120 anos de poesía da Costa da Morte en Google Earth

Cando, en culturagalega.org, para facer esta reportaxe sobre a antoloxía poética 120 anos de poesía na Costa da Morte publicada por Neria, lle pedimos aos seus editores Modesto Fraga e a Miro Villar que nos enviaran algúns dos poemas para distribuilos canda o texto, os editores enviáronnos por e-mail o libro enteiro. Foi abrilo, miralo cun pouco de calma e vírsenos a inspiración. Se esa era a poesía dunha terra concreta, a Costa da Morte, ¿por que non amosar os poemas no seu contexto? ¿Por que non aproveitar as posibilidades de Google Earth para que os lectores puideran entender máis doadamente os textos dos poetas, na súa localización real? Así o fixemos. Etiquetamos todos os poemas con referencias xeográficas concretas que había na antoloxía, tanto explícitas como implícitas (hai un fermoso poema de María Lado que alude ao naufraxio do Casón, e buscamos o lugar do naufraxio), marcándoos no lugar exacto da Costa da Morte á que se referían.

O resultado é unha versión da antoloxía creada especificamente para Google Earth, que debe ser dos primeiros libros de poemas (cando menos eu non coñezo ningún, pero agradezo información) que se adaptan para un Sistema de Información Xeográfica. O resultado mola, mola moito. E non me digan que non é unha idea ben chula para seguir traballando con ela e vincular literatura e territorio. Farémolo.

Aquí podes descargar o ficheiro para Google Earth.

12 Comments

  1. 23 / Setembro/ 2009

    Parabéns pola iniciativa. Paréceme unha maneira moi orixinal de presentar un libro de poemas que está tan vencellado co noso territorio.

    Farémonos eco en http://www.quepasanacosta.com, xa que é un exemplo moi bon de como se pode conxugar a cultura máis tradicional e as novas tecnoloxías dentro da Costa da Morte.

    Unha aperta.

  2. A. Lamas
    23 / Setembro/ 2009

    Encántame a mextura: SIX, poesía e Costa da Morte. Que mais podo pedir! :)

  3. Xabrés da teixeira
    23 / Setembro/ 2009

    Góstame moito, hai poesias que non coñecia, é agradecese.
    Noraboa, é grazas.

  4. 23 / Setembro/ 2009

    Outro exemplo do que me refería o outro día no post de A cultura pola man. Cun custe mínimo e imaxinación ábrense enormes posibilidades no ámbito da cultura local.

  5. gustavo
    24 / Setembro/ 2009

    fermosa iniciativa a de mesturar versos e paisaxe no mundo cibernético. sen dúbida debe de ser un caso único na poesia galega, xuntar palabras e xeografía, imaxes de lirismo e universo virtual. os meus parabéns para o artífice.

  6. 24 / Setembro/ 2009

    Parabéns, Manolo. Unha gran idea que axeita a tecnoloxía cas letras e crea un novo interfaz para a poesía. Fermoso

  7. 24 / Setembro/ 2009

    De novo, parabéns… Puxemos ligazón no noso Posterous. A ver se por Barbanza e Noia -para seguir polas bisbarras un pelín embaixo da Costa da Morte- cunde o exemplo, que hai poetas con blog e colectivos literarios medios esmorecidos que ben podían aproveitar ferramentas así. Grazas por abrir camiños -roteiros?- novos.

  8. lapatianco
    24 / Setembro/ 2009

    Noraboa

  9. 24 / Setembro/ 2009

    Parabéns

  10. 25 / Setembro/ 2009

    Grandísimo e excepcional traballo, Manolo. A miña gratitude (e a dos meus compañeiros/as da palabra) por esta iniciativa tan orixinal de convertir a ilusión poética da voz humana nunha realidade común, compartida por todos/as. A Costa da Morte sempre estará en débeda contigo. Moitísimas grazas, unha vez máis.

  11. 25 / Setembro/ 2009

    Grazas a todos! Modesto, un agradecemento especial a ti e a Miro: sen a vosa xenerosidade non tería sido posible.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará