Factores para triunfar na gastronomía popular galega

Se vostede quere montar un exitoso negocio de gastronomía popular, debe ter en conta algunhas variables que son garantía de éxito no país das mil grelladas. O primeiro é o Quinto Piñeirismo™ (QP). Debe ubicar o seu restaurante no lugar máis afastado posible do país; se fora convinte, sitúeo na pista máis remota e complique os indicadores dos cruces para retrasar o máximo posíbel a chegada dos clientes desde a estrada xeral máis próxima. Aínda que os amantes da gastronomía popular defenden que o único importante é o produto, en realidade o que presta ao promotor da iniciativa da comida campestre é converterse no bravo guía que conduza aos seus amigos polas indómitas pistas parroquiais ata o comedeiro final. El é o único sherpa posuidor dos coñecementos de viaxe.

O segundo factor asegurador do éxito, unha vez solucionado o interiorismo e deseño do local coa famosa tecnoloxía Desleixo™ (DL), é aplicar o Mal Humorismo™ (MH). É moi importante, se vostede é o propietario, que durante o horario laboral demostre un malencare continuado no tratamento do cliente, no que lle recrimine os retrasos, as faltas de reservas ou o cheo que ten o local, porque unha norma de uso é que canto mellor lle vaia o negocio, máis MH™ debe amosar. Tamén é fundamental falar entre dentes, eliminando as vocais e, fundamental, non mire aos ollos aos señores da esa nin lles amose o mínimo sorriso, aínda que se teñan que conter. Ao cliente resultaralle divertidísimo ese maltrato ma non troppo e o contará o luns na oficina como un elemento máis desta aventura gastronómica. Iso si, se vostede quere montar un restaurante con algo máis de pretensións (mantel na mesa, paredes pintadas con frecuencia), evíteo, porque ese mesmo cliente a quen agora lle parece moi divertido non llo tolerará, así que non se confunda: o MH™ só vale para locais con factor QP™ alto e DL™.

Así que, se a vostede lle apetece disfrutar da gastronomía popular con estes factores, pode probar, por exemplo, na Taberna do Riveiro [T: 981809180 /localización], en Pite (A Ramallosa, Teo). A Taberna, que na tarxeta se define humildemente como “a revolución da hostelería”, combina os tres factores mencionados: está no fondo dunha aldea QP™, recíbente amábelmente botellas de Rioja etiquetadas para a Guardia Civil, outras do Douro coa cara dun mozo Aznar recén saído de Quintanilla de Onésimo, ou máis alá outras de Franco, presididas no centro por algo parecido a un escudo de pedra no medio do cal tres botellas de Carlos I forman a tiziánica figura do emperador. O comedor é un ecléctico alpendre con hórreo e forno incorporado, un gran modelo DL™. Popularmente, o lugar coñécese coma O’Esparabel, por ofrecer un polbo á grella servido en grandes tentáculos e á feira, realmente bo, que despois se pode continuar cunha excelente croca á prancha, patacas e ensalada regadas cun perigoso Barrantes. Hai que reservar previamente, porque se non un se expón a unha auténtica exhibición persoal de MH™ por parte do propietario. Fágano aquí: o prezo aproximado é de 20 euros por cabeza (polbo, croca, barrantes) e poderán ter unha auténtica exhibición de gastronomía popular e populista onde presumir cos seus amigos!

20 Comments

  1. 2 / Abril/ 2009

    Vaya, que te ha encantado jajajaja

    Milu.

  2. 2 / Abril/ 2009

    Me he reído mucho, aunque no he entendido lo del “desleixo”. Que sepas que en el Empordà hay muchos sitios de esta índole, también.

  3. r.r.
    2 / Abril/ 2009

    Apuntado. E penso ir sen reserva previa, que conservo o casco da mobilette dun amigo da adolescencia e o cerebro non me medrou dende aquela.

  4. Camarero detodalavida
    2 / Abril/ 2009

    En mesas para dos ,sentamos cuatro.
    Y a nuestra selecta clientela ,le encanta.

  5. CUBELIÑOS
    2 / Abril/ 2009

    Moi acertado… moito… e cantos temos destos!!!!!!
    Mimadriñaaaa.!!!!!!!!!.

  6. 2 / Abril/ 2009

    Recoméndovos outro selecto establecemento que reúne tódalas variables, QP, DL e, como non, MH. Trátase de “Churrasco Pepe” -que máis se pode dicir; o nome xa o di todo-, entre Escairón e Chantada. Xúrovos que ás tres da tarde había un cento de persoas facendo cola á entrada do local e a pleno sol, todo con tal de poder tomar parte en tal relixiosa experiencia; por non dicir mística, polo que de misterio ten.

    Se queres que te traten con sumo desprecio, que non te miren á cara ou que te miren mal -é mellor que non te miren-, non entender un ápice do que che berran e ter esa encantadora sensación de que hai xente esperando para poder ocupar o teu lugar na mesa, aínda quentiño, non deixes de ir.

  7. 2 / Abril/ 2009

    Milu, por se non quedou claro, o sitio si que me gustou para ir rirse un rato cos amigos e comer produto de primeira calidade, malia sumar QP+DL+MH con forza.

    Mar, el desleixo es la dejadez.

    Faragunde, efectivamente, que agradábel é sentar no banco ou na cadeira ao redor dunha mesa e descubrir que o asento aínda está ben quente doutras cachas previas… :-)

  8. 2 / Abril/ 2009

    R.R. : vostede asume o risco de non reservar. :-)

  9. 2 / Abril/ 2009

    Coa oferta que tes en Compostela tes un perigoso afan expedicionario por esas pistas de Dios…

    Dito isto, si a descrición que fas do “entorno” da caverna denominada Restaurante na que comeches é detallada e a decoración do mesmo era como citas eu non aparezo hai nin por erro…

    Esto me lembra un local o que iamos hai tempo preto de Compostela que agora non lembro, situado directamente nun alpendre onde insectos e un chan de terra nos acompañaban na comida, xunto o sempiterno barrantes e un cheiro a rancio de coidado…pero si, era moi divertido, o tempo que perigoso…. polo risco de intoxicación evidente de aquel lugar digo…

  10. 2 / Abril/ 2009

    Se che teño que dicir a verdade, José Luís, non creo que sexan os problemas sanitarios os preocupantes aí, senón máis ben o gusto de moita xente por esta estética (do lugar e humana).

    Por certo, se creo saber a que lugar te refires, é un caso curiosísimo. En realidade, eu non creo que sexa un sitio real. Máis ben é un “parque temático”, deseñado para que pareza un alboio ou un alpendre de xeito moi consciente. E decateime de tal cousa unha vez que entrei na inmaculada e moderna cociña do lugar, que non tiña nada que ver co chan de terra e as telarañas do comedor do carón. O que pasa é que estamos acostumados -eu o primeiro- a que os restaurantes temáticos teñan budas ou sombreiros mexicanos, así que ver un decorado “hiperenxebre” nos descoloca.

  11. 2 / Abril/ 2009

    Mítico ese polbo á pedra. Nesa mesma zona, moi dada a este tipo de locais. ademáis do archicoñecido Fogar do Santiso recomendo a estupenda carne dun local do que nunca recordo o nome pero que se coñece como A Seguridade Social. Está sempre tan abarrotado que, como na S.S., ó chegar colles número (outras veces apuntan o nome) e un rato despois, que poden ser 45 minutos, berran o número e para dentro. Está na estrada xeral, baixando cara Pontevea. Intentarei que me digan o nome, para concretar.

    Pero o mítico entre os míticos era, sen dúbida de ningún xénero, un que había da outra beira do Ulla, nesa mesma estrada, coñecido popularmente como “A Casa da Collona” ¿Hai que dar máis datos?

  12. José Luis Louzán
    2 / Abril/ 2009

    En fin… País

  13. toño
    2 / Abril/ 2009

    Boísimo. Este sitio descubrino eu grazas a un amigo alá polo ano 1995. Foi unha revolución descubrir o polbo ó esparavel. Agora xa non ten mérito pero daquela só se falaba do polbo á feira, á vinagreta, á galega…etc. definitivamente a ubicación “QP” foi un valor engadido (foramos de noite a cear). Inesquecíbel. Recordo tamén unhas peras ó viño con forte sabor a canela e por suposto o QP, DL e MH. Voltei en repetidas ocasións (sempre con dificultades para atopar o lugar). Anos despois ampliou o local e mellorou a calidade. Cando veñen amigos de fora sempre os levo alí. Dígovos que non hai fallo. Podería contar divertidas anécdotas sobre as impresións que causa aos incautos clientes.
    A fórmula QP + DL + MH resulta infalible pero tamén penso que un nome como
    “A Casa da Collona” é a arma definitiva.

  14. enriquecastillo
    3 / Abril/ 2009

    un saudo cordial don M.gago y sra Sole.
    ya le veo pronto como un ” Livinstone Gastronomico.”
    en Busca de las fuentes de la gastronomia popular,no tradicional
    hay una corriente urbana que funciona muy bien y es el boca -oreja,
    por que la cuestion del gourmetmasoquista,esque cuando peor te traten mejor y si cuando te sirven con la bandeja te salpican de aceite muchoa mejor.
    entre semana mucha gente que visita mi casa, comenta su aventura de lfin de semana en estos “templas gastronomicos populales” y siempre acaban con el latigillo de “y van moitos medicos de santiago y xente da xunta”.Por cierto el local que no se acordaba el Gourmet de Bertamirans” se llama LA GRANJA,paraiso de las tres CCC.
    con este asunto da crisis ,empiezan a apatecer como setas “pequeños jalpones” en el rural.donde las Botellas con referencias a Franco,a Aznar y de la benemerita son parte de la decoracion.
    parte 2-me llega desde la Ciudad Condal,una revista para profesionales que hace referencia a esos lugares perdidos en medio deo rural galego,en este caso PepeVieira, un reportaje a 5 paginas y le sigue otro al inspirador intelectual del Codigo Cocina realalizada en el Forun de Girona,conocido bloguer galego ,porcierto se nota que la fot0 es de la sra Sole.
    un saludo cordial.
    enrique castillo

  15. 3 / Abril/ 2009

    Señores, agora me explico esa frase que había na miña casa para refererirse a cando algo estaba moi lonxe: “tíveno que ir buscar á Casa da Collona”. O que non sabía é que o devandito domicilio existía ficaba na Ulla!

    Señor Castillo, é certísima esa práctica de apuntar a calidade do establecemento cos “médicos de Santiago e xente da Xunta”. ¡Un clásico! E, efectivamente, esa reportaxe da que fala constata que no mundo dos blogs tamén hai xente de gran prestancia física (jajaja).

  16. 4 / Abril/ 2009

    Enrique Castillo:

    Gracias polo dato. Efectivamente, La Granja.

  17. enriquecastillo
    4 / Abril/ 2009

    un saudo cordial don m.gago.
    no ha notado que cuando escribe sobre “Gastronomia Popular”
    se le dispara las visitas.
    Y a la pregunta .usted que es docto es estos campos de la escritura
    digital,¿hay algun blog galego que haga alguna critica sobre las “casas
    de servicios de trabajadoras sexuales” que tanto proliferan por las tierras de Santiago,ya que mi vecino “el conejito feliz” a sacado un servicio de elegir a la carta o el menu degustacion de la casa.
    Felices Pascuas.

  18. 5 / Abril/ 2009

    Don Enrique, deses creo que por agora non lle hai. Se tal, rastree nos comentarios dalgún blog de política municipal, que sempre ofrecen pistas.

  19. Alex
    5 / Abril/ 2009

    O recitado da carta de La Granja impresiona a primeira vez, de tan breve e contundente: Churrascochuleaochuletón?

  20. Ip
    6 / Febreiro/ 2017

    Devezo por un post no que se exlique o porque as tabernas enxebres teñen que asociarse co balor, a mugre e a merda de anos por todos os lados. O Riveiro paréceme un bluf total, empezando pola hostilidade (non hospitalidade, non!) do dono, a racanería nas racións e a merda xeral pola estancia. O polbo estará ben, pero a croca é vulgar, por non dicir correúda e o flanín, sen comentarios. Menos mal que non vimos a cociña. Si o wc, por desgraza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará