Sofisticada trampa atrapaturistas na Pobra do Caramiñal

Coincidindo coa chegada do verán, os alcaldes do Barbanza Sur (iso que os amantes dos chiringuitos chaman Arousa Norte), xa teñen a punto estas sinaléticas nas beiras das estradas. Se vas por Boiro, A Pobra do Caramiñal ou Ribeira verás cada recuncho marcado con letreiros coma estes deseñados de acordo coa nova normativa de sinalización turística da Xunta de Galicia. Aproveitando que non nos ve ninguén, vouche dicir en realidade para que valen: son trampas atrapaturistas de última xeración. Os nosos alcaldes, preocupados polas hordas foráneas que invaden o noso territorio segundo se vai achegando o verán, ultimaron un plan secreto para facelas desaparecer con discreción. Pero en Capítulo 0 descubrimos a conspiración esta fin de semana, cando nos decidimos a arriscarnos e probar unha delas.

O tema consiste no seguinte. Ti vas pola estrada. E ves unha sinalización como estas, que indica “Petróglifo da Pedra de Gonderande”, cando vas subir ao mirador da Curota, na Pobra do Caramiñal. O turista, con tempo libre, preocupado por entreter aos nenos nese día que non se pode ir á praia, decide meterse co coche pola indicación, a ver se é algo divertido. Chegará á primeira bifurcación, e a trampa o vai indicar á esquerda. E, a partir de aí, as sinalizacións desaparecen. O camiño remata, e se lle irán ofrecendo máis e máis desviacións sen sinalizar, incalculábeis sendeiros no medio do bosque. O turista, desesperado, comezarase a enredar e a perder polas eucalipteiras das abas da Curota, ata que perda o sentido da orientación e berre desesperado. Nese momento, a indómita e algo incontrolada pantasma de Valle-Inclán emerxerá da Arca do Barbanza, onde durme un milenario sono bárbaro, baixará da serra e devorará esperpénticamente á familia de madrileños, aos que nunca máis se verá por estas terras. Así, pola calada, e sen facer ruído, imos conducindo a todos os turistas, con estas sinais, ata os escuros dominios da pantasma inclaniana. Ah, e por certo, se quixeras dar en concreto coa Pedra de Gonderande, ese recurso turístico está dentro dunha finca privada, unha prantación de kiwis; hai que saltar unha reixa e atreverse a quitar todo o emparrado de kiwi que está tapando o pedrolo. Por certo, só hai unha cruz gravada.

Obviamente, o tema está en deixar unicamente un sinal na estrada principal e confiar en que o incauto se atreva a orientarse no labirinto de pistas, corredoiras, vereas e carreiros do interior. E no caso de que o turista fora listo de máis e chegase de casualidade ata o xacemento arqueolóxico, cómpre camuflalo con xestas, toxos, coches vellos ou o que sexa preciso para que non o localice e a pantasma de Valle poida facer o seu cruel traballo. Os alcaldes están tranquilos: saben que todos os cidadáns da comarca están avisados por nacemento que non se deben internar no monte, que alí non hai nada que ver, así que a seguridade cidadá está asegurada, ningún veciño caerá na trampa.

Por certo, este programa de sinalización custou 200.000 euros. Xa saben que a alta tecnoloxía é cara.

18 Comments

  1. REFLEXF4
    15 / Xuño/ 2009

    Podían empregar a xente, coma guias, asi po lo menos os turistas ademais de topar os segredos, terían con quen botar unha parolada…
    E ademáis crearían emprego, que boa falta fai.
    Coma sempre o temas das siñalizacions , de p. pena….
    :-)

  2. Arraverde
    15 / Xuño/ 2009

    Ja,ja, ja. Gustoume moito o ton do post. O tema tamén, pero eso xa é habitual.
    Grazas Sr. Magago.

  3. 16 / Xuño/ 2009

    Jajajaja. Fantástico. Estasnos a chamar turistas a nós? Pero se caemos hai dúas fins de semana xa buscando o castro da Muralla! Nunca viramos tal castro onde antes só se podía ir para o hórreo do Araño e o parque eólico do Treito… e picamos. Estamos seguros que, se nos pasaran o MET (mapa emocional de Christian Nold) cando chegamos enriba e tivemos que dar volta, os picos de anoxamento ían ser coma o Annapurna ou o K2.

    E o que dis de que “Os alcaldes están tranquilos: saben que todos os cidadáns da comarca están avisados por nacemento que non se deben internar no monte, que alí non hai nada que ver” tamén é tristemente certo. Comprobámolo cada pouco, preguntándolle aos paisanos onde queda tal petróglifo (pasounos hai uns días en Sampaio, Noia) que ten o cartel ao pé da súa casa e nin flowers. Cada sinal que poñen debería levar aparellada un tríptico en cada fogar da zona explicándolle aos paisanos o que teñen arredor. O asunto da divulgación do patrimonio está pendente, pendentísimo, nesta bisbarra.

    Rímonos moito coa pantasma de Valle-Inclán. Ímoslle pedir a Iker Jiménez un programa especial para que desbaralle, e que comece cunha psicofonía no pazo da Mercé. Logo, os nosos alcaldes poderían poñer un símbolo máis nos carteis: unha pantasma estilo Pacman con bola. O turismo paranormal é outro filón por explotar neste país de meigas!

  4. 16 / Xuño/ 2009

    O que non inventen os concelleiros de turismo… XDDD

  5. Xabrés da teixeira
    16 / Xuño/ 2009

    Valame Deus, parece que por todolos lados cocen fabas.
    Este fin de semana pasado, fun por segunda vez, tentar localizar uns petroglifos que hai en Gargamala-Mondariz. Na primeira tentativa non tivemos sorte, ¡é levaba un mapa!. Cheguei as mámoas que tamen hai, grazas a un paisano.
    Tentei de novo cos petroglifos, é ainda que tamen estan señalizados ó principio, despois é cousa de iniciados.
    Atopemelos dentro de unha finca valada, e con media dúcia de cans da raza mastín.
    Menos mal que un está avezado no trato destes animais senón, todo o traballa por chegar era infructuoso.
    Creo que tamén foi Valle, que dixo:” España y yo somos así señora”

  6. 16 / Xuño/ 2009

    Pois alí acabei eu, co coche atrancado na lamaceira, chovendo o que non está escrito, supoño que a un par de quilómetros de onde estea a famosa pedra. Seguramente por iso a pantasma non deu conmigo. Fixeron tan ben o seu traballo que acabei nun sitio absurdo ata para a pantasma. Seguro que foi iso.

    :-)

  7. 16 / Xuño/ 2009

    Similares trampas (mas menos complexas), as sinalizações que indicam a Torre de Cal da Loba (Cospeito) e o Carvalho de Lugis (Castro do Rei).

    No primeiro caso, as indicações desaparecem justo numa bifurcação, e como colhas o caminho errado (se não és do lugar, terás um 50% de possibilidades de que che aconteça), podes passar a tarde a dar voltas até uma canteira.

    No segundo, há um painel informativo com uma foto do ano da pêra, e um sinal que diz “50 m”. Mas não diz a direcção exacta em que são esses metros. A árvore (o carvalho, para ser exacto) não é precisamente pequena, mas camufla-se à parfeição desde a distância. E, como digo, a foto do painel é do ano da pêra e está desluzida, polo qual custa muito identificar as vivendas que estão ao pé do carvalho (única referência para localizá-lo).

  8. carlos
    16 / Xuño/ 2009

    eu coma o listo seguindo a sinalizacion………. !!!!!vindeme buscar¡¡¡¡¡¡

  9. 16 / Xuño/ 2009

    Agora que vos leo, estou pensando nun castigo para os alcaldes que non se porten ben, inspirado nas técnicas persuasivas dos narcos. Trataríase de ameazar con soltalos onde aparecen o indicador e obrigalos a buscar o “recurso turístico” sinalizado no monte. :-)

  10. lapatianco
    17 / Xuño/ 2009

    Indo cara as terras da parroquia de Traba, e as terras de Zas e Vimianzo que tanto visito hai un indicador que pon “Castro do Anido: 2.5” qm. Haiche logo outro, o segundo que sempre aparece, que segue indicando cara onde tes que ir … e como sempre pasa …. acabáronselle os cartos ou é que quen os puxo debe vivir en Madrid ou Castela e pensa que iso abonda.
    Xa van dúas veces que tento atopalo … e non fago máis que dar voltas e voltas, e non vexo indicio do tal castro ….. ¿e non será que primeiro poñen o indicador, para logo esperar a ver se así aparece algo por arte de maxia???.
    Macanudo o post. Estoullo avisando a todos cantos lles interesa o asunto.
    Saúdos.

  11. O de sempre
    18 / Xuño/ 2009

    E ninguén se pregunta cánto costaron todas esas sinalizacións?

    Mais de un quedaría ca boca ben aberta se o soubera. Porque mais de un sabemos en qué sitios fan moita mais falta os cartos ca sementalos en forma de postes de aceiro a ver si dan froitos.

    Abrimos unha porra?

  12. 18 / Xuño/ 2009

    O de sempre, xa o digo ao final do post. O convenio entre a Mancomunidade do Barbanza e a D. X. de Turismo para facer estas trampas atrapaturistas saiu en 200.000 euros. Para ser un sistema innovador para solucionar o problema da masificación turística, paréceme barato. :-)

  13. carmen
    20 / Xuño/ 2009

    Pois pola zona da Pobra sucede algo semellante se queres acceder ás piscinas naturais do río Pedras. Non sei se agora están nese novo plan de sinalización…

  14. joseba
    16 / Xullo/ 2009

    Non é de risa. É para chorar. Eses sinais custaron moito e hai sitios de interese que están completamente estragados. Por certo, hai algún tempo había cans nesa quinta de kiwis, só faltaría un incidente. Quen é o responsable disto? Coñezo de varias sinais destas que non serven para nada

  15. Un máis
    31 / Maio/ 2010

    Vaia chiringuitada o de Arousa Norte. Eu non coñecía ben a súa realiade ata que por motivos académicos tivemos unhas sesións con eles. A verdade é que quedamos todos flipando, vendo como as técnicas en turismo despotricaban contra os concellos e alcaldes pola modalidade contractual sobre a que se formalizaran as súas contratacións (subvencións, disque) e que tiñan os días contados.
    Peo non quedou aí a cousa. Tras oirmos durante 40 minutos as penosidades do mundo laboral, en xeral, e da súa en particular; pasaron a falarnos das súas tarefas. Abraiamos coa espiga que pretendían colocar preto dun hórreo de Rianxo e coas pedras que querían pintar polo monte.
    A situación é máis grave do que nun momento intuira.

  16. 12 / Xuño/ 2010

    Remítome o que xa teño dito…somos os máis mellores escarallando o noso patrimonio e a confianza dos turistas que non busquen marisco. Saúdos

  17. Pepe
    5 / Outubro/ 2012

    Non é broma. Este verán atopei a unha parella de Burgos buscando a necrópole, aviseinos do perido…pero non sabía do fantadta de Valle-Inclán.

    Bon, podiamos ser menos caníbales. Arousa Norte podía facer moito polo turismo, necesitamos accións comúns, Mancomunidades, divulgación. O que fallor aquí é ir aos sitios e ver qué hai..punto importante, claro.

  18. Pepe
    5 / Outubro/ 2012

    do perigo aviseinos quería decir, ai, isto do internés…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará