A Veiga: gozar da vida (e da gastronomía) na Fisterra do interior

17 / December/ 2009

in Diario, Paparotas & Co, Roteiros


Fotos: Sole

-Benvidos á Fisterra do interior.

Así nos di Carlos Parra ao pouco de entrarmos no Hotel El Ciervo. Fiámonos do GPS e levounos pola antiga estrada, lonxe de todo núcleo de poboación, conducindo a través dos montes espesos de carballo rebolo e cos porcos bravos -enormes, os cabronazos- atravesando tranquilamente por diante do coche. Estamos aos pés de Pena Trevinca, a montaña máis alta de Galicia, e vai un frío de alucinar.

A viaxe é o camiño, dicían os sabios e os poetas. Gran parte do encanto da Veiga é a súa condición de concello, para min, máis distanciado e remoto de Galicia. Un gran val con anexos con algunhas aldeíñas habitadas por sete ou oito veciños, cumios dondos pero altos e bosques grandes cruzados por moitos regatos. A Veiga é un lugar para perderse e que te perdan, para camiñar polos roteiros (debe ser o concello que os ten mellor sinalizados). Aos que nos gusta o camiño como viaxe, é todo un mundo. A Veiga é un deses concellos nos que eu digo que hai que ir porque hai que ir, sexas montañeiro ou non, gústeche o sendeirismo ou non. Se es un fanático da gastronomía, adorarás este factor QP, este factor quinto piñeiro. E se che gustan as estrelas, este concello é o que reúne mellores condicións para a súa observación, lonxe de calquera tipo de contaminación lumínica. En todos os hoteis e casas de turismo rural hai un telescopio xentileza da casa na planta de enriba, para que te perdas un rato mirando máis arriba da Pena Trevinca.

Neste concello cómese de marabilla, por riba da media no mundo do turismo rural. Hai cousa dun ano ou dous estiven nunha fermosa antiga reitoral, O Eido das Estrelas, levado por unha encantadora parella. Alí cociñaban de xeito creativo, ricos platos que sorprendían por estar onde estabas. O Trisquel, outra casa de turismo rural, é o lugar preferido polos montañeiros que suben ao macizo de Trevinca. Aquí, o ambiente é de deporte de aventura e de montaña. Os seus propietarios axúdante a preparar a túa subida á montaña, e ademáis, tamén ten sona de comerse ben (eu neste non comín, pero o Viticólogo si).


O cociñeiro Carlos Parra

Pero o local con maior fama gastronómica da Veiga é o Hotel El Ciervo [localización]. Este lugar é de anotar, se queres alucinar á túa parella e aos amigos, levándoos ata alá nun fin de semana de frío. O Hotel está aos pés da maior reserva de caza de Galicia: 2000 hectáreas polas que andan soltos os muflóns, os cervos e os xabaríns, e o seu nome vén de que se emprega como base para os numerosos cazadores que veñen aquí. Pero canda o modelo inicial do negocio do hotel, moi orientado ao cazador, o seu novo emprendedor, Carlos Parra, un veciño do Barco que deixou Oviedo -onde estudaba Dereito- por virse para aquí, deulle un magnífico enfoque gastronómico que fai que este sexa un secreto a voces entre a grea gourmet de Galicia, e no que se aproveita da impresionante despensa que é a reserva de caza para facer destas carnes bravas o emblema do establcemento.

A primeira noite, cando chegamos, á mesa entrou embutido da casa -cecina, chourizo de cervo, salchichón, todos espectaculares- seguidos dun foie con froitas vermellas cultivadas por Parra, unhas setas tamén da casa en revolto espectaculares e logo uns medallóns de cervo de botarse a chorar, para rematarmos a aventura con natillas ou arroz con leite. Con Pagos de Galir, 25 euros por cabeza. Axudados polo frío, Maribel, Sole, Pedro, Esperanza e máis eu disfrutamos dunha das ceas máis saborosas que teño visto en tempo.

Pero claro, ao día seguinte non se podía deixar de pasar outros platos. Á comida, despois das sesións fotográficas que fixemos en Meixide, tocou probar o arroz con androia que fai o Carlos Parra. Dúas bandexas dun arroz atlántico, espeso, magnífico, ata o punto de que a prudencia nos fixo rexeitar un segundo, unha carne que polo que vin noutras mesas prometía ben. Pidan nalgún momento este arroz e prepárense a baixar ao inferno por tanto disfrute.

Cando chegas, despois de longa e fría viaxe, a El Ciervo, de súpeto te sintes como en casa, ou como un antigo viaxeiro que miragreiramente atopa nunha fonda, durante dous días, un novo fogar cunha lareira prendida. Hai que sentar e escoitar as historias dos cazadores, ou de calquera outro perdido que se deixe caer coma ti por aquí, onde os curtos de cervexa son longos e está prohibido -case literalmente- espertar antes das 9 da mañá. Aínda que o estilo é un tanto oitenteiro -Carlos non é o propietario do hotel, teno alugado- as habitacións son enormes, están moi ben, e agora, no inverno, a noite está a 50 euros.

¿A que se me nota que me encanta A Veiga?

{ 4 comments… read them below or add one }

Xabrés da teixeira 17 / December/ 2009 at 5:00 pm

Algún dia invitareite a Alta Xeabra e as Frieiras, que non teño moi claro donde está adiferencia coa zona do Bolo.
Terras duras para os seus habitantes, mais preciosas é con veciños acolledores é hospitalarios onde os haxa.
Pasar dazona galega a zamorana polo alto das serras, é unha delicia. Eso si, sempre esquivando os desastres ecolóxicos das pizarreiras e algún mais.
¡Estan vostede convidados, so temos que por as datas!
Apertas

magago 17 / December/ 2009 at 11:45 pm

Moitas grzas, Xabrés! Tomamos nota para cando sexa ocasión. Que pouco coñezo esas terras!

Eulogio 19 / December/ 2009 at 3:39 pm

O único que ten malo a terra da Veiga, na que me criei, é que está lonxe de todo…
Por unhas comunicacións decentes para as terras de Valdeorras, Trives e Viana do Bolo.

Eulogio 19 / December/ 2009 at 3:48 pm

Deixa un comentario

Previous post: A Veiga: un puzzle histórico nas fachadas

Next post: Unha casa subterránea