Sustos 3D na Domus da Coruña


Blogueiros vendo os Dinosauros. Fotos: Sole

Estes días ando liadísimo pero aínda hai anacos de tempo para facer e ver cousas interesantes.

Por exemplo, onte estivemos na Coruña, no pase para blogueiros da película Dinosauros, que estrea a primeira sala de cinema 3D do país, na Domus da Coruña, organizada polos Museos Científicos da Coruña e Galinus. Enrique Criado, de Enxebre Entertainment, presentou a tecnoloxía e expuxo os retos desta tecnoloxía para as salas, os freos para o desenvolvemento, as súas dificultades e o seu futuro: cunha industria do cinema en crise, moitos confían nesta tecnoloxía para manter a asistencia do público a unhas salas cada vez máis baleiras, alentados polos mellores resultados recadatorios daquelas que proxectan as versións 3D. En todo o Estado hai 22 salas preparadas para emitir pelis tridimensionais, moitas delas montadas nos últimos dous ou tres anos.

Vemos a película -que é espectacular para quen nunca teña visto unha peli de tres dimensións- e a miña sensación é que non sei se a historia chega nalgún momento máis alá de que te roze a cola dun dinosauro ou de que un bicho feo e con dentamia afiada te urre diante do nariz, ou de que un insecto se te meta polo tímpano. Quero dicir, que se cadra sexa moito esforzo para un resultado que, despois de ver tres ou catro películas destas, xa é máis que previsíbel (aínda que siga sendo moi divertido): por agora, demos e showcases para sorprender a familias.

Este tipo de audiovisual precisa que alguén sexa quen de contarnos unha gran historia baseándose nesta potente tecnoloxía e, ao mesmo tempo, esquecéndose dela: ata agora, os problemas técnicos e as limitacións en infraestruturas de visionado limitan considerábelmente a produción. As salas nas que se emiten -vinculadas moitas veces a parques temáticos- precisan determinado tipo de proxección- espectáculo. Pero eu estou convencido de que aquí, no 3D, pode haber algo máis, unha ferramenta estupenda para narrar historias con alma e potencia, capaces de mergullarte nun drama ou nunha comedia como nunca fora posíbel. Pregunteille a Enrique Criado por isto, en que consistiría a nova linguaxe audiovisual soportada pola visión 3D. Criado coincidiu en que, polo de agora, este cinema non estaba indo moito máis alá do susto efectista ao espectador, e que ese foi o motivo principal do fracaso das primeiras tecnoloxías deste tipo nos anos 50, cando se presentou nos Estados Unidos. Dixo algo que me gustou:

-Isto cambiará cando concibamos a pantalla como unha xanela tras da que suceden cousas.

Porque, en realidade, ata agora estas pelis conciben a pantalla como un lugar do que saen cousas. É un pouco coma os primeiros anos da tecnoloxía Flash na web.

Este experto afirmou que planificar en 3D unha produción convencional incrementa entre un 15 e un 30% total o orzamento total dun filme; non é moito, pero o mercado é moi reducido, aínda que rendíbel nas producións de superentretemento, como Viaxe ao Centro da Terra. Seica nestes momentos hai bastantes pelis en produción con data prevista de estreo no 2010. Entrementres, este cine continúa relegado a espazos de entremento temático, como a Cidade das Artes e as Ciencias ou agora a Domus Coruñesa; o principal problema é que non hai películas que ver.

Un detalle importante, da intrahistoria da Internet galega, foi a chegada dun proceso que xa é normal noutras latitudes: o convidar a blogueiros a participar de estreas ou de eventos deste tipo por parte dunha institución. Non é a primeira vez que desde instancias públicas xa se conta con blogueiros, pero creo que nunca, de xeito específico, para estreas e presentacións deste tipo. Xosé Antón Fraga, o director dos Museos Científicos da Coruña, afirmou que encher de blogueiros a Domus era case unha sorte de experimento para ver que tal tiraba a cousa no futuro e organizar máis cousas. Foi unha intelixente decisión que lles irá moi ben. Ah, e, por suposto, hai crónica social, cuns viños ao carón dese fermoso ADN de libros que hai na Domus. Pódese ler o lercheo -breve- en Apocalipse do Porco.

5 Comments

  1. 2 / Outubro/ 2008

    Grazas, Manuel, pola túa participación. Desde os museos científicos quedamos moi satisfeitos da experiencia e contamos con repetila para novos temas.

  2. 2 / Outubro/ 2008

    Paseino caralludamente ainda que os pinchos pasáronme voando.
    Haberá que estar nas vindeiras tamén ;-)

  3. 4 / Outubro/ 2008

    Eu tamén desfrutei moito coa iniciativa. Haberá que repetir!
    Noraboa polo comentario (coindido plenamente) e polo blog.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará