Santos Díez e o país reinterpretado

Last updated on 5 / Outubro/ 2010

Estes días Galicia anda de relecturas urbanas. Interesantísimos programas como Outonarte na Coruña ou A cidade interpretada en Santiago inciden no mesmo: os espazos que habitamos poden ser vistos doutro xeito. A mirada sempre é unha convención. Uns cantos póñense de acordo para convir en ver un espazo dun xeito. Pero hai outras formas de velo, mesmo de alteralo. Poñamos por caso a imaxe turística de Galicia: un río e unha carballeira. Sen embargo, boa parte da superficie do noso territorio son terras altas: montes de penedos grises, toxo, breixo e uz. Toda esa parte do espazo está ausente da representación do país. Galicia ten carballos, por suposto, moitos máis eucaliptos -aínda que non nos guste ensinalos- pero, sobre todo, o que ten é toxo, aínda que estea ausente da noción do que é visualmente Galicia. ¿É feo o toxo? Boa pregunta.

Eu pregúntome en que medida tanto discurso da Galicia do feísmo e da chapuza gallega non agocha e reflicte no noso subconsciente -moitas veces, de xeito involuntario- a problemática relación co noso territorio, pero sobre todo, coa nosa identidade, que arrastramos nas últimas décadas. Porque o feísmo significa, esencialmente, que unha parte da sociedade percibe como horror o que outra percibe como normalidade, ou mellor aínda, como solución eficiente. En todo o discurso sobre o feo e o bonito en Galicia ninguén se para a pensar nas causas desa aparente fenda do gusto. ¿Será que non pode ser discutido en termos feo/bonito, senón nas nocións instrumentais que unha sociedade aínda en parte tradicional emprega para adaptar o uso dos obxectos, ou sexa, en dualidades como útil/inútil, ou reciclado/”destragado”? Ben, isto é outro debate.

Cando me falan da Galicia do feísmo e das miserias do rural (que tamén ten casos de éxito na súa adaptación á modernidade, pero que non adoitan aparecer), teño claro que é un concepto construído. A min gústame contrapoñerlle outra construción: a Galicia que retrata Santos Díez, e que podes curiosear no seu web: é unha idea tan imaxinaria como a outra, pero ao meu ver, sitúa unha relación distinta co noso presente e co noso futuro. Esa relación é a de que estamos tamén nun mundo que segue o pulso do tempo. E, cando a ves, dis: este tamén é o noso territorio, esta lectura non é nin máis nin menos auténtica, pero si tan verdadeira como a outra. Por sorte, este pequeno país é complexo. Deberamos aproveitar esa complexidade, máis a miúdo, para inxectarnos algo dese optimismo que nos últimos tempos tanta falta nos fai.

One Comment

  1. X. Fraga
    6 / Outubro/ 2010

    Toxos are beautiful.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará