Un castelo…de terra en Estás (Tomiño)

Last updated on 16 / Xullo/ 2008


Fotos: Sole

Non é coña: chámase a Fortaleza Santiago Carrillo. Aínda que o nome soa como algo a político do PCE, nada ten que ver este curioso lugar coa Transición. O Forte de Medos é un vestixio único en Galicia. Estás na parroquia de Estás, en Tomiño, a pouca distancia da beira do Miño. E, de súpeto, cando te metes no bosque e nunha prantación de kiwis, empezas a descubrir enormes murallas e foxos de terra recubertas dunha mesa capa de fentos e silveiras. Aquí está unha parte da nosa Historia que foi ignorada durante moitísimo tempo: a guerra da Restauración, entre España e Portugal no século XVII, que provocou a fortificación e militarización das dúas ribeiras do Miño. En función das campañas, dos movementos de tropas, das incursións dunha ou doutra banda, os montes e as aldeas do Baixo Miño están hoxe construídas sobre baluartes, trincheiras, murallas e terraplenos que hai que saber ler nun terreo fértil e verde que devora todo. Son un escenario bélico ao que aínda lle quedan as cicatrices do conflito.

¿É un castro? De súpeto as murallas toman un ángulo brutal, xeométrico, daste conta de que é unha pranta de estrela…sen dúbida, seguindo a mesma e avanzada planta das fortificacións militares que estaba a deseñar neses momentos o enxeñeiro francés Vauban a varios miles de quilómetros. O Forte Santiago Carrillo xurdiu para enfrontarse e controlar a praza que o exército portugués gañara na ribeira galega, o forte de San Lourenzo e o Forte da Concepción, tomados tras unha acción heroica cruzando de noite o Miño polo seu paso máis estreito en Vilanova da Cerveira… Este foi un castelo de urxencia, levantado en a penas meses entre 1663 e 1664 por centos de traballadores, como un lugar de campaña destinado a controlar a eses portugueses de Goián e impedir o paso a Tui, chave estratéxica da zona. Teño visto moitos castelos do XVII, rexos edificios pétreos de bóvedas e garitas, pero nunca un, exactamente igual, cunha pranta militar, só de terra, devorado polo bosque, como unha trincheira…de dimensións colosais, desfacendo todo un outeiro que poucos anos despois volveu ser colonizado pola natureza.

No Forte Santiago Carrillo, que estivo en activo a penas unhas décadas, había capacidade para manter a cinco mil infantes e dúas mil cabalarías, e pertenceu ao Arcebispo de Santiago. As súas dimensións son enormes, acadando os cen mil metros cadrados; dan de abondo para que o seu patio de armas conteña hoxe unha enorme prantación de kiwis do Baixo Miño. Hai que dicir que o castelo está en fase de recuperación dentro do Plan Director de Fortalezas do Baixo Miño (compensa botarlle unha ollada ao PDF). Algunhas partes comezan a descubrir a forma orixinal: unha colosal construción provisional, un capítulo breve dun episodio bélico que case todo o mundo descoñece. (Grazas por descubrírnola, Xurxo!)


Excavación do castelo

Localización no interior do post


Visualizar o mapa ampliado

5 Comments

  1. 14 / Xullo/ 2008

    Pois si. Este tipo de fortificacións de terra e madeira son as que máis abondan pola raia, lembro outra en Medeiros (Monterrei), outra por Celanova, etc. Eran faciles, e baratas, de construir e cumprian a súa misión…

  2. 14 / Xullo/ 2008

    Por ser de terra tampocuo hai q pensar q eran moito peores, toda a muralla de Copenague era de terra e está case toda completa aínda hoxe, incluida unha espléndida cidadela moi ben coidada. Pero en Galicia a pedra é a pedra… :)

  3. 15 / Xullo/ 2008

    Outra tipo de fortificación da guerra hispano-lusitana, era empregar as antigas torres medievais preto da raia e arranxalas para as novas continxencias do século XVII.

  4. 15 / Xullo/ 2008

    Curioso o de Copenhague, non sabía, Xenome. Tamén se empregou a de Sandiás nesas guerras, Xabier?

  5. 16 / Xullo/ 2008

    Pois asi é. Concretamente a torre de Sandiás foi punto de concentración de tropas durante un episodio da guerra de Sucesión Española (1704-1715). E na torre de Pena, enfronte a de Sandiás (uns 6 Km en liña recta) existiu ata mediados do século XVIII unha peza de artilleria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará