Leirana A Escusa 2008: o gran albariño que naceu dun accidente

O Leirana A Escusa 2008 é un albariño moi a ter en conta por varios motivos. O primeiro, que non é menor, é o seu nacemento. O viño colleitado en 2008 estaba facendo a fermentación nos tanques de aluminio cando, de súpeto, un deles, de 500 litros, parou a fermentación de xeito accidental. Os propietarios de Forxas do Salnés, unha das adegas de Rías Baixas máis interesantes -xa vos falei aquí dos Goliardos-, chamou inmediatamente ao enólogo, Raúl Pérez -o Michel Rolland do Noroeste da Península- para que viñese a intentar evitar o inevitábel, a perda do viño.

A sorpresa chegou para todos cando cataron ese viño que quixo parar a metade do camiño.

-Deixádeme estar este viño quieto -seica dixo Raúl decidido (frase figurada).

Aquel tanque de viño de 500 litros coa fermentación a medias repousou e os adegueiros comezaron a sacar hai pouco botellas do seu Leirana A Escusa, o terceiro branco da adega. E aí está a sorpresa. Envolvente, sofisticado, con toques minerais e algo afumados propios dos viños do Riesling e Palatinado, e coa elevada acidez propia dos Leiranas de Forxas do Salnés, aquí para min moito máis integrada. Lembrei aquelas teorías -con escasa base sólida- que vinculaban o albariño cos viñedos alemáns, traídos polos monxes na Idade Media.

¿Parar a fermentación en determinadas circunstancias podería abrir un novo estilo dos albariños? Esa é unha boa pregunta. O Leirana A Escusa -que non será un viño doado de conseguir, sospeito- pode abrir unha nova porta. Debe andar sobre os 16 euros. Eu coñecino grazas a Pepe Solla, que nolo serviu coma quen serve un tesouro, e con razón. O nome do viño, por certo, vén dun monte próximo á adega.

4 Comments

  1. José Luis Louzán
    4 / Maio/ 2009

    A clave esta na propia explicación. Porque a fermentación non foi “parada” senón que foi ela a que parou por si mesma cando o considerou oportuno. Por esa razón será moi dificil, tal vez imposible, volver facer un viño similar. Esta é unha anormalidade, das que na Alemaña que citas poñen nome co numero da barrica…

    Non o probei, pero habera que facelo a vista do que dis…

  2. 4 / Maio/ 2009

    Si, José Luis, pregúntome se as adegas de Rías Baixas non poderían xogar a propiciar ese “parón” e non terlle medo (algunha tívollo, ben o sei).

    Por certo, estiven esta finde no Lusco e Fusco de Muros, que lin por primeira vez nalgún comentario teu. Estupendo. Xa postearei del esta semana.

  3. José Luis Louzán
    5 / Maio/ 2009

    Ah¡ Pois alegrome moito que che fora ben con Alonso e compañia. Gran tipo e magnífico proxecto, moito potencial…

    O caso do de “parar” en seco as fermentacions é peliagudo porque ¿ e senon sae?. Ala vai o viño, perdido sen remisión. Outra cousa é que paren en seco de por si. Penso que en Polakia, Victor Franco escribiu algo sobre uns viños alemans que agora non lembro, onde o que se fai é non frear o proceso, senon deixar que aconteza e cruzar os dedos. E cando sucede o certo é que o resultado parece ser excelente…

    Cousas do viño, supoño…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará