Última actualización o 2 / Maio/ 2010

Na nosa procura de xacementos ubicados na época da República de Homes Libres, estamos seguindo un camiño que pode dar moito de si: o Camiño de Santiago a Fisterra -ese camiño que despois foi Camiño de Santiago pero que anteriormente debeu ser unha vía prerromana e unha vía secundaria da rede do Imperio romano. Un camiño vello coma o mundo, entre vales espesos e montañas ermas cheas de penedas. Aínda que nin se ven nin están sinalizadas, este camiño está inzado de fortalezas medievais e castros a ambas as dúas beiras, dun xeito tan intenso que nos vai levar un tempo exploralas. Algunhas poderían responder á Alta Idade Media, onde nós pousamos os ollos. Outras teñen un lapso de tempo máis grande, e pertencen máis a outras épocas. Pero teñen tamén o seu interese. Por exemplo: o Castelo da Albariña [localización], un dos nomes locais do que no inventario de patrimonio da Xunta coma o Castelo de Broño (creo, hai que verificar un par de montes máis da parroquia), en Negreira, e que tamén se coñece como Cotón das Albariñas. O lugar está inventariado coma un castro, e foino, pero cunha vida útil superior: un castelo da Idade Media, pertencente aos Mariño de Lobeira no territorio de Trastámara e que os irmandiños saídos de Compostela remataron por tumbar. Unha pequena investigación historiográfica seguramente nos ofrecería unha imaxe máis colorista deste bosque amurallado.

Castelo de Broño ou de Albariña, á esquerda. Apreciade o tamaño e a visibilidade do parapeto exterior.
O que hoxe se ve é unha potente secuencia de parapetos que se deberon reforzar na Idade Media, camuflados no medio do bosque ata coroar unha zona superior, e apreciables desde o aire. É moi grande. Parécese moitísimo a outra fortaleza medieval moi especial, Alcobre, en Vila de Cruces, do que nunca cadrou de falarvos. Un paisano de Broño, o señor José Brenlle, foi tan amable de levarnos polo castelo adiante e amosarnos algunhas das pequeniñas historias da memoria que, se non as transcribo aquí, van acabar perdidas para sempre, témome. En especial, aquelas que nos últimos séculos conectaron este lugar coa comunidade local. No alto do castelo houbo unha capela (que xa non se aprecia, aínda que hai unha plataforma sospeitosa) dedicada a Santa Mariña. De feito, aos pés da muralla aínda existe a fonte de Santa Mariña. Pero, coma o señor José Brenlle, emigrado en Bos Aires nos 50 nos veu cara de moito interese, levounos ata esta pedra:

Fotos: Sole
Estaba ao carón dun dos dous parapetos que se podían apreciar nesta banda do castro-castelo.
-Esta é a Pedra da Pipa -díxonos o señor José. Inmediatamente pensei que habería algún petróglifo cunha forma curiosa, pero non- un señor da aldea no teleclube, mentres xogabamos a partida, explicoume un día isto. Á bisavoa da miña bisavoa dixéronlle que cando había romería aquí na ermida de Santa Mariña sempre viña un carro cun pipote de viño. E metíano aquí debaixo da pedra para que estivera fresco todo o día.
Pareceume unha fermosa historia de microetnografía sobre os costumes do viño. Imaxinei a chairiña do carón que, a xulgar pola referencia oral do vello, debíanos levar se cadra a finais do XVIII, aos labregos disfrutando baixo as árbores e a croa da festa de Santa Mariña.
O señor Brenlle subiu á pedra máis alta do castelo e sinaloume outros dous castelos que se controlaban con este.
Moito hai que procurar, señores.

Creo que San Martiño de Braga non estaría moi contento de ver como a capela de Sta. Mariña xa non se atopa en pé; e que a fonte conserve nome e auga, penso tamén agora na fonte de San Xoan no Castro Valente; sería interesante ver si hai noticia de culto ou costumes asociados a este tipo de lugares nos Castelos Baleiros. “Porque encender velas xunto ás pedras e as árbores e as fontes e nas encrucilladas, ¿qué outra cousa é senon culto ó demo?”-De Correctione Rusticorum-.
Fíxate, Miguel, que hai un relato común a todas estas capelas. Que foron trasladadas. E sempre se dá o mesmo caso: ermidas ubicadas en lugares emblemáticos que, nun momento determinado, deberon perder a súa función e a súa pedra empregada para construír unha nova igrexa.
É un relato tan habitual que xa cheira. Eu non teño lido bibliografía que o considere folclore como tal, pero sospeito que, con independencia da veracidade do feito, o discurso é tan habitual que dáme que se trata dun patrón cultural.
O caso máis bonito co que me teño atopado é o de San Mamede do Castro, que tamén contei no blog:
http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2008/10/29/densidade-cultural-en-san-mamede-do-castro/
A quen lle interese o de San Mamede moito, que busque en Capítulo Cero que teño máis cousas:
http://www.manuelgago.org/blog/?s=%22san+mamede+do+castro%22&x=0&y=0
moito temos que procurar e que preservar, inda que por desgraza, isto ultimo parece ser pouco doado. Saúdos e apertas
Apaixoante!