Restaurante Anxelo Pía Lago Cociña en Cee, ou como facer unha cociña próxima


Ensalada de verdiña no restaurante Anxelo. Foto: Sole

Tiñamos moitas gañas de visitar o restaurante Anxelo (Rúa da Pena, telf. 659041948), que a cociñeira Pía Lago montou en Cee buscando un espazo propio. Coñecimos a Lago durante o Fórum Gastronómico de Santiago, co seu perfil atípico: baixiña e completa, unha das poucas mulleres nese mar de cociñeiros, era unha corbubionesa especialista en Fabas de Lourenzá, cun falar moi propio e moi cariñoso, e xa alí anunciara que estaba a piques de abrir un local propio.

-As fabas son como as miñas fillas -díxonos ao pouco de sentar, cando nos presentou o menú.

Deste xeito, a súa oferta en Cee é un pequeniño bistró de catro mesas, que ofrece as súas propostas gastronómicas manuscritas nun xis pegado á cociña, moi vinculadas ao mercado local, á estación e ás particularidades do día que permiten uns platos e non outros. Nós comezamos cunha ensalada de verdiña -unha faba pequena de Lourenzá-, que nos serviron cun atún en escabeche feito na casa; Sole probou uns filetes de atún vermello con marmelada -saborosa combinación-, e eu probei a especialidade da Pía Lago, o Codillo ao forno. Por casualidade, o Suso -compañeiro de Pía Lago no negocio-, tiña un o abondo pequeno para poder ser asumido por unha persoa soa -a casa recomenda compartilo de segundo. A verdade é que se entende a sona: posibelmente sexa o mellor codillo que teña comido, cun excelente momento de retirada do forno, e xa teño probado uns cantos. A casa acompáñao cuns níscalos colleitados por eles mesmos. De postre, recuncamos nas fabas: un flan de fabas de Lourenzá no que, efectivamente, se percibía a textura da pranta, pero que tampouco ía máis alá.

O apartado de viños, sen embargo, non é tan positivo no Anxelo. Non hai carta deles -ata aquí tampouco é un problema-, pero o método de selección é un tanto estraño. O traballar cun número de clientes tan reducido, as existencias de viño tinto do restaurante están riba da barra. Literalmente. Alí un pouco contra a porta de saída, de pé, chuchando a luz exterior e unha temperatura de comedor, máis elevada do habitual. Desde a mesa escolles o viño que che apetece. Non é, desde logo, o xeito de preservar os viños nun lugar no que se coida o bo xantar. Ante o panorama, escollimos un albariño -ese si, en adega refrixerada- para acompañar o xantar.

Malia iso, a impresión xeral é moi positiva. A cociña de Pía Lago é unha artesanía moi persoal, de xogo de equilibrios entre o doce e o salgado; recolle do tradicional o equilibrio entre o gran produto que preside o plato e a súa clásica guarnición, que ela enriquece e dá novo sentido, á incorporación de sabores mariños con fabas, á adición de produtos gourmand como o africano sal de vermes. Pía, ademáis, é unha persoa moi cercana, moi próxima, como a súa cociña, que se fai agradábel para espíritus curiosos e, ao mesmo tempo, amantes dos sabores fortes, directos e sinxelos. É como se foras comer á casa dunha tía solteira cariñosa, algo así. Un lugar no que te tratan ben e disfrutas cun xantar de domingo -como moitas veces o codillo é. O prezo: 27 euros por persoa, viño incluído, que non está nada mal. O Anxelo abriu as portas en abril: agardo sinceramente que lle vaia ben por Cee e poidan levar adiante este proxecto, cousa nada doada, abrindo novas oportunidades e diversificando a oferta gastronómica da Costa da Morte.

7 Comments

  1. 16 / Outubro/ 2008

    Fabas de Lourenzá. Cando o vexa un que eu me sei…

  2. 16 / Outubro/ 2008

    Que lle imos facer, é o nome oficial da IXP e así lles chama tamén a cociñeira… :)

  3. 17 / Outubro/ 2008

    Assim que o codilho… concordo contigo ao 100%.

    Pia Lago é dos poucos lugares na comarca no que fazem uma cozinha distinta com uma base mui sólida (até que abram Porto Amalia em Corcubión, que esperamos com ansiedade e no que temos depositadas muitas esperanças).

    Se não conheces o Fontevella em Caldebarcos, deverias provar. É outro estilo, pêro é o meu restaurante favorito da Costa. Uma magoa que Quin, do mercado de Cee, já vaia velho e não cozinhe porque tinha uma mão maravilhosa com o peixe.

  4. 17 / Outubro/ 2008

    Interesantes recomendacións, Rodrigo, xa quedan fichadas para vindeiras visitas. Quen vai abrir Porto Amalia, que tipo de comida van facer?

  5. 19 / Outubro/ 2008

    Porto Amalia vai ser a ilusão consumada de Ramón, um profesor de Cee e grande cozinheiro, mui conhecedor da nossa gastronomia, da portuguesa e da italiana.

    No restaurante pensa trabalhar o bacalhau, os peixes azuis e certos cortes de carne pouco habituais na zona. A ideia será poder desfrutar de preparações singelas, pêro distintas, de produtos geralmente maltratados nos restaurantes da comarca. A adega será mui atlântica, com vinhos da Galiza e Portugal.

    Avisa quando estejas na zona e tomamos uns vinhos.

  6. 20 / Outubro/ 2008

    Rodrigo, estoy interesado ¿en donde de Corcubion va a abrir ese nuevo negocio?, bodega atlántica dices ¿que referencias, por ejemplo, puede trabajar…?

    Gracias anticipadas por la respuesta…

  7. 21 / Outubro/ 2008

    Jose Luis, o restaurante vai abrir junto ao mercado. O das referências da adega vai depender dos provedores e o único que falei com o dono era da idoneidade da ideia, de se não ia ter problemas com o típico cliente que empenhado em beber um Rioja.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará