Estampas pompeianas (I): o espello do tempo
2 / September/ 2010 – 6:18 pm | 3 Comments

Aos lugares nos que fuches feliz non volvas. Ante esta chamada á fuxida, o mellor é afrontar o reto. E descubrir na túa ollada sobre a máis fascinante cidade do mundo antigo que xa es outro.

Le a historia completa »
Home » Diario, Paparotas & Co, Roteiros

VI Xantanza: epílogo na solaina de Viña Meín

1 / June/ 2008 5 comentarios


A nosa fiestra. Fotos: Sole

Esta foi unha fin de semana moi intensa que comezou pola VI Xantanza no Ribeiro o sábado. Mañá contarei con máis detalle o roteiro, pero hoxe quero comezar polo final. Tras un esforzado día blogastronómico, chegamos a Viña Meín, unha adega e casa de turismo rural en San Clodio que fai un dos meus ribeiros preferidos. Eu namoreime deste lugar hai algúns anos. Subindo tras o mosteiro de San Clodio, en Leiro, chegas ascendendo costiñas ata o fondo dun pequeno e solitario val. O primeiro día que visitei este lugar -igual que este sábado a noite, cando volvín-, un arrecendo a mirtos pacegos nacía mainamente dos xardíns; todo estaba en silencio, e no patio da casa prendían algunhas farolas. A casa e a adega agachaban unha ladeira dun monte penedento, con doces viñedos que suben polo val, rodeados de bosque, e baixan ata o estanque. Todo iso descúbrese desde a marabillosa solaina da casa, que se abre por sorpresa a esta paisaxe íntima e recóndita sabedora desta xoia secreta que pode sorprender a calquera persoa con sensibilidade. E aquí vén o que quería contar.

Era a noitiña, con todo o bosque cheo desa frenética actividade que só aprendes a ver e sentir cando paras a debullar dialecto dos solpores. Por primeira vez en todo o día estaba só. Sentei nestes sofás mentres o sol se ía poñendo por algures -non me importaba a orientación-. Un par de bubelas achegáronse ata as barandas e miráronme. Varios corvos saíron do bosque e planearon sobre os viñedos, pousándose nos camiños. Crin ver algúns esquíos subindo polos piñeiros. E sentado, en calma, só, mentres o día ía pechando a cortina, sentinme por momentos en posesión do maior tesouro en tempos turbulentos: a calma. Non escoitaba aos compañeiros blogastrónomos que, no interior, preparaban a Gin Session con Citadelle e Fever Tree. Non escoitaba os clics da cámara de César, curiosa coma un esquío, entrando en todos os recovecos dos 4×4 que nos subiran ao alto do Coto de Gomariz, ou a sorna veterana de Miguel Vila, ou as gargalladas de Óscar ou Sole, ou a ironía cachonda de Manoel, ou as frases curtas, brillantes e eruditas de Borralleira, ou a contención de Gourmet, ou a contundencia de Salomé ou o que fai diferentes e únicos a todos e todas, Isabel, Chus, Ana, a timidez do Viticólogo, o bo rollo de Eugenio.

Pero saber que estaban alí dentro, ou que nos acompañaran todo o día, era parte dese tesouro do solpor na solaina marabillosa de Viña Meín.

Viña Meín. O aloxamento en Viña Meín en tempada baixa é de 60 euros máis ive (almorzo incluído). Alugan a casa completa (creo que cinco cuartos e un apartamento). Se podes e sodes uns cantos, e é o máis recomendábel para disfrutar dunha experiencia espectacular neste lugar.

5 comentarios »

Deixa un comentario!

Engade o teu comentario debaixo, ou trackback do teu propio sitio. Ti tamén subscribirse a estes comentarios via RSS.

Pórtate ben. Manteno limpo. Queda no tema. Non sexas troll. Nada de anónimos vengativos nin outras trangalladas

Podes empregar estes tags:
<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Este blog recoñece Gravatar. Se queres ter un, rexístrate en Gravatar.