En defensa da hamburguesa rural galega

Empratado e foto: Sole

O outro día, en Austin, mentres nos tomabamos unha impresionante The Coronary (o nome desta burguer de dimensións e complexidade catedralicia o di todo), decateime do moito que me gustaron a min as hamburguesas. Pero non calquera hamburguesa. As grandes e inxustamente esquencidas hamburguesas do rural galego.

Só hai uns sitios no que teño tomado hamburguesas tan boas como as dos mellores sitios neiorquinos ou texanos: nalgunhas tabernas da costa ou do interior de Galicia. Podían ser, poñamos, as seis ou sete da mañá, viñas dunha noite de marcha, e aquela hamburguesa servida nunha taberna recén aberta, nun viciado ambiente de fumadores tardíos, sabía a gloria. E si, poderán dicir que ás sete da mañá, despois de toda unha noite de festa, calquera cousa entra ben. Pero non só era iso, sen dúbida.

As grandes hamburguesas só se atopan en contados e selectos bares do país, son un luxo só coñecido polos iniciados. En pan de bóla feito á leña, recén traído da panadería. Con carne picada -moitas veces seguro que feita a partir de aproveitos que non saíron doutro xeito-, sazonada e especiada alí mesmo no bar pola señora da cociña, un día antes, co sabor do perexil fresco, do allo ben metido na tenreira do país ou na vaca vella. Cunha leituga e tomates traídos da horta do propietario, e o touciño, con sorte, da última matanza. E, se tiñas aínda máis fortuna (e hai noites afortunadas, aínda que non sempre no amor, non é?), a esa hamburguesa lle caía un ovo da casa de agasallo no medio. Esas hamburguesas, convertidas nunha exaltación do produto do país, sempre se me asemellan tan tradicionais, tan de toda a vida, como a carne richada ou a caldeirada de maragota e pinto. E seguro que xa o son. Tan das nosas vidas. Mentres moitos locais sucumben ao cómodo panbimbo e aos packs de catro ou oito burguers, eu homenaxeo aos taberneiros que antes de abriren o bar para mariñeiros, obreiros, xubilados insomnes e bébedos, pasan pola panadería para mercaren esas boliñas que empanan e aos cociñeiros ou cociñeiras que preparan a carne que enche algunhas das mellores hamburguesas do mundo, consolo das noites frustradas e alivio das resacas inminentes. Hamburguesas anónimas, sen sona. Tesouros proteínicos. As hamburguesas do rural e da costa galega.

Ao mellor pídesme algunha recomendación, pero pasaron algúns anos desde que comín a última gran hamburguesa. Pero ao mellor ti coñeces algún sitio interesante para pedir unha con queixo, ovo, todo iso…Déixaa nos comentarios.

8 Comments

  1. 13 / Maio/ 2009

    Interesante o de ir comer hamburguesa despois da noite de marcha, claro que sempre sería preferible papar outro tipo de carne,… ou?

  2. 13 / Maio/ 2009

    As hamburguesas sempre son o premio de consolación, sen dúbida. :-)

  3. 13 / Maio/ 2009

    Há um local em Redondela, Os Leóns creo que se chama, no que fam hamburguesas caseiras de verdade, nada de cousas conxeladas. E fam, ademais, com carne de polo, porco, tenreira e avestruz (avestruz galego, segundo me informaron). Tenho pendente unha passada por alí para fazer o apontamento no Capítulo Cerdo.

  4. 13 / Maio/ 2009

    Nivelón.

  5. sampedro
    14 / Maio/ 2009

    Non eran hamburgueas, pero recordo en Lugo despois dunha noite de troula iamos a un forno de pan que vendía bolos de pan recén feito con lacón asado no mesmo forno de leña. Aquelo era gloria bendita. Estaba pola zona de San Roque, nunha rúa que vaixa antes da igrexa indo dende a porta da muralla.

  6. Cubeliños
    15 / Maio/ 2009

    Cantas lembranzas…. miiimmaaaaaa…..
    As “hanburjesas” de moitos “jaritos” da costa do Barbanza…..
    Canta fame sacaron…… fame …. as nove da mañán.. só quedaba esa “carne para xantar”.
    Que tempos no “Tuti Fruti”… o primeiro burguer nunha disco dos 80, vendo como partían os barcos dende o porto de Riveira…
    Cantas historias de amor, canta fame.., a esas horas…
    Que boas estaban, escoitando “la chica de ayer”….
    Vou vello… seguro… segurísimo…

  7. Cubeliños
    15 / Maio/ 2009

    Ehhh….. as hamburguesas non eran moi boas ( gastronómicamente falando – a leituga e o tomate estupendo) , pero que boas estaban….
    as hamburjesas!!!!!.
    Que tempos miiiiiimaaaaadriiiiiiiiiiiñaaaaa!!!!.

    Aburiño.

  8. 16 / Maio/ 2009

    Para un barbanzán coma vostede recoméndolle sen dúbida a Roda ou Rodas (agora non lembro con exactitude) en Barraña, na estrada que vai de Boiro cara Cabo da Cruz a man esquerda, hai tempo que non paso por aló, esperemos que siga aberto para dar boa conta dunha hamburguesa por moito que pareza un pecado á vista das xoubas e mexillóns que pasean por aí tamén.

    Na Coruña é mítica a hamburguesa no Delicias en Catro Camiños de volta dunha noite de farra, claro que xa non ten o aquel das rurais…

    Aquí http://zappingyes.blogspot.com/2008/11/cap-8-ctv.html unha escolma dunhas outras famosas hamburgraxarías coruñesas XD

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará