Seguindo o rastro dunha manda de cervos de hai catro mil anos

petros_1.jpg
Manolo e Xurxo Gago. Fotos: Sole

Non son moito de publicar fotos miñas no blog, pero esta encantoume. Sole roubóunola mentres tentabamos ler a Laxe da Sartaña, en Porto do Son. A verdade é que temos a cara en auténtico modo descodificación. E hai motivos.

A Laxe da Sartaña, na parroquia de Queiruga (Porto do Son) é un xacemento moi complexo: na gran pedra, ao longo dos últimos catro mil anos, en diferentes épocas, aos veciños da parroquia déuselles por ceibar a súa vea artística. Así que sobre esa superficie plana de granito están superpostas capas e capas de arte. Para conseguir mirar dentro, para acadar navegar, apartar estratos de Historia entre este cuarzo, feldespato e mica ata chegar ao primeiro lenzo, hai que ficar minutos e minutos así quietos. É coma un proceso lento de concentración, de despoxarse de complexos de observación ata que só fica a pedra e máis ti. De tentar entender a lóxica do trazo. De buscar con desesperación as patas ou o lombo dun cervo de grandes astas, coma se foran unha clave da que tirar para encadear a busca do resto.

petros_1_b.jpg

E si, aí están. Co tempo, esa superficie plana comeza a amosar sucos. E a escena se anima. Os animais corren polo lenzo, un grande é o xefe da manda, e logo chegan o resto. E ao miralos, hoxe en día a penas milimétricas incisións no granito, tentas lembralos antes de que desaparezan de todo. Canto lles faltará para que se desfagan como a area?

petros_1_c.jpg
Superposición dos gravados a partir dunha imaxe publicada por El Laberinto Atlántico de Galovart.

O bo de ir na procura de petróglifos co meu irmán, que é biólogo de profesión e afección, e especializado en etioloxía, é que o territorio se le de xeito distinto. Comezamos a ver as rutas dos animais, a detectar os regatos nos que abrevaban, os camiños polos que se desprazaban, e os lugares nos que os nosos vellos os cazaban. No Outeiro de Campelos está un dos petróglifos máis artísticos do Barbanza. Sei que este é un aspecto controvertido: dicir que un petróglifo é artístico (¿para quen?¿para nós?¿para eles?). Pero este o é. Hai unha vontade de sorprender, de fascinar, hai unha vontade dun artista por comunicar que segue a funcionar hoxe con forza.

Desviándote dun antiquísimo camiño enlousado de carro que sube aos montes de Queiruga, axiña ves unha pedra na que tres cervos corren, como querendo subir ao monte no que se atoparían seguros. Esta composición foi deseñada en tres dimensións, de xeito espacial. O artista gravou os cervos a diferentes tamaños. Pero, para comprender a composición, debes estar situado nun sitio concreto e determinado, no alto dunha laxe que está enfronte a eses tres cervos. E alí, nunha gastada pedra na base deste gran petróglifo, aparece outro cervo máis correndo, como confluíndo con estes nun punto imaxinario que conduce ao camiño de subida ás devesas.

petros_2.jpg

Subindo o monte, na valgada pola que baixaban os animais, atopamos aínda máis cervos nas laxes do carón. As súas pegadas non están entre os fentos pero, dalgún xeito, grazas a estas gravuras na pedra, seguímoslle o rastro a esta manda de cervos. Aló onde foran hai catro mil anos.

5 Comments

  1. 28 / Decembro/ 2008

    Alégrame que vos gustaran eses sitios. Desde a Laxe da Sartaña hai un pequeno roteiro que ascende ata unha chaira por detrás da capela de Pedrafurada polo que se poden visitar uns cantos gravados. Tamén por Outeiro de Campelos podes seguir ascendendo e facer un roteiro duns tres quilómetros visitando cerca de 15 petroglifos.

    Eu estiven o venres visitando os gravados da Gurita (Baroña) outro deses consuntos situados nun roteiro natural, probablemente relacionado co paso das bestas: Pedra Bicuda, Gurita, Gurita II, Fontandurín…

    En canto á “artisticidade” da arte rupestre. ¿Qué che vou contar por escrito que non faláramos xa un cento de veces? Desde hai oito anos ese é o meu tema de investigación fundamental.

    Por certo, como sei que che gustará, xa che contarei dun lugar inzado de lendas, ruinas, poboados abandonados , santos que controlan os ventos e fuxidos da guerra da independencia. Colineta está tamén no allo.

  2. 28 / Decembro/ 2008

    conxuntos, obviamente. Non consuntos.
    Non teño remedio.

  3. 28 / Decembro/ 2008

    Pois agardo impaciente. :-)

    Por certo, acábome de dar conta de que o acceso ao Outeiro de Campelos é bastante difícil de explicar. Vou ver se hoxe pola tarde ou mañá o xeolocalizo para os interesados e actualizo o post.

  4. Gustavo
    11 / Outubro/ 2010

    “…camiño enlousado de carro que sube aos montes de Queiruga”

    De Caamaño.

  5. Gavilanes67
    9 / Agosto/ 2012

    Sitio para perderse moitos dias.
    Teño andado pola zona e canto artista andaba solto por estes lares cos antigos “Graffitis”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará