As irmás Elizabeth e Encarnación. Fotos: Sole
O gran tesouro do Fórum 2010: estas dúas irmás de Ferreira de Pantón. Tarefa case imposible sacalas do seu antigo mosteiro de clausura, e unha das primeiras veces -senón a primeira- que se consegue en Galicia, grazas á capacidade de convicción de Sole e a unha química especial das relacións humanas e os xestos. Chegaron a Santiago -premeditadamente un taxi foi recollelas a Pantón cedo para que puideran ir á Misa do Peregrino- con tempo abondo. Sabían o que tiñan que dicir e fixérono. Eu non saía do meu abraio. Pero escoitábaas alí, na primeira fila do obradoiro, e algo se me remexía por dentro. Aquelo non era gastronomía como mediciña, senón algo moi profundo, que tiña que ver con como os alimentos están no medio das relacións humanas e da nosa historia.
As irmás Elizabeth e Encarnación viven no mosteiro cisterciense de clausura de Ferreira de Pantón. Durante un día, a nai abadesa concedeulles o permiso para crebar o voto de silenzo. E chegaron coa súa fariña do Lidl e as súas caixiñas de doces a un gran evento gastronómico da modernidade. Durante estes días do Fórum, estiven con moitos cociñeiros que debutaban por primeira vez en público: talentosa xente do país, que fixeron durante moito tempo un traballo silandeiro nas súas cociñas e que por primera vez amosaban as súas artes en público. Estaban aterrados. Nerviosos. Non durmiran a noite anterior. Ao falar, na súa seriedade antinatural, advertíase o pánico escénico.
Estas dúas monxiñas non. Diante de cento e pico persoas ríanse e fixeron do obradoiro unha festa, marcando o seu ritmo. ¿Por que estas mulleres non estaban nerviosas? Eu estou convencido de que era pola súa fe, así de claro. Elas estaban nunha misión. E sentíanse arroupadas. Fixeron todo o que pensaron facer e remataron como quixeron rematar. A serenidade que estaba detrás parecíase á dalgúns relatos relixiosos que tiña lido. Esa xente, encerrada no seu mosteiro de clausura, era libre. Sentíase protexida. E iso afírmoo tamén desde o meu libre, gozoso e sereno ateísmo. Sole anotou outra cuestión: se cadra os cociñeiros tiñan tanto medo porque procuraban o éxito persoal. Estas dúas mulleres non: buscaban como moito o ben da súa comunidade, e se cadra compartir cos demais un coñecemento secular. ¿Quen debía ter medo con iso?
Fachada do mosteiro de Ferreira de Pantón.
A emoción, claro, para min viña daquela profunda e simbólica relación entre aquelas monxas e aqueles doces que estaban a facer, co que elas viven no mosteiro. Todo un mundo simbólico que se materializa nas pequenas e humildes pezas de masa. As alegrías e as golosas. A tarta de Pantón. Todo imbricado en séculos de Historia. As monxiñas trouxeron con elas un fermosísimo almirez do século XVII, que durante séculos empregaron para facer a súa repostería. Tamén unha sorte de bandexa desa época que gardan a súa reliquia. As golosas son pastas cunha capa de mel intermedia que se obtén no bosque de carballos do mosteiro.
-Hai anos -di a irmá Encarnación- críase que o bosque era das monxas. Pero non había papeis. Así que tiveron que mercalo, pero as irmás non tiñan diñeiro. ¿E como ían facer? Como sabedes, cando unha monxa ingresaba no mosteiro tiña que deixar unha dote. Pero esa dote era intocable. O mosteiro non podía facer nada con ela máis que coidala. Se daba esa dote porque se pasaba algunha cousa e a monxa tiña que marchar, debía ter algún mecanismo de vida. Para podermos mercar o bosque, o Papa tivo que concedernos unha autorización especial coa premisa de que se devolveran os cartos das dotes en canto o mosteiro recuperara o diñeiro.
A cociña do mosteiro
Mel dun bosque mercado a partir de dotes. As monxas máis vellas lembran o tempo da fame no 36, cando entraron no mosteiro as máis antigas. Alí, en Pantón, o tempo pasa lento e a modo, sen calefacción ata hai poucos anos. Cando Sole estaba a preparar o obradoiro coas monxas, elas se comprometeron a dar todas as receitas. Pero algo non ía ben. As semanas previas a abadesa estaba preocupada, e as irmás máis vellas tamén.
-¿Pásalle algo, nai? -díxolle Encarnación.
-Nada, filla, nada.
Así estiveron uns días, ata que as máis veteranas de Pantón confesaron. A rosca de Pantón, ese era o problema. Un incrible amendoado, coa forma do escudo do mosteiro, que durante séculos foi o colofón das vodas da Ribeira Sacra: labregos e fidalgos acudían ás monxas para levar esta rosca plana e grande de volta para os banquetes familiares. A rosca de Pantón tiña unha receita segreda, que só se trasmiten as monxas máis vellas. As novicias non a saben. E elas prometeran dar todas as receitas. Ese era o problema. A promesa ofrecida.
-¡Pero non teñen por que dicírnola! -contestoulles Sole, aliviando a situación.
As irmás Elizabeth e Encarnación apareceron no obradoiro coa maxestuosa e secular Rosca de Pantón: unha auténtica reliquia gastronómica do país. Todo améndoa.
-Queremos chamar a atención sobre unha cousa -dixo a irmá Encarnación ao final do obradoiro, cando quería dicilo-; nós cremos que todos estes doces de améndoas veñen dos árabes que conquistaron a Península. E durante séculos, nos conventos desta terra fixéronse e repetíronse doces inventados polos árabes. Cremos que é toda unha lección sobre como deberan ser as nosas relacións nestes tempos difíciles. Aprender a encontrarnos entre nós e a compartir o mellor que temos.
Que enorme ovación arrincaron estas dúas irmás da clausura de Pantón. Co corazón nun puño, souben que estas son o tipo de cousas que a min me interesan da gastronomía: alí onde esta se mestura coa sociedade, o sentimento, o tempo e a vida.
A min gustaríame saber facer as bolachas que fan elas. Saúdos
Foi o taller máis emocionante de cantos vin no Forum. Un verdadeiro luxo que poucas veces se poderá repetir. Parabéns a Sole, que conseguiu o que ningún outro.
Manolo, como se nota cando escrebes con agarimo e sacas tempo para coidar o post máis do normal. Parabems, para mín un dos teus mellores do ano. E grazas.
Unha maravilla a sesión. Emocionante!
E moi boas todas as tás apreciacións e comentarios. Con cabeza e corazón.
Grazas a vós, señores!
Felicidad desde Catalunya de leer esta información tan sentida.
Estou de acordo con Manolo,eu estiven nese taller no Forum,e foi emocionante.A verdade e que todo estaba riquisimo,e ver traballar as mans da monxa era unha gozada.Tiña unha facilidade para explicarse diante de tante xente,que parecia que se dedicaba a dar conferencias todos os dias.Ganaronse o corazon de todos os existentes o taller.Foi interesante e o mesmo tempo moi divertido.Felicidades para elas,e que vendan moitos doces.