Un raro intelectual chamado Leonardo da Jandra

14 / August/ 2009

in Libros

Durante moito tempo, a policía mexicana creu que Leonardo da Jandra era, en realidade, o subcomandante Marcos, ou viceversa. Tiña motivos para pensalo: era unha personalidade intelectual e literaria (como se supón que tamén o é o subcomandante), nacera en Chiapas e vivía aillado do mundo nunha cabana perdida nunha boscosa ribeira solitaria do Pacífico, en Huatulco, desde a que pelexaba xunto coa súa muller contra o goberno do Estado e os cazadores furtivos, literalmente a tiros- por frear os plans de desenvolvemento turístico e declarar ese espazo como parque natural. A parella comezou a conseguilo cando a Leonardo da Jandra lle outorgaron o Premio Nacional de Narrativa en México en 1997 e a súa posición pública fíxose máis notoria: xa non era o friki do monte.

Pero este home ten outro anaco de identidade. As súas orixes están na Pobra do Caramiñal, onde vén con frecuencia desde a cabana na que vive na selva, sen luz ou auga corrente. Hai anos pasou unha tempada máis longa no Barbanza, na que falaba, lía na biblioteca (varios libros por día), visitaba lugares. Daquela experiencia, máis dos seus recordos de nenez, naceu en 1995 Arousíada, unha estraña novela transtemporal que comezaba nos castros e remataba case no presente, na que as páxinas pares estaban en galego (variante dialectal do Barbanza) e as impares en español; a novela tiña moitas das compoñentes do realismo fantástico que sempre atopas nos escritores do Barbanza, cómodos no entrecruzamento entre pasado e presente, entre o real e o imaxinario. A Leonardo coñecino persoalmente na Pobra a través dun amigo común. Eu era un pipiolo e aquel home, que pasaba varias horas ao día practicando artes marciais e parecía vivir nunha nube intelectual continua, fascinoume. Lembro a miña primeira conversa con el: cando marchei, a miña cabeza de adolescente convertérase nalgo así como unha cafeteira italiana coa auga do depósito inferior consumida e a piques de estoupar pola presión.

Nesta entrevista de Telemundo que coñecín a través de Certo Leonardo conta a súa vida na súa cabana de Huatulco coa muller. É un intelectual bastante insólito no panorama latinoamericano. Vai por libre en todo, un partidario da utopía mínima, a parella. Paga a pena ver a súa vida. Como di a súa muller Agar:

-O único que me prometeu foi que nunca me ía aburrir.

{ 1 trackback }

Autores: Leonardo da Jandra
16 / August/ 2009 o 2:30 pm

{ 0 comments… add one now }

Deixa un comentario

Previous post: Restaurante Pazo Lagar, en Vilaxoán: unha tradición recuperada

Next post: Con Negro