, asinado por Juan A. Cano Pan e o profesor da UDC Fernan Gómez Filgueiras de Brage La Paleometalurgia del Poblado de Punta de Muros (Arteixo, A Coruña) en el contexto de la transición Bronce Final – Primera Edad del Hierro e dispoño dunha copia en PDF que te podo enviar se me mandas un correo.

Pois imos aló. O castro de Punta de Muros era un xacemento antiquísimo: ubicado nunha zona remota, illada, estéril e sen potencialidade agrícola, aquel lugar comezou a dar datos sospeitosos. O Carbono 14 revelou unhas cronoloxías moi, moi temperás nun poboado castrexo, moito máis do habitual:

los inicios de la construcción del poblado podrían estar en los inicios del siglo IX, para alcanzar la fase de máxima ocupación y actividad entre los siglos VIII y VII (…) La superficie del poblado pasó por cuatro fases en la utilización de ese espacio. La primera y de mayor intensidad fue la construcción de una aldea fortificada y la utilización de ese espacio durante 400 o 500 años, durante la Primera Edad del Hierro. La segunda, se corresponde con una reutilización residual de ese espacio, más de 500 años después de la desaparición del poblado, por gentes culturalmente encuadrables en el mundo galaico romano.

É dicir, este poboado foi abandonado na II Idade do Ferro, un tempo no que no mundo castrexo se produciran grandes cambios sociais que se traducían en novos tipos de asentamentos, máis próximos aos vales, e novos modelos de fortificación. Aquel castro da Punta de Muros abandonouse para entón. A súa cronoloxía é fascinante: é, posiblemente, o castro máis antigo escavado en área nunca en Galicia. Unha potente muralla de pedra protexía o recinto.

Sen embargo, a sorpresa chegaba ao ver a pranta do lugar.

A maior parte dos castros, lembrarás, teñen unha malla de casas circulares. Pero aquí, as cabanas eran alongadas. Abraiantemente alongadas, nunha forma descoñecida en Galicia ata o momento nun castro. Esta sucesión de cabanas alongadísimas, ademáis, tiñan unha lóxica. Case todas as casas dispuñan de fornos de metalurxia, pero existía unha organización:

Así mismo se detecta una distribución espacial del poblado, en función de las distintos procesos metalúrgicos, resultando una orientación NE – SO en la alineación, determinada por los requerimientos del laboreo metalúrgico.

O castro carecía de instrumentos agrícolas, ou de instrumentos que revelaran que os seus habitantes traballaban na terra ou no mar. Só metalurxia do bronce, beireando o século IX-VII antes de Cristo.

Este lugar era unha factoría fortificada da metalurxia do bronce. Pero non quedaba aí a cousa:

La singularidad de este yacimiento es que es un poblado dedicado a la metalurgia del bronce antiguo con dos procedimientos metalúrgicos distintos, uno para cada uno de los dos tipos de bronces que han sido identificados [con dos aleaciones distintas] (…) Una, a un uso funcional y objetos de uso directo, y otra, a un uso ornamental o simbólico.

É dicir, con aleacións de metais distintas para cada caso, por unha banda producían obxectos cotiáns e por outra banda, creaban obxectos ornamentais. Alucinante. Ten en conta que ata eses momentos a idea que tiñamos dese período é absolutamente nebulosa. Algúns indicios revelaban un pouco máis tarde a aparición de cabanas na posterior ubicación dos castros, e nada máis. E de súpeto aparece, nas proximidades da Coruña, un elemento que non debería estar aí nese momento. Algo totalmente novo, só equiparable a algunhas factorías fenicias no Mediterráneo nesa época, en momentos de elevado desenvolvemento do que se coñece como civilización, pero é inaudito na zona atlántica da península, e ademáis, no lugar non se atoparon achados de orixe mediterránea que falaran dunha interacción comercial co sur: o proceso parece endóxeno, propio desta sociedade do noroeste. Este sitio arqueolóxico transforma de xeito radical a nosa Prehistoria, creaba moitísimos interrogantes, sobre unha sociedade da que, de súpeto, amosábase un considerable grado de complexidade. Pensade en que se trata, para a época, o Bronce Final, dunha instalación de alta tecnoloxía, escondida nun lugar remoto, e sen capacidade de subsistencia autónoma. Todo isto aconteceu moito antes dos castros tal e como nós os coñecemos -pero o abraiante é que ese lugar era un castro.

Pois ben, todo isto foi escavado rapidamente; durante todo o proceso, non se comunicou nada á comunidade local, nin á cientifica nin aos medios, sobre o que alí se atopou. Todo se mantivo en silencio, malia coñecerse perfectamente a relevancia do evento. Os responsables da Autoridade Portuaria, canda a Dirección Xeral de Patrimonio Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura, tomaron a decisión de facer desaparecer o xacemento, de costas aos cidadáns, lexítimos propietarios e financiadores da escavación do sitio arqueolóxico, tanto da comunidade local de Arteixo como do resto do país. Nada disto se soubo. O cemento do Porto Exterior anegou rapidamente o lugar. Cando xa todo pasou, cinco anos despois, comezarán a aparecer as primeiras publicacións sobre o lugar. Que cada quen saque as súas conclusións sobre o motivo deste silencio.

Outro detalle do calibre deste silencio: a Autoridade Portuaria organiza visitas guiadas ás obras do Porto Exterior da Coruña desde hai varios anos, para amosarlle aos cidadáns o proxecto. Nunca as organizaron durante a escavación do castro.

Cinco anos despois, como mínimo hai que facer unha reflexión sobre a xestión política da arqueoloxía neste país. Sobre a ocultación, sobre unha xestión de patrimonio de despacho, sobre decidir sobre o patrimonio de costas aos cidadáns que o financian, sobre a dignidade da nosa Historia. O que aquí pasou foi terrible, propio do máis taimado construtor especulador; a diferencia é que foi financiado, silenciado e decidido por institucións públicas, que actuaron en connivencia para que o achado máis importante da arqueoloxía galega das últimas décadas non creara problemas a unha obra, o Porto Exterior coruñés, na que confluían numerosos intereses políticos, mediáticos e económicos. É un dos capítulos máis vergoñentos da nosa arqueoloxía recente, pero ninguén pedirá responsabilidades por el. E non se trata de decidir aquí, neste post, se o castro debía pervivir ou non, ou sobre que era o importante, se o Porto Exterior ou a primeira factoría fortificada da Idade do Bronce localizada na Europa atlántica. Aquí queremos horrorizarnos con este silencio das Administracións que actuaron en connivencia, sabendo que tiñan unha pataca quente nas mans, que decidiron sobre os bens públicos sen contar cos cidadáns.

A Consellería de Cultura manifestou a súa vontade de tentar reformar a Lei de Patrimonio do país. Desde Capítulo Cero, queremos aportar ideas para que a nova Lei evite que volvan producirse situacións coma estas. Que a lei incorpore o principio de publicidade, divulgación e libre acceso á información sobre todos os sitios arqueolóxicos escavados, na medida en que son bens públicos, dentro do exercicio da responsabilidade (e que se limite claramente ese exercicio a casos excepcionais). Que a Lei obrigue a elaborar informes públicos sobre os sitios arqueolóxicos antes de que estes sexan destruídos, para que todo o mundo sexa consciente do que se perde e se se debe perder. Que a Lei obrigue, de algún xeito, a vincular os sitios arqueolóxicos coas súas comunidades locais.

¿Aprenderemos algo deste drama da nosa cultura?