Na busca do ouro salgado: furtivismo nas costas galegas


A ría de Arousa. Foto: Sole

Nos comentarios de Capítulo 0, varios lectores aludiron ao furtivismo como raiceira de todo este problema: levan razón. Non se enganen: aínda que fora detida unha chef con estrela Michelín, o que está en xogo, é o furtivismo, o mal endémico do noso sector pesqueiro e extractivo. O furtivismo como problema global do país, do que poucos están a falar.

Lembrei unha historia.

De pequeno, ás veces na casa a miña avoa e a miña nai falaban sobre o que acontecía no areal de San Lázaro, situado a pouquiña distancia da casa materna, na Pobra do Caramiñal.

-De noite escoitábanse disparos na praia, entre os furtivos e os mariscadores.

De aquela, sendo eu cativo, eu non daba comprendido. Xente disparándose entre si por ¿berberechos?¿ameixas? Imaxinábame que estabamos no Oeste, e que as praias de San Lázaro eran, pola noite, unha da vaqueiros, só que loitando por algo tan absurdo coma os bivalvos. Logo souben que, na ría de Arousa, e no resto das rías galegas, pescadores e furtivos non se andan con coñas á hora de competir polos recursos mariños da zona: hai moito diñeiro en xogo. A ría é fértil, un ecosistema mariño dunha enorme produtividade, pero ten limitacións. E as tensións entre os legais e os que se saltan as normas se producen continuamente.

O Ouro Salgado de Galicia

E o marisco é o ouro salgado deste país. Diñeiro rápido, sen facer grandes investimentos económicos, sen penalización social, unha auténtica economía mergullada á que ninguén se atreve a poñer freo. As confrarías da Arousa, de Vigo, de Ferrol, da Costa da Morte, levan tempo denunciando o furtivismo que non contempla nin vedas nin límites. Elas mesmas teñen que investir en seguridade, pero é un esforzo moitas veces baleiro. Un garda de seguridade non ten potestade sancionadora: mentres avisa á Xunta ou á Garda Civil do mar os furtivos, que actúan moitas veces de noite, fuxiron: a ría ten moitas reviravoltas onde agacharse.

Si, a ría pode ser moi dura. Os furtivos, ás veces familias enteiras, son fortes, agresivos, non teñen moitos escrúpulos e non dubidan en presionar ou ameazar. Traballan esencialmente o marisqueo, que é o que fornece maiores ganancias, e ultimamente proliferan os buzos con botella de osíxeno, que arrasan áreas enteiras. Durante un tempo, o furtivismo mesmo chegou ser un colchón social: os supervivintes da xeración arrasada pola heroína nos 80 atoparon na ameixa un xeito doado e rápido de financiar a compra de doses. “¡Déixaos estar aí, ho!“, dicían algúns con alivio.

Violencia e problema social

Casos de agresións prodúcense continuamente. Hai un mes viviuse outra escena far-west: o patrón maior de Cabo de Cruz recibiu unha malladura por parte dun grupo de furtivos. O mítico boxeador Pantera Rodríguez, que traballou un tempo como vixiante da confraría de Vilanova, pasou malos tragos literais, coa cabeza mergullada baixo a auga por unha revancha. Nalgúns xuízos, os denunciantes teñen negados os feitos, sometidos a ameazas. Todo iso está ocorrendo: pregúntenlle aos patróns maiores e aos mariñeiros polo tema. Pero a súa erradicación non se tomou en serio nunca. Por suposto, tamén hai dramas persoais entre os furtivos: pais de familia que precisan con urxencia unha segunda fonte de recursos económicos coa que subsistir ou responder a unha situación. O furtivismo non é doado de clasificar nin etiquetar, nin este post pretende facelo.

Por suposto, os furtivos non actúan sós, senón baixo pedido. Nun mercado esencialmente local (por local refírome ao mercado galego), os furtivos traballan baixo encarga, e poden facelo: socialmente o furtivo non está mal visto, e mesmo uns cantos teñen a ben presumir dun marisco capturado de tal xeito. Este é un grave problema para o desenvolvemento e o futuro do noso sector pesqueiro.

Consecuencias globais

Galicia está xa metida nunha enorme marea global, na que non é tolerábel a lóxica de andar por casa con alimentación e produtos que poden provocar problemas na saúde dos consumidores. Estes consumidores son cada vez máis esixentes, cada vez máis informados, esixen máis garantías, trazabilidades, mesmo éticas; os medios dedican un espazo máis amplo, como vemos, a temas de alimentación e gastronomía. Descoñecemos as cifras reais do impacto do furtivismo nos restaurantes -e sería preciso telas-, pero é real, e ten consecuencias tan negativas para a imaxe internacional do país como estas que estamos a vivir.

Para o que debera servir este feo episodio sería para cambiar a cultura social sobre o furtivismo: por parte dos restauradores -que deben ter identificados proveedores, procedencias, e permisos, e non xogar con lume-, por parte dos consumidores locais -que debemos non ser permisivos e esixir a procedencia do marisco- e por parte das administracións que, durante moitos anos, viviron con este problema como sen enterarse.

3 Comments

  1. arume dos piñeiros
    9 / Setembro/ 2008

    Chapeau!

  2. 10 / Setembro/ 2008

    Totalmente de acuerdo Gago, un gran post. La reflexión debe ir mucho más allá de un caso concreto en el que una prestigiosa cocinera compra a furtivos, el analisis de esta noticia en profundidad duele tanto, por que mete el dedo en una de las venas abiertas de este país que es la contaminación de las rías y la explotación de recursos naturales de Galicia, con el visto bueno, y el cachondeo padre de gran parte de la sociedad gallega.

  3. sampedro
    10 / Setembro/ 2008

    Estou completamente de acordo coa tua análise. A verdade e que o que contas é a pura verdade, coñecida por todos. O furtivismo leva conosco moitos centos de anos, incluso practicado polos propios “veraneantes” nas prais, como no areal da Pobra e moitas outras. o problema complícase cando as nosas augas son unha cloaca de verquidos noxentos.
    Urxe unha toma de posición por parte da xunta pero aquí mestúrase o problema técnico co factor “políticoquevivedapolítica”…como en moitos outros problemas do país.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará