A Gran Catanza: mundos novos encerrados en cristal

Last updated on 21 / Xullo/ 2010


Fotos: Sole

¿Canto vale un viño? ¿Canto vale un bo viño?¿Canto vale o mellor viño?¿Pero hai un viño mellor que o resto?¿É o prezo o marcador?

En moitas conversas con adegueiros ou con afeccionados ao viño xurde sempre ese debate. ¿Que prezo hai que porlle a un viño? En segmentos de mercado baixos, hai fronteiras psicolóxicas que son decisivas. O euro que fai que un viño pasa de 9 a 10 euros de prezo ao cliente é un euro decisivo. E o que provoca que pase de 14 a 15 tamén. E o de 19 a 20. O prezo dos viños sempre é relativo: ten algo ou moito do traballo e investimento do viticultor, pero en determinados viños de produción pequena, ten moito de oferta e demanda. Durante a bonanza económica, algún inepto chegado ao mundo do viño colocaba os prezos antes das uvas e non tiña empacho en recoñecelo: 40 eurazos por un viño sen calidade contrastada. Así lle vai a adega. Hai moito de subxectivo nos prezos, pero tamén, ás veces, hai algo de verdade.


Un exemplo da personalización destes viños: o folleto do champagne André Clouet, escrito a man pola familia

Na Gran Catanza decidimos explorar o mundo dos viños difíciles de acadar para calquera das nosas economías. Isto da economía, da que me confeso un ignorante absoluto e non me vanaglorio de tal cousa, é cousa ben curiosa. Ás veces un non se achega a un capricho determinado por medo, pero facendo determinadas opcións en colectivo un pode chegar a moito. Beber o que nos bebimos, acompañados de ricos pratiños da Viña de Xabi, por 45 euros, foi unha auténtica ganga. Para min, o obxectivo, era coñecer a fronteira: tocar ese viños que só se serven nas catas moi especializadas ou vip, aqueles viños difíciles de conseguir, difíciles de tocar, e coñecer a fronteira e o límite.

A miña percepción, durante toda a cata, tivo algo de vertixinosa, como de tocar mundos distintos, diferentes, dos que nos asomabamos por riba do muro. Ás veces, individualmente, a selecta caste da outra banda do muro nos chamaba a algún de nós, e se producía o empate: non me refiro a igualar o partido, senón que de tan heteroxénea lista de viños, os que estabamos na cata conectabamos de forma singular con algúns deles. Outra volta, escoitábalos besbellar nunha linguaxe complexa que non acadabas a entender, como élfico ou kriptoniano. Unha linguaxe de solera que precisarías escoitar máis tempo.

¿Que dicir dos viños? Aínda estou pensando nalgúns deles, lembrando con matices as achegas que cada un me deu. A bota de manzanilla pasada é unha auténtica xoia de potencia olfativa sen igual. Seguimos co champagne André Clouet 1911, unha auténtica xoia. Só 1911 botellas e a certeza de que, por fin, no meu caso, hai un espumante que me chegou o corazón. Fumos varios os que botamos en falta unhas tres ou catro botellas máis na mesa, por acompañar e tal. De alí chegamos ao viño mítico de Nicolas Joly, la Coulée de Serrant, do Loira. Son 20.000 ou 25.000 botellas dotadas da aura, un tanto mística, da biodinámica. Un viño diferente a todo, un viño que evoluciona sen complexas, sabendo a si mesmo, cunha cor dourada, case alaranxada coma un solpor en Caamaño. De alí viaxamos a Montrachet, á Borgoña, ao Domaine Morey Coffinet 2006, catando un branco profundo e cunha madeira da que aprendemos. Os borgoñóns non machacan o branco con barricas de primeiro ou segundo ano. A madeira é máis sutil, como unha fogueira no outono, que percibes ao fondo do val. Son os chardonnays de Borgoña, viños tamén espirituais.

Os camiños leváronnos ao pago de Pechstein, ao Riesling, onde Dr. Burklin-Wolf fai este viño (anada 2001) de profunda nariz, mineral, basáltica e con hidrocarburos, e unha frescura case como de recén nacido. E volvimos á península, volvimos a un viño escaso, un dos grandes viños españois pero máis novos. El Nido 2006, de Jumilla, vinificado por Chris Ringland nos viñedos da familia Gil. Un viño moi parkeriano -concentrado, gran nariz-, e cunha enorme potencia alcólica mediterránea -15,5º-, que espertou debate entre os catadores. A min encantoume: é un viño para beber lentamente, nunha noite de inverno e outono, de deixar respirar e escoitar evolucionar, un viño tremendamente profundo e de personalidade enorme. De aí viaxamos ao gran clásico de Castela: o viño da aristocracia, da alta burguesía e das ritualidades. Un Vega Sicilia Único 1999, unha auténtica xoia, que me xenerou unha sensación ben curiosa. Para min era como mirar a fachada da Catedral no Obradoiro. Non é o estilo artístico que me gusta, pero valoro, recoñezo e disfruto o pensamento e a disposición de Casas y Novoa. Pois co Vega Sicilia igual. Un viño do ano 99 que seguía floral, frutal e fresco, cunha madeira integrada ao vello xeito, cambiada e trasegada, con uvas seleccionadas de xeito delicioso, que se resume nunha única palabra: sabiduría. Un gran señor, un tanto antigo, de pano na chaqueta, de xemelgos dourados, elegante no seu paseo con bastón de pomo de prata pola Alameda. Non é o teu estilo, pero se tiveras sombreiro o quitarías. Iso é Vega Sicilia. ¿Vale o que custa? Aí toca decidir. Eu botei en falta tomar un par de copas máis, e deixalo evolucionar varias horas a ver que pasaba.

De aí navegamos sen medo ata outra xoia de Ordóñez. O Ordoñez Esencia nº4, o último moscatel viñificado por Alois Kracher na Axarquía de Málaga. Só se fixeron 500 botellas desta marabilla enolóxica. Un néctar de moscatel de Alexandría espeso, intenso, absolutamente único, no que aparecen as noces, os campos brancos cheos de margaridas, as notas de hidrocarburos e o mel.


O famoso queixo de San Simón á prancha da Viña de Xabi.

Fumos acompañando todo cos pratiños que Xabi nos ía sacando na Viña de Xabi, cuartel xeral desta cata, ao que lle temos que agradecer moito o apoio para realizar esta soñada cata. Esteban, da distribuidora Redoma Calidad, que tamén nos apoiou achegando a botella de El Nido e a de Ordóñez nº4, ofreceunos para rematar un whisky das illas do norte de Escocia, achegándonos ao mundo -para min descoñecido- da cata de whiskies e ofrecéndonos trucos para facelo. Un día haberá que entrar neste tema en profundidade.

En fin, un auténtico desfase de cata. Unha cata para coñecer moitos dos límites, das producións especiais, case soñadoras, que non poden ser viables en grandes números comerciais. Non será a última.

POSTPOST: E agradecer a Jorge, a Lorena e a Miguel que se nos uniran no festival.

6 Comments

  1. francisco-adega da pinguela
    19 / Xullo/ 2010

    Que envexa!! pensei apuntarme para esa ultima plaza que ofreciades, pero ese dia non me “encaixaba” ben ir dende valdeorras a santiago, a cousas como esta “gran catanza” teñolle ganas e penso que non tardarei en organizar algo, por certo aproveito para decir que estades invitados a unha cata en valdeorras de godellos por exemplo, ou dos que eu chamo “novos tintos” con godellos……si entrades no facebook da miña adega -adega da pinguela- que acabo de crear este fin de semana podedes aportar cousas, vou ter foros abertos -xa abrin un- para que a xente opine. un saubo e noraboa pola catanza.

  2. Lorena
    19 / Xullo/ 2010

    A verdade é que somos nós os que temos que dar gracias por poder desfrutar dun Festival así (é a palabra que mellor a define: “festival”). Coincidimos plenamente en que había algún viño do que nos gustaría ter unha ou dúas botellas mías para poder degustalo toda a noite, pero a sensación coa que me quedo, e a que define para min a vivencia do venres pola noite, foi a de sentirme unha privilexiada por poder catar tanta exclusividade xunta. Unha séntese coma se estivera degustando un anaco do paraíso enolóxico plasmado nunha copa, e miras para aquela copa pensando que iso que vas beber é algo único, irrepetible nalgúns casos (como o Ordoñez nº4, “néctar de deuses”)e só pensas en desfrutalo ao máximo, en saborear cada gota. Unha vez máis, só podo estar agradecida por ser unha das 14 persoas que alí estabamos e queespera poder repetilo en máis ocasións.
    E como din os alemáns: “Prost!!”

  3. 19 / Xullo/ 2010

    Mola ter con quen compartir veladas coma a do venres. Gracias aos dous (a Sole e a ti) por organizalo todo.

  4. Miguel
    19 / Xullo/ 2010

    A verdade é que foi umha experiência bem singular e especial. Pola minha parte era a primeira vez que participava numha reuniom do estilo e as minhas dotes de catador som as comuns de todo bom taberneiro do país.

    Se calhar fórom demasiadas sensações juntas para umha única velada. Muitos e variados matizes que passárom a umha velocidade enorme, embora estarmos na de Xabi por quase 5 horas.

    Impressionantes também os “padrinhos” e as “madrinhas” dos vinhos, que bem documentados e quanta sabedoria para degustar tam excelentes e esplêndidos néctares!

    Obrigado e até a próxima

  5. 19 / Xullo/ 2010

    Grazas pola oportunidade de probar eses marabillosos caldos, e máis aínda “entre amigos”, dunha maneira divertida, para disfrutalo, dentro dunha cata digamos máis”informal” aínda que seria :-)

    Pareceume unha idea estupenda o de poder probar grandes viños entre varios. Gustoume moito, paseino estupendamente, e dende logo me apuntarei se hai novas oportunidades.

    Unha aperta e moitas grazas por unha estupenda tarde-noite enolóxica :-D

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará