Unha Guía Michelín do século IV


O sur de Italia na Táboa de Peutinger.

O título non é meu, senón de Opaco, que atopou esta auténtica marabilla na rede. É a Tabula Peutingeriana, o mapa de estradas máis antigo que se conserva. Aínda que a copia que se conserva na actualidade na Biblioteca Nacional de Austria é de finais do século XVI, crese que é unha copia máis ou menos fiel dun orixinal debuxado a finais do século IV ou V.

O mapa é un prodixio do deseño funcional. Trátase dun pergameo enrollábel de 6,75 m de longo e só 34 cm de alto; xa que logo, estaba pensado para poder ser trasladado con comodidade nas longas viaxes malia conter información relativa a todo o inmenso Imperio Romano. Debido ao custosa que debía ser, imaxínome un uso diplomático, militar, comercial ou político para este itinerario. Velaí aparece desde as costas da Gallaecia, Hibernia ou Britannia ata o río Ganxes. Para poder deseñar tal plano e conseguir que o itinerario puidera seguir sendo funcional,o debuxante comprimiu o alto do Imperio neses 35 cm de alto, sacrificando aquelas partes irrelevantes para a funcionalidade principal, como poden ser mares coma o Mediterráneo, e reducíndoas só a unha presenza mínima. De feito, para un camiñante, o mapa permitía unha orientación moi sinxela para comprender os camiños que se debían seguir. Un pequeno xogo de iconos permitía, ademáis, identificar puntos importantes para o viaxeiro, como Mansioni decentes (as pousadas do roteiro), baños ou portos.

Por desgraza, o primeiro tramo do pergameo, onde figuraba Hispania, sufriu o paso do tempo e foi reconstruído no século XX. Alí, con todo, podemos ver Iria, Brigantia, Lucus ou Nemetobrigae, nesa xeografía humana que recoñecemos só en parte. Como sinala Opaco, é toda unha experiencia xogar a partir dalgunha localidade da Gallaecia romana e probar a chegar ata a India por vías romanas.

Ver a Táboa de Peutinger completa (7 megas na Wikipedia).

2 Comments

  1. 8 / Xuño/ 2008

    Hai tempo descubrin na rede a tabula, na Biblioteca Augustana, que ten unha colección de textos latinos e gregos que parece a biblioteca de Alexandría. En Galicia non aparece moito na bibliografía ao uso sobre estradas romanas por faltar esa primeira parte, que a fai un documento inútil polo que a nós respecta. Pero como deseño, ti que es tan dado a publicar infografías, é un prodixio de información condensada, pragmatismo… e moi entretida!

  2. 8 / Xuño/ 2008

    Si, unha auténtica mágoa. Por certo, na reconstrución da Hispania, o que aparece na esquina superior esquerda (ver foto) serán as Áras Sestianas (aí chamadas Augusteas, ou algo así)?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará