Ribadeo: a vila que recorda outras vilas

Coido que foi Noa quen me contou o seguinte: cando os nenos dun campamento que ela dirixía visitaban Ribadeo como parte da didáctica das actividades, moitos deles daban a súa propia apreciación sobre esta vila fronteiriza. «Parece un pobo de piratas», dicían os rapaces, que procedían doutras partes ben diferentes do país. Esta apreciación encaixou directamente con aquelo que me levaba proendo por dentro todo o día.
Non coñecía de Ribadeo máis que o Cantón, alí onde está o maxestuoso edificio modernista dos irmáns Moreno que hoxe cae vergoñentamente a cachos. Nunca baixara ata o porto, nin me perdera por ruelas, corredoiras e pasaxes. Pero, ao facelo algo de vagar, funme facendo á sorpresa. Esta vila ten un carácter de seu, unha fasquía propia, única en Galicia. É a presenza do século XVIII, da Ilustración, do comercio marítimo. Ribadeo é un produto do comercio ao longo dos séculos. No seu escudo, dende vello, o elemento central é unha chave. É a chave que garda o Reino de Galicia polo norte, baixo a estrela polar que lle outorga sortes e fortunas, pero tamén, para min, é a chave do cofre do tesouro das riquezas.

O marqués de Sargadelos: o máis coñecido, pero non o único emprendedor ribadense do XVIII
Inglaterra, Bretaña e Burdeos, Alemaña, Riga, os países nórdicos, ligas hanseáticas e compañías de Indias, atlánticas de seda e vascas de ferro; é ron, Kümmel, viño bordelés e galego, aceites do Mediterráneo. Ribadeo é unha cidade pola que parecen pasear ilustrados de camiño a algún exilio británico ou cara unha expedición botánica nas Indias. Só temos en Galicia dúas grandes trazas urbanas da Ilustración: o Ferrol Vello -que é militar, e polo tanto, regular- e este XVIII de Ribadeo, construído con riquezas rapidamente especuladas, erguido sobre o plano medieval e renacentista da cidade. É ese espírito o que fai a Ribadeo unha pequena vila única no país. A súa trazas, a súa apariencia urbana -paseabamos pola noite- téñoa vista en Francia, en Inglaterra, en Alemaña, no sur de Francia, na Toscana, é Lisboa, son todas e ninguna. Todo son inspiracións e rexistros destes pazos limpos, plenamente urbanos, construídos con torretas vidriadas no seu alto para veren chegar os barcos. Os máis afoutados non comprenderán algunhas das heráldicas, e será normal: moitos destes burgueses se fixeron un escudo para figurar, pero carecían de brasón. É hoxe case a burla do rico fronte ao orgulloso.
Hoxe a traza ilustrada de Ribadeo esmorece, aínda que xa se leva moito recuperado. Ao facelo, preservamos un pasado noso que nos conecta estreitamente con Europa, e coa época na que Europa se fixo preguntas a si mesma que abriron novos camiños á liberdade e ao progreso. Dentro da área de rehabilitación integral -ese casco vello que baixa ata o mar- as cousas van cambiando. Quixemos facer unhas fotos, unha das múltiples miradas de Ribadeo. Na nosa escolla de hoxe, van edificios que representan a vellez e a decadencia, aquelo que nos presenta o esquecemento dese século das Luces. Se cadra a ollada tamén podería ter sido ao revés: o lento espertar arquitectónico desta traza urbana, e tamén ás casas indianas que enchen outro barrio próximo. Outra vez será, seguro.
Unha ollada ao vello Ribadeo





















Fotos: Sole Felloza e Manuel Gago
















Precioso. Ata é bonito o desleixo nas vosas fotos. Parabéns!
Grazas, Andrés. Buscabamos tamén diferenciarnos das típicas fotos turísticas de Ribadeo, tentando retratar unha época idea e o seu proceso de desaparición. Reitero que, aínda que descoñezo os detalles, os tempos e os métodos, tamén atopamos en Ribadeo importantes traballos de restauración e que o desleixo que debeu ter esta vila nos 80 xa non é tanto na actualidade.
Preciosas fotos. A parte vella de Ribadeo é coñecida por mín dende hai tempo. Ten un encanto difícil de definir, é certo o desleixo das décadas pasadas, pero manteño viva a esperanza de que os seus habitantes sexan quen de valorar e recuperar esta zona, enchendo de vida casas, rúas e ruelas, pero mantendo o seu especialísimo aquel.
Recomendo unha visita a aqueles que non coñezan aínda a vila de Ribadeo, atoparán moitas sorpresas.
De Ribadeo gústame todo.As noites de Setembro son as mellores para pasear e descubrir esta vila.
Recomendable a «habanera» que lle canta Nordestinas .
E…cumpristes aquelo de que en Ribadeo cada un paga o seu?.
Saúdos
Vai tempo que me ando a preguntar de onde sairía o dito «falsario» de que en Ribadeo cada un paga o seu. Xa son moi maior e podo asegurar que o que acontece é xustamente ó revés. Cando eu era nena, e logo de moza, saía moito con meu pai e a súa longa panda de amigos. Daquela «sair de viños» era o xeito de «alternar» socialmente. Sempre escoitei dicir á hora de pagar a propia consumición «Cobra tamén todo o que teñen aqueles». Era tan natural e frecuente que moitas veces voltábase á casa sen gastar un peso.En Ribadeo a xente non é, para nada, «agarrada».Que se saiba que ese dito é contrario á nosa forma de ser e que xa vai sendo moita hora de aplicar aquilo de «Rectificar…». Graciñas e namáis. Noraboa polas fotos. Son preciosas e moi orixinais.
María Luisa,estás certa de que es de Ribadeo? .Tiña entendido que non lles faltaba sentido do humor…Rectificar?
Sí, querida Violeta, de aquí de toda a vida. Nadiña que dicir do noso sentido do humor, pero a Deus o que é de Deus e ó César… sen ánimo de polemizar.
Eu son de Ribadeo e recoméndovos que vos pasedes cslquer sábado a noite por
a taberna O Bodegón e oiredes a xente cantar unhas preciosas habaneras
de paso que toma unhas cuncas de viño, e se queredes tamen podedes participar. Animadevos
Vivo desde el 2001 en Ribadeo no me costo nada acostumbrarme al pueblo a pesar de que venia de una gran ciudad.me enamore de sus gentes y su paisaje.aqui han nacido mis hijos y son la mar de felices.Solo hay una cosa que me apena hay tantos lugares que se podrian restaurar y sacarles partido,me apena que se vayan caiendo y se olviden.puñetero dinero!!!!
¡Aí nacín eu! Miña nai di que na mesmísima Casa dos Moreno, pero para min que esaxera.