Chef Rivera, en Padrón: un soberbio menú de caza para este outono


Solombo de Veado con ameixas confitadas. Fotos: Sole

O Chef Rivera, en Padrón, (Telf. 981810413) é un dos restaurantes clásicos que cobraron importancia en Galicia nos anos 80, que medraron ao compás dun novo poder e dunha nova burguesía económica e trouxeron no seu momento aires dunha nova modernidade. Entrar no Chef Rivera é pasear por esa historia aínda non demasiado escrita do noso país: a famoloxía -esa práctica dos restaurantes dos 80 consistente en presentar fotografías de famosos e/ou poderosos que acreditarían así a calidade da cociña deses fogóns-, os diplomas, os recordos, os cadros: sinaturas dos reis e infantas borbóns, de Camilo José Cela, Julio Iglesias, Mario Soares, eu que sei xa non me acordo de cantas. Agora, Alejandro, o fillo do Chef, asumiu un papel importante á fronte dos fogóns.

Co tempo, a culinaria do chef enarbolou produtos como bandeira, ata converterse nunha referencia na cociña de produtos moi de noso, como a lamprea -hai moitos anos, comín alí a miña primeira e disfruteina de vez con dous bos amigos-; deles ofrece menú degustación, como nese caso da lamprea ou da caza a mediados do outubro. A gastronomía de Rivera pódese definir como clásica, pero entendendo clásica como a herdanza dos fogóns burgueses do XIX, como se recuperara o tempo perdido para os restaurantes galegos. Unha liña que vincula o Chef co Restaurante Roberto en Vedra ou a Taberna de Rotilio en Sanxenxo. Rivera ten unhas bases sólidas a nivel gastronómico coma o granito.


Corzo con pudin de castañas e uvas pasas


Coello con fabas pintas

Fumos os primeiros en probarmos o menú degustación de caza do 2008. Un pedazo menú, do mellor que teño tomado este ano nos restaurantes galegos. Cóntoche. Primeiro chegou unha soberbia ensalada de perdiz en escabeche, á que seguiu despois tres pratos de caza; comezando cun solombo de veado con ameixa confitada, seguindo dun impresionante plato de corzo con pudin de castañas e uvas pasas (o mellor do xantar para min) e finalizando cun coello con fabas pintas que tamén metía medo. Adobos sinxelos e potentes de tomiño e pementa negra que lle aportan á caza a súa fascinación gastronómica, con preves de base doce ou abundante que complementan a ausencia de graxa destas carnes curtidos nos montes. Tres platos rotundamente soberbios.

No apartado de postres presentáronnos un bo brioche de mazás con xeado de froita da paixón. E fíxome moita graza a larpeirada que serviron cos cafés. O prato era un vinilo cunha antoloxía da canción de Agüimes -que lle encantaría ao meu pai- sostiña unha telliña para acompañar os cafés. Unha mención especial merece a adega, chea de referencias clásicas de calidade e cun apartado especial para viños doces, coma o do Porto -Rivera é cofrade de honra-. Nós acompañamos a caza cun tinto ideal para sabores tan potentes: un Abadía Retuerta Selección Especial 2005, un tinto cunha acidez sorprendente para Castela e un certo toque amargo que prestaba ben coas guarnicións doces que acompañaban eses pratos de caza.

O menú degustación de caza custa 50€. En total, uns 60 e pico por cabeza, e unha enorme satisfacción. O Chef Rivera -co relevo ben garantido no seu fillo Alejandro- sigue sendo unha das cociñas de referencia.

7 Comments

  1. 28 / Outubro/ 2008

    excelente post don m.gago.
    Rivera es el “Zalacain”gallego.
    y la nueva generacion dara que hablar sino,tiempo al tiempo.
    un saludo cordial.
    posdata; la calidad fotografica de la sra Sole es magnifica.

  2. 28 / Outubro/ 2008

    Promete moito, Enrique, promote moito. A comparación con Zalacaín, por certo, é moi axeitada.

  3. 29 / Outubro/ 2008

    Pois ese día estaba eu na Casa dos Martínez, que non está nada mal. Pero se chego a saber isto, caseque me paso polo Chef Rivera. Noraboa pola crónica.

  4. 29 / Outubro/ 2008

    Arume, un gran sitio a Casa dos Martínez, un bo lugar para que o vaian coidar a un cunha gastronomía cariñosa, coidada e plena de sabor. Por certo, o primeiro comentario deste post, o de Enrique Castillo, é o do propietario desa Casa. Todo conectado. :-)

  5. 29 / Outubro/ 2008

    Pois aproveito para saúdalo de novo e agradecerlle o xantar do outro día, en efecto, con esas características de cociña cuidadísima e feita cun agarimo moi especial. Unha tarde redonda, sen dúbida.
    Por certo, é de orixe catalán, non é?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará