Como ser un Capo das Copas: consellos prácticos

O outro día dinme de conta (enésima vez) de que me estaba facendo maior cando nun restaurante pedín, sen pasar apuro ningún pola miña parte, que nos cambiaran o servizo de copas de viño. É tradición rácana de moitos establecementos de hostelería servir o viño en copas de bazar chinés: vidros malos e grosos e, sobre todo, copas moi pequenas, cun fuste moi corto -o fuste é o sitio polo que agarras a copa-, coa forma da copa semiesférica, case como unha laranxa cortada, e coa boca aberta. Esa é unha boa colección de erros. Se tal che pasa, e queres disfrutar do viño, pide sen ningún tipo de apuros unha copa de viño de verdade. Será moi posíbel que o camareiro mesmo porfíe todo cheo de razón na súa ignorancia: “¡Pero se é de viño!”. Non te cortes en insistir: na alacena sempre gardan o xogo de copas boas. Saben ben o que fan. Ti quedarás como un repugnantiño/a pero disfrutarás do señor viño que vas beber. Cando fagas iso, cando non teñas vergonza de pedir un cambio do servizo da mesa, saberás que xa te converteches nun auténtico Capo das Copas de Viño. Aquí van algúns consellos para converterte nun corleone enólogo e dotarte dun arsenal caseiro. E, importante, nisto, como en todo, cada un ten o seu método.

Unha boa copa fai que os bos viños gusten máis

¿Por que é importante beber o viño nunha copa boa? Desde logo, non é para nada algo pedante. Esas copas miserábeis non permiten disfrutar de dúas dimensións que valoras de xeito especial cando comezas a amar o viño: a visual e a olfativa; cando pides un bo viño e te dan esa copa, estás perdéndote moitas cousas. O vidro groso e a pequenez do depósito impide que apreciemos os matices da cor, que moitas veces nos contan cousas sobre a idade do viño, a variedade da uva ou a súa carga alcólica: a copa debe ser de cristal fin e transparente, sen formas raras nin cores simpáticas, e co borde redondeado. E a olfativa: as copas pequenas e abertas adoitan encherse ata arriba a pouco que lles botes. Se a boca da copa non está lixeiramente inclinada para dentro, a copa non acumula os aromas que proporciona o viño; os olores son unha cuestión complexa, e separalos e identificalos son unha das experiencias máis divertidas cando comezas a distinguilos. Durante todo o fugaz tempo de vida dunha botella, mentres o viño toma contacto co aire e se oxida, eses aromas cambian e van confesando solos, a contorna natural do viñedo, terroir, adegas…Se a copa ten unha boca algo pechada, eses aromas vanse concentrando e saíndo sós, simplemente con axitar algo o viño desde o fuste da copa. Importante, por certo, o do fuste. Ultimamente están de moda uns vasos de viño moi monos: son como copas pero sen fuste. Fuxide deles como da peste para servir viños neles; se teñen que estar por imperativo na mesa da cea, servide neles a auga.


Tipos de copas

Burdeos e Borgoñas: a diferencia básica

Precisamos copas bastante grandes porque a copa hai que enchela pero non demasiado. Moita xente recomenda que se cubran 2/3 da súa capacidade pero eu, por exemplo, tendo a botarlle algo menos para extraer máis aromas e disfrutar do que me conte o olfato; a cousa cambia, ademáis, en función do tipo de viños; aínda que na diversidade sen dúbida está moito do olfato comercial dos vendedores de copas, o certo é que a xeometría interior dunha copa provoca variacións na forma na que os aromas entran no noso nariz. Por exemplo, un bo capo das copas ten na súa casa un par de tipos de copas, as dos viños de crianza e os tintos normais e as dos reservas; moitos chámanlles as burdeos e as borgoña, respectivamente. As burdeos son a copa habitual nos restaurantes bos; as borgoña, para reservas, pola contra, teñen unha base máis ancha e unha boca tamén máis alta. Son tan grandes e amplas porque están destinadas a abrir viños que poden levar décadas embotellados; deste xeito, liberas máis rapidamente algúns aromas incómodos a pechado que poida ter o viño, rapidamente, se equilibra co seu contorno.

Que mercar

¿Que tipo de copa mercar? O outro día, ceando na Tafona, un novo restaurante-hotel situado na rúa Virxe da Cerca, en Compostela, observei gratificado que servían o viño en copas Spiegelau. Si, esa é unha das grandes marcas. A outra é Riedel. As dúas austríacas, se non me trabuco.

Nos enogeeks, ata hai pouco un tiña que optar por algunha das dúas: eran coma ser do Celta ou do Deportivo; agora Riedel mercou a Spiegelau e moita desa competencia rematou. Mercar un xogo de calquera das dúas é caro de vez e difícil de xustificar para un peto normal: 6 copas Riedel poden saír en 20 ou 30 euros por copa, que non está nada mal para rompela mentres a lavas na cociña. Pola miña banda, nós na casa estamos moi satisfeitos cos xogos de copas burdeos e borgoña que venden no Corte Inglés (a vintenove euros as seis). Este é un prezo razoábel por esas copas. Antes, tiveramos unha experiencia cunhas copas de Ikea, a seis euros as seis, coas que pasamos terroríficos momentos de fractura de cristal en directo mentres as lavabamos. Non compensa tirar á baixa. Iso si, a quen lle guste o viño, o tema é inesgotábel. Para os viños máis concentrados, están saíndo novas copas dun fondo case cónico. Están tamén as copas especiais para viños olorosos, doces, champagnes… E os brancos, por exemplo, non concentran tantos aromas coma os tintos, e moitos suxiren que deberan ser servidos en copas un pouco máis pequenas, para facilitar a cata dos aromas…

O tema é extensísimo, enorme, e pódese ampliar canto queira. Todo depende do número de viños que teñas probado durante a discusión. :-)

4 Comments

  1. 16 / Maio/ 2008

    Anda, non te queixes. O chungo era en tempos rexeitar aquelas horrorosas copas verdes que poñían en todas partes para o viño branco, mentres todos os compañeiros de mesa miraban para ti con cara de xa-saiu-o-listo-de-quenda-coa-tonteria-de-sempre mentres brimndaban alegremente cos seus cristais esmeralda e despois sentir as miradas dos camareiros que te esfolaban vivo.

  2. 23 / Maio/ 2008

    Non deixa de ser curioso, nos dous últimos meses, en dúas casas diferentes as que fun invitado, atopeime nunha cuns vasos moi decorados tipo duralex pero de cristal fino e na outra unha mesa con copas cor bermello. Nesta , eu máis un colega botamos mao dunhas borgoñas cos nomes dos anfitrións, agasallo da boda que tiñan nunha estantería.
    Tamén dicir, como hosteleiro, que gosto dos “capos”, dos discípulos de Montalban, daqueles que tampouco comen ou beben calquer cousa. Coido que nos fan a todos un pouco mellores.
    Como ves, aínda respiramos, só que ás veces é imposible facer moito ruído. Ando como ti, a velocidade de trescentos bicos por minuto.
    Saúde e bons viños.

  3. 23 / Maio/ 2008

    un saludo cordial don M.GAGO leo con sonrisa su exaltacion sobre las copas,pero si me permite,el precio de copas Riedel no es tan abultado como
    lo escribe,una caja de 12 de las de Burdeos x 30 € ,si quiere una me llama si no es mucha molestia,si no ya le regalo yo la caja.pero hay que cuidarlas por que para los restaurante son una ruina.
    un saludo cordial
    enrique castillo.

  4. 24 / Maio/ 2008

    Grazas, Enrique, creo que se refire aos prezos para hostelería das Riedel. Aos alleos ao sector sáennos algo máis caras (miramos nalgún establecemento). Grazas pola oferta, pero non lle quero molestar con iso!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará