As mulleres de tres tetas e outras lendas furtivas da ría de Arousa

Última actualización o 24 / Agosto/ 2009

O estranxeiro, na ría de Arousa é sobre todo turista ou madrileño. Hai toda unha mitoloxía ao redor del e a súa relación co marisco. De vila a vila da ría de Arousa teño escoitado sempre unha historia que, como toda boa lenda viva, todo o mundo me asegura que é verídica. Durante o banquete dunha voda á que a familia convidou a parentes urbanitas (a cidade dos familiares dá máis ou menos igual, pode ser Madrid, A Coruña ou Vigo), os lugareños observan horrorizados como as finas da cidade sacan literalmente as nécoras das bandexas para gardalas nos seus bolsos de voda, nunha sorte de gastrolatrocinio. Para que a lenda sexa perfecta, sempre hai que poñerlle ás finas unha fraseciña en castelán, que se pronuncia alambicando a voz: “Es una penita que se queden ahí con lo buenas que están”, completada co retrouso local: “Arrecarallo! Se queren nécoras que as vaian mercar á praza!”, entendéndose que o gastrolatrocinio nas vodas é unha mostra de notable mala educación e que os familiares urbanitas sempre son miserablemente rácanos. A cousa non só é vera senón tamén ben trovata, e perdurará xeracións nas familias. Un tío meu, profundamente impresionado polo sangue frío das familiares urbanitas, leva repetindo a historia en toda comida familiar durante décadas. E como el hai moitos!

Pero o gran conxunto de lendas, que non por ser verídicas deixa de ser menos lendas -e viceversa- é o do furtivismo de sombrilla. O turista ten fama de ser unha especie de devorador rapaz dos recursos marisqueiros locais, combinando deportivamente a depredación dos bancos de area co relax das tardes de praia. O depredador urbanita sempre xustifica a rapacería cunha frase de aparente inocencia que parece xustificar o roubo a pequena escala: “total, é para un arrociño”. Non nos enganemos, señores. O arroz é o obxectivo mínimo, pero o soño do turista furtivo é completar unha bandexa de ameixas de lei á mariñeira!

Desde que as confrarías contratan vixilancia xurada a afección polo arroz con berberechos xa non está tan estendida, pero non sempre foi así: lembro nos Areos da Pobra do Caramiñal unha mañá ducias de turistas sacando berberecho e ameixa a manchea, ao longo de toda a seca. Na miña memoria ficará gravada a escena da aparición dun todoterreo da Garda Civil pola fábrica de Franco -de aquela o corpo debía ter algunha responsabilidade na supervisión dos bancos marisqueiros- e todas aquelas persoíñas en bañador fuxindo despavoridas polo Areo como se viran a Godzilla aparecendo detrás dun outeiro.

Para acocharen os corpos bivalvos do delicto, o turista conta con todo tipo de recursos: un dos máis efectivos é o dos nenos, que sempre son unha magnífica coartada para actividades ilícitas. Os seus cubiños de praia son acochos fantásticos para camuflar as ameixas roubadas, tapándoas con algo de area; se aparecen os gardas, simplemente hai que coller amorosamente ao cativo da man e facerlle cargar co cubiño petado de berberechos durante o tempo preciso. A máis habitual, contodo, é outra: os homes mercan no Alcampo bañadores especiais de tres petos para distribuír discretamente unha gran cantidade de bivalvos a risco de que os consideren bolsas de celulite; ademáis, nun último recurso hai quen, nun arroubo de avaricia e nunha volta de boa sorte depredadora, recorre a partes máis íntimas da prenda de baño para obter espazo de almacenamento extra. Todo sexa por a sogra, á que tanto lle gusta o marisco! Pero a técnica máis elaborada, que desde pequeno eu sempre admirei é a coñecida como A Terceira Teta da Vella.

As señoras de tres tetas adoitan superar a cincuentena, turistas de pelo tinguido de loiro que combinan, na praia, o bañador de peza enteira con imprescindíbeis pendentes, collares e pulseiras de ouro. O seu estado físico, que deriva nunha contorna ovoide ou esférica, facilita a súa técnica perfecta. As señoras de tres tetas camuflan discretamente as ameixas no escote, entre os seus dous abundantes peitos. Ahí hai un acocho de capacidades impresionantes co que se pode pasar con facilidade do arrociño á bandexa de ameixas á mariñeira e dos berberechos á prancha á empanada de millo, se nos poñemos. Cando chega o vixiante da confraría e obriga a baleirar petos e bolsas aos furtivos de sombrilla, a muller -malia ser cachada no medio da captura- faise a despistada. “Señora, vostede tamén ten, xa sabe onde”. Elas, pudorosas, escandalízanse coa acusación. Como lle van dicir a ela que ten un kilo e medio de ameixas entre as tetas? E como llas van quitar, se as tiveran? A señora sinte agredida a súa feminidade e tenta escapar. Bótase a man ao peito -ela ten problemas de corazón, e estes disgustos non os merece. Sutilmente, entre aquela abundancia mamaria, apréciase unha Terceira Teta.

-Non marche, señora, non marche -diralle unha das vixiantes da confraría interpoñéndose no camiño. A técnica das mariscadoras pasa polo acoso psicolóxico á furtiva de sombrilla. Houbo algunha señora de tres tetas á que o apuro do momento e a presión psicolóxica levou a perder tensión no acocho. Polo interior do seu bañador dispersouse unha nube de vultos bivalvos que non tiveron parón, outorgándolle unha penosa fasquía tumoral.

De aí vén a lenda. Ou non.

10 Comentarios

  1. Alvaro F G
    23 / Agosto/ 2009

    Non parei de rir… ou como din nalgúns lugares das Rias baixas… Non Parín de rir.

  2. joseluis
    24 / Agosto/ 2009

    Moi bo, sobre todo o termino de “para un arroziño”. Eso creo que e universal xa que tamen se usa nas praias da ria de pontevedra.
    Outra que se usa moito, sobre todo coas necoras e a escusa de “e para pescar” que soe utilizar os “madrileños” que andan a buscar bicho e por casualidade encontran unha o duas necoras ou bruños despistados os cales acaban acompañando o arroz.

  3. 24 / Agosto/ 2009

    Realmente moi bo, recordame isto unha anécdota cando foi o verán dos incendios, que unhas señoras na praia mirando ao lonxe ven algo vestido de verde e din coño que ven o exercito e escapan a correr. Logo cando chegan ao noso carón @s vestidos de verde, non eran máis que as mulleres da cofradia que daban unha “voltiña”….

    Menudas risas….

  4. r.r.
    24 / Agosto/ 2009

    Dou fe de que do outro lado do Barbanza había mulleres de tres tetas ata hai uns anos; sen saír da casa da miña avoa, un bo feixe delas…

  5. José Luis Louzan
    25 / Agosto/ 2009

    A culpa a levan os Madrileños e demais visitantes (que de todo habera)… pero cando se trata do noso furtivo, ese non, ese pasa a ser “personaxe popular”, parte do “folclore local” nas vilas da costa…

    Non hai tanto a personaxe mais graciosa e de maior seguimento na comedia televisiva en Galicia era un furtivo de nome “Curras”… e a todos nos parecia estupendo e simpatiquisimo (porque o era, en certo modo).

    Con Madrileños ou sin eles seguimos gañando a furtivismo nunha proporcion de cinco a un, sen moito esforzo…

  6. 25 / Agosto/ 2009

    enorme! quilo e medio de ameixas entre as tetas!

    nós o que facíamos era invitar os madrileños (que é como se chama o turista que non é galego, mais non de fóra do estado, nunha xeralización xenial) a coller mexillóns das pedras.

    si, diarreas brutais.

    así nos divertimos en verán.

    un saúdo!

  7. 25 / Agosto/ 2009

    Extraordinario! Lémbrame a outras tetudas famosas cal eran as contrabandistas da raia, todas moi “espeteiras” que diría Cunqueiro.

  8. 25 / Agosto/ 2009

    Qué bo conto. Boísimo.

  9. 25 / Agosto/ 2009

    Moitas grazas, señores e señoras!

  10. estrelas
    1 / Setembro/ 2009

    hahahaha eu tamén rín a esgalla. Iso sí, coido que hai variantes ou adaptacións en función da ría. Na de Bueu non existen ameixas, pero sí outros bems preciados. Os turistas son “jode-chinchos” no morrazo!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *