
O Abastos 2.0 ocupa varios espazos á entrada da praza de abastos. Pódese apreciar claramente o espazo de “barra” (esquerda) e na outra metade, en negro, o espazo de “cociña”. Fotos: Sole
Se algo caracteriza aos compostelanitas é a avidez coa que se entregan ás novidades gastronómicas. O Abastos 2.0 [T: 981.576.145 / localización] abriu o 31 de decembro, “case por principios”, como dixo Iago Pazos, un dos dous socios do localiño, despois dos típicos problemas de obras, permisos e licenzas para xuntar e acondicionar os cubículos que o forman, a partir de varias das pequenas tendiñas que están por fóra da Praza de Abastos de Compostela. Ese día pasamos por alí, como moita xente que superaba a friaxe para abastecerse para a cea de fin de ano, e tomámoslle un café. En só quince días a información comezou a circular por todas partes e esta semana, eu coido que cando menos cinco persoas distintas e algúns correos electrónicos me viñeron coa nova de que abriran un local novo, distinto, na Praza de Abastos.
¿Distinto? Pois si. O Abastos é un local diminuto, concebido en torno a dúas áreas: unha mesa de cristal retroiluminada e alongada, na que se dispoñen os clientes, e da outra banda unha cociña. A esquerda é o dominio de Iago Pazos, que é o taberneiro e ademáis da Pobra do Caramiñal (un punto a favor, como ben saben), e da outra de Marcos Cerqueiro, un cociñeiro que xa pasou por varios fogóns, entre eles os de Marcelo Tejedor. Aquí sírvese o que eles chaman cociña miúda. Medias racións, “formato menú degustación”, montadas esencialmente a partir da provisión de produto do privilexiado mercado local que está á volta da porta, e que cambian en función do que atopan alí dentro. A máis barata, euro e medio e a máis cara, cinco euros, por agora. E o que sirven son bonitos platos máis ou menos populares botando man das técnicas contemporáneas. Canda iso, unha escolla limitada de viños, das cinco denominacións galegas, que van rotando tanto coma os propios platos, na procura de adegas de pequena produción. Tamén hai cervexas, zumes naturais pero non refrescos: non vaian buscar cocacolas porque aquí non as hai. E no seu perfil de Facebook van informando das propostas diarias de cociña miúda no momento de que abren o servicio, un estilo realtime conforme ao momento actual que ocupa Internet nas nosas vidas.




En canto tivemos un minuto -escasísimos minutos os deste mes de tolos- achegámonos a probar o que daba de sí a cociña miúda esta. Veñan esas cinco racións do día. Un caldo de ghaliña e vaca para comezar, saboroso e lixeiro, seguido duns cachondos berberechos-exprés da parte de Noia. “Son unha homenaxe aos berberechos como se preparaban na rúa do Franco”, asegura Iago, “cando os facían directamente na cafeteira”. Dez segundos metidos no chorro de vapor e punto. Seguimos con algo de polbo, un ovo feito a baixa temperatura -chámanlle o 62.3 (patata, chourizo e pan)-, moi vizoso, e logo pasamos a un risotto de cogumelos e unhas Ca-rri-lle-ras (sic) cunha escuma de pataca nas que prestaban moito as espinafres salteadas que Marcos Cerqueiro lle incorporou.


Entre dúas persoas -e quedamos o que se di ceados-, con catro viños -cousas como Alanda, de Monterrei- saiunos en 23 euros por todo. Un prezo moi axeitado para os tempos que corren, mesmo nun local que se atreve a dictar as súas propias normas horarias, moi ao estilo europeo. Pechan ás tres da tarde, e pola noite abren de sete a dez. Iso si, despois desa hora podes pechar o local se reservas para un grupo (mínimo 5 e máximo 12 persoas), pactando con eles o prezo dun menú degustación que te comporán en función do que atopen no mercado. Como vedes, un lugar moi especial. Está comezando con moita ilusión e é toda unha refrescante opción na oferta compostelana. Hai que seguilos de preto.


Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 








{ 1 trackback }
{ 13 comments… read them below or add one }
Pinta caralludo
Gran idea e gran localización. Penso que o éxito está asegurado. Pero non me gusta nada o dos refrescos porque me impide ir alí co meu fillo que, de momento, non bebe viño nin cervexa, cousa que tampouco fan moitos adultos. En ningún restaurante ao que fun con el, fora do tipo que fora, faltou un refresco ou unha cocacola. E tampouco vexo a razón pola que un adulto abstemio ten que verse obrigado a tapear con auga.
Polo demáis ¡chapó!, xa que a idea de Abastos é un paso adiante máis na mellora da calidade da hostelería compostelana, que no aspecto da “cocia miúda” aínda ten moito (por masivo) que evolucionar
O dos refrescos, efectivamente, é bastante controvertido. Eu tampouco o vexo demasiado claro. Xa llo dixen a eles tamén hai un tempo.
Polo demáis, ao ver o nivel que xa había en pratos en sala a quince días de comezar, non dubido pero nada que lles vai ir moi ben. Todo vai ser medrar, se son listos. A ver que tal levarán agora o pico masivo de cando se poña de moda nos vindeiros dous ou tres meses.
Gracias polo Post! Ilusionados e iniciando… Somos conscientes de que falta rodaxe. Hai cousiñas que están no aire, pero… estamos ahi.
Fotos máxicas!
Aviso a navegantes:
Abastos 2.0 ten disponible para os cativos un Vasiño de Laranxa ou de Limón (a 0.50€) Trátase dunha bebida refrescante de sabor dunha gaseoseira. Ademáis, tb temos a opción de zumes naturais (de momento só de laranxa); mais adiante, algún outro! Para os abstemios, un viño sen alcohol, cerveza sin e auga con ou sen gas.
Gracias polos comments. Estamos o tanto para ir mellorando.
Saudos!!!
Mola. Grazas polo apuntamento!
Retiro o dito referente aos refrescos. Vexo que xa están ben atendidos tanto os nenos coma os abstemios. ¡Adiante!
O sítio paréceme unha proposta con moito futuro. A Marcos o coñezo desde os seus tempo en El Mercadito (ben, antes fun cliente hai mooooito tempo na súa época no Iacobus) e teño a certeza de que o que saia da cociña será moi interesante. Estiven estes días alí coa miña nai tomándolle algo e a ela tamén lle gustou moito a idea, así que parece que tamén poden romper con esa barreira xeracional que ás veces atopan esas novas propostas máis novidosas.
Iso si, todavía estamos pendentes de irlles probar un menú máis longo. Tan pronto como veñan pasar un fin de semana uns amigos que teñen interese en coñecelo. Non tardará.
Perfecta local nunha localización inmellorable. Espero visitalo moi pronto , cunha boa compaña, probar viandas coma das que falas e aproveitar despois dun bo café (que sei que o teñen moi bo, para perderme polo mercado.
Galicia necesita muchos Abastos 2.0. Ojalá hubiera más gente tan movida, inquieta y emprendedora como Iago y Marcos, que no dudaron, incluso pese a los nubarrones económicos, que los proyectos-sueños hay que intentarlos y luchar por ellos, aunque pinten casi imposibles. Abastos 2.0 ya es una realidad y confío que sea viable y dure mucho tiempo. Están dando ya que hablar; en Galicia, pero también en Madrid. Doy fe. Más que darán que hablar, estoy segura. Es algo diferente a todo. Me quedo con esta frase de Manuel: “… un local que se atreve a dictar as súas propias normas horarias, moi ao estilo europeo …”… Nada más y nada menos. Y yo aún diría más: dictan sus normas horarias y de todo tipo. Valentía en los proyectos gastronómicos frente al pasotismo, el inmovilismo, la tradición mal entendida y la triste producción en serie de locales que se venden como fashion. Enhorabuena y muchísima suerte!!!!
Gourmet, agora me dou conta de que soaba o Marcos! De velo no Mercadito!
Con respecto á innovación, Marta, o que máis me gustou é de que todo o que me falan é perfectamente factible. Son proxectos ilusionantes pero pequenos, con imaxinación pero realizables e con sentidiño. Esa é a garantía do éxito. Creo que son capaces de ter os pés na terra e unha “folla de ruta” ambiciosa. Se hai sorte, verémolo no vindeiro ano.
Cando me explicaban a idea do local teño que recoñecer que non a entendía, pero agora que xa o visitei, teño que dicir que é un lugar para DISFRUTAR. Moitos Parabéns e moita sorte.
a ver se podo ir a visitalo, polo que dicides ten moi boa pinta! e ademais creo que iago pode ser da miña quinta, un compañeiro meu do vello colexio fernandez varela da pobra… outra razón máis pra irlle probar unhas tapiñas e uns viños! que teñan sorte!
Bo trato, increibles pinchos, bo viño, bo prezo… é algo distinto apto para tódolos públicos, incluso para aqueles que pensan que este tipo de cociña non vai con el. Boa sorte, toda a do mundo.