Pero imos ver…

Con bastante estupor leo a noticia de que trinta persoeiros do mundo da cultura, das artes e da cociña reuníronse no restaurante Toñi Vicente para amosarlle o seu “apoio” ante a “lapidación” mediática. Porque se ben é certo que esta cociñeira merece todos os meus respectos na súa arte culinaria, non o é menos que foi detida no medio dunha operación xudicial e que sobre ela pesarán, cando se coñeza o secreto de sumario, posiblemente acusacións bastante graves relacionadas co exercicio da súa profesión.

Como non temos nada claro a opinión persoal de Toñi Vicente (e debera darlla, cando menos, aos seus clientes, avisouse de que ía publicar un comunicado que logo non apareceu, esta historia está chea de comunicados que se anuncian pero que non se publican), todo isto non sementa máis que dúbidas e asombro. Este tipo de “apoios” cárgaos o diaño, e só provocan estupefacción na opinión pública, porque nestes días non acabamos de saber se os cociñeiros e outros adherintes reproban as malas prácticas profesionais, como a compra de alimentos con alta probabilidade de toxicidade, ou simplemente se dedican a pechar filas de xeito acrítico, temerosos das consecuencias para a facturación mensual.

Por iso hai que andar con moito tino en todo isto, porque soa pouco serio, bastante feo e fomenta a desconfianza nos consumidores. E por iso se debera ter esperado ao fallo xudicial para adherirse a todo o que fora preciso.

7 Comments

  1. 14 / Setembro/ 2008

    Hai nestes casos unha delgada liña dificil de trazar, que é a de facer unha análise o suficientemente desapaixonada para non afondar na ferida, pero dura dabondo para remexer conciencias e poñer remedios a un problema serio: o do furtivismo (especies tóxicas polo medio) e a complicidade de parte da hostalaría.

    E sorprende como algúns que reciben o nome de intelectuais por parte dos medios, e aos que lles correspondería facer esa análise, ó primeiro que se lles ocurre e normalizar unha situación é non encirrar a autocrítica.

    O mesmo está a pasar coa Administración, que debería aceptar que o acontecido forma parte dunha realidade complexa, e non como algo aillado.

    Os consumidores (turistas incluidos) están sempre na última fila do espéctaculo. O que pasa no escenario non o ven. Escoitan unha historia que vai pasando de boca en boca: televisión, prensa, políticos, cofradias, asociacións de hostalaría, grupos de cociñeiros, intelectuais… entón ou acaban crendo o que pasa, ou gustan de poñerse os prismáticos da internet e os blogs, para ver realmente o que pasa no escenario.

  2. 14 / Setembro/ 2008

    Exactamente, Bota. Gustaríame máis ter visto unha reflexión por parte dalgunha desa xente sobre o que nos pode acontecer nunha “crise alimentaria” de máis envergadura e reflexión social, sería algo bastante máis necesario. Podo comprender que algúns deles teñen con Toñi Vicente unha relación de amizade de anos, pero con isto faille un flaco favor a ela e a moitos dos restaurantes de nova cociña, que son os máis prexudicados con todo isto.

  3. 14 / Setembro/ 2008

    Vemos a cousa do mesmo xeito. Penso que boa parte dos homenaxeadores se moveron por amizade, motivo máis que digno, pero penso que igual houbo certa precipitación. É honroso homenaxear a unha amiga e profesional reputada, pero a día de hoxe está encausada nun proceso que non só pon en dúbida (polo de agora) o seu bo facer profesional, senón que fixo moito dano á reputación da cociña, dos profesionais e dos produtos galegos.

    As medias tintas nese terreo poden estar amparando, de rebote e sen querelo, actitudes paralegais, furtivismo, poden estar quitándolle ferro ó que podería ser un problema grave de saúde pública e de engano ó cliente… Quero pensar que todo foi debido á inocencia e á pouca previsión de Toñi. Quero pensalo.

  4. ánxela
    14 / Setembro/ 2008

    estando dacordo con vós, eu comprendo mellor o apoio dese grupo capitaneado por Beiras (porque chamarlle grupo de intelectuais paréceme un pouco esaxerado) ca o demostrado polas dúas principais asociacións de cociñeiros desde os primeiros días do lío. os que se reuniron no restaurante de toñi vicente son amigos dela que aproveitaron a súa proxección social para facer pública a súa solidariedade, pero como eles mesmos dixeron son sólo iso, amigos, sen máis responsabilidade ca que cada un ten dos seus propios actos. cos cociñeiros non é así. estes teñen unha responsabilidade altísima como representantes do sector, porque ademais como moi ben dixo alguén se trata da excelencia da cociña galega, non de hamburgueserías, e o feito de que todos eles pecharan filas arredor de toñi é algo alarmante. e a min chégame con unha razón, porque deixan aos seus clientes coa amarga sospeita de que a toxina ten que campar en moitas cociñas para que unha vez que aparece un caso todo quisque perda o cú, perdoando a expresión, por pechar filas, protexerse os uns contra os outros e botar balóns fóra. así que, qué nos queda por pensar? a min dame medo seguir pensando

  5. sampedro
    15 / Setembro/ 2008

    E por riva soa a chufla o dos 35€. Manda carallo….
    Dende logo merece a pena ler a nova na edición de El País.

  6. 17 / Setembro/ 2008

    o desprestixio cae maiormente sobre a xente do mar e das hortas galegas. realmente o de toñi simplemente é unha anecdota malévola coma a dos que facían viño de “polvos”. a pena é ter unha intelectualidade desentendida dos verdadeiros problemas desta terra e que unicamente consensua manteis e ideas entre amigos. ánimo ás xentes das praias dos establos das cortes do murteiro e do mar, eles non reciben as axudas dos leader, das institucións e nembargantes manteñen a economía e o sabor dos seus lugares.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará