Última actualización o 27 / Outubro/ 2009

O xornalista Jacinto Antón. Foto: Joan Sánchez para El País
¿E como non coñecía eu a este home?”. Iso foi o que eu pensei máis ou menos á metade dese divertidísimo libro que é Pilotos, caimanes y otras aventuras extraordinarias, do xornalista cultural Jacinto Antón. Antón traballa na redacción catalana de El País onde é doado que se encargue dos temas de exiptoloxía ou a crítica teatral -así, disparidades. Garden esta busca predefinida na web de El País para seguirlle a traza ao longo da hemeroteca do diario madrileño (impagable o seu último artigo sobre a restauración do busto de Nefertiti, onde di que a raíña ten “cara de polvo”). Acabo de converterme en fiel devoto dunha nova relixión cultural: o antonianismo.
Con Pilotos Jacinto Antón gañou este ano un premio de novo cuño, o Premio Nacional de Periodismo Cultural, co que o Ministerio de Cultura recoñece o traballo dos informadores especializados no difícil ámbito do xornalismo cultural. Con esta divertidísima e amena recompilación de artigos, o xornalista dá corpo ás súas teimas durante dúas décadas. O conde húngaro Almasy, as fazañas bélicas da II Guerra Mundial, a arqueoloxía, os reptis, a esgrima ou unha afección case infantil pola toponimia exótica de grandes sonoridades. Antón é unha sorte de Woody Allen cultural, que nos seus artigos contrasta humoristicamente a épica dos seus heroes -aos que puido coñecer persoalmente nalgúns casos- coa banalidade da vida cotiá en Barcelona ou na súa casa do Montseny; Antón autoparódiase para desdramatizar os grandes feitos, pero non lle tremen os pulsos cando debe relatar a traxedia.
Teño rido a gargalladas coa parte de mascotas domésticas, e teño disfrutado de brillantes peches de artigos (ai os peches!). É un libro que rezuma estilo, coherencia e humor, un intenso traballo para atopar o enfoque axeitado para as historias, unha vasta cultura e preparación profesional. Cando o les decátaste do faltos que estamos de todas estas cousas, de como diariamente, na prensa e nos blogs, nos anegan textos mecánicos, producidos a base de clichés baratos. E aprendes.

Un dous dous moitivos polos que eu leo o País son el e o tamén imprescindible Enric Gonzalez. Dous xenios.
Sen dúbida, Enric González é outra pluma notable.