A salvaxe agresión das louseiras ao Macizo de Pena Trevinca: deben parar xa


Vista satélite do val de Casaio con todas as canteiras avanzando en dirección Pena Trevinca. Foto: Google Earth

As seguintes imaxes que vas ver foron tomadas na catástrofe medio ambiental de maior magnitude que teño visto cos meus ollos. Iamos en dirección Pena Trevinca, para subir ao Teixedal de Casaio. Ao subir por Sobradelo e ir ascendendo as montañas, de súpeto puidemos observar algo terríbel. Un val enteiro devorado por ducias de louseiras que extraen pedra dos montes e tiran o material sobrante monte abaixo, sen criterios nin iniciativas de recuperación, nun auténtico acto de depredación e canibalismo social. Aquí, ducias de empresas están devorando un ecosistema privilexiado. Cada nova canteira devora un monte, achégase á montaña de Pena Trevinca -a máis alta do noso país- e devora un anaco ante o silencio de todos. A máis avanzada xa está directamente na base do macizo. Outras acabarán por chegar e afectar ao Teixedal de Casaio, o bosque de teixos máis occidental de Europa e unha xoia biolóxica de hai centos de miles de anos.

Este foi un problema oculto para a sociedade galega durante anos. Lonxe dos medios de comunicación, de organizacións ecoloxistas e sociais vertebradas, destino distante polo que só pasan montañeiros e algúns contados excursionistas, nun remoto val de Valdeorras, as louseiras fixeron e desfixeron o medio sen ningún tipo de problema; o lobby da pizarra tamén se encargaba de tranquilizar as cousas no exterior, nos medios e nos Parlamentos. Algunha aldea do val, como Casaio, está literalmente rodeada polas canteiras. Moito disto xa non poderá ser recuperado.



A canteira e a escombreira que xa están no Macizo de Pena Trevinca:


Fotografías de Soledad Felloza

Non é certo que Valdeorras precise unha actividade louseira tan grande e salvaxe para vivir. Ese é o argumento dos caníbales. Os habitantes de Valdeorras poderían vivir estupendamente da lousa mantendo un maior equilibrio co contorno. En realidade, coma sempre, é todo cuestión da multiplicación dos beneficios e da plusvalía. Observa a táboa de evolución da poboación do Barco de Valdeorras (extraída da Wikipedia):

Evolución da poboación de: O Barco de Valdeorras – desde 1900 ata 2004 –
 1900  1930  1950  1981  2004
 5.321  5.930  8.081  9.242  13.518
Fontes: INE e IGE

(Os criterios de rexistro censal variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Esta táboa é un exemplo de manual sobre sostibilidade e agresión medio ambiental. O incremento espectacular de poboación -inédita nesa zona de Galicia-, procede da multiplicación e a apertura de ducias de canteiras e a busca de máximos beneficios, moi por encima dos umbrais que o contorno e o medio ambiente podía manter. Se no Barco de Valdeorras se tivese controlado ese incremento de canteiras desde o principio, a poboación local viviría estupendamente (seguramente mellor) e os depredadores non terían multiplicado o número de canteiras ao monte.

A situación actual é insostíbel desde un nivel medio ambiental e unha afrenta á nosa dignidade nacional. Catro individuos están a punto de desfacer a montaña máis alta do noso país e todo un espazo de incalculábel valor medio ambiental e paisaxístico. Deben deterse con carácter de urxencia as canteiras máis próximas a Pena Trevinca e iniciar programas de recuperación en todas as escombreiras que deixaron as empresas por todas partes. Tamén se debería pensar en cal é o futuro desta comarca, que os empresarios están destruíndo como caníbais. Cando o mineral pase de moda (pasará), a comarca vivirá unha catástrofe. Xa me imaxino á Xunta pagando subsidios por doquier para evitar a catástrofe social, tirando dos meus impostos e dos teus, e a moitos fillos de Valdeorras emigrando de novo.

3 Comments

  1. 7 / Maio/ 2008

    Relacionado, hoxe mesmo:

    A Consellería de Medio Ambiente presentará o vindeiro luns no Consello Galego de Medio Ambiente a declaración da ZEPA de Pena Trevinca

    http://novas.xunta.es/node/9644

  2. 7 / Maio/ 2008

    O máis parecido que hai a adentrarse en Mordor. Especialmente cando fan voaduras e hai nubes de lousa sobre os vales.

    Incrible que ninguén faga nada. Pero os cartiños son os cartiños.

  3. breaseixo
    28 / Xullo/ 2008

    Que horror!!, pois agora xa temos uns gobernantes progresistas e mais nacionalistas. Menuda merda é a política!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará