
A subzona de Amandi, no Canón do Río Sil. Foto: Google Earth
Miramos os alpendres, a casa coas contras baixas, a casota de ladrillo dentro da que polas fiestras se entrevía un depósito de aluminio. E un silencio cortante de aldea interior.
Juan Manuel Gonzalvo e máis eu ficamos en silencio no patio interior da casa labrega, dando algunhas voces a ver se aparecía algún adegueiro ou similar.
-¡E só falta o can! -dixen.
Non, non faltaba. Un enorme pastor alemán apareceu por un alpendre bourando coma tolo. Así que botamos a correr contra o coche, aparcado aínda na estreita estrada que comunica as aldeas de Amandi, co can tras de nós.
Si, prometía ser un bo día de cata. Máis ben, de aventura enolóxica.
Amandi: é un nome mítico nos viños deste país. De escuro e antiga orixe -aínda que doadas e pedantes interpretacións-, esta parroquia do concello de Sober e as súas limítrofes, conforman a subzona máis coñecida da denominación de orixe Ribeira Sacra, e non é por menos. O mencía de Amandi ten un carácter especial: a frescura dos viños atlánticos coa mineralidade das grandes pendentes do canón. Aquí, nun pequeno espazo, hai 35 adegas que venden viño. Un par delas grandes -Regina Viarum e a Reitoral de Amandi-, algunhas intermedias e moitas adegas de pequenos produtores. O sábado pola mañá, os pequenos produtores baixan á ribeira. A ribeira é a principal carta de presentación deste territorio que, ben mirado, ten algo de novela fantástica. Aínda que as aldeas están nun campo máis ou menos regular, cos cómaros típicos do interior galego, os viticultores buscan o sustento por debaixo da liña do horizonte, nunha vertical de abismo que cae cara o Sil, en pendentes ás veces case verticais. Algúns ás veces esvaran nos socalcos e non é nada difícil crebar un par de ósos. Xa falamos deles noutras ocasións. É a viticultura heroica.
De xeito un tanto precipitado, queremos ir petando nas casas como esmolantes e catar o viño que nos ofrezan. Juan Manuel Gonzalvo, a quen coñecín en Ibiza e con quen compartín paixón por esta bebida ao momento, está embarcado en yvinos.com desde Barcelona, e fai un tour adegueiro por terras galegas. A estas alturas do ano, algúns dos adegueiros están en pleno filtrado, limpando o viño de impurezas antes de embotellar. Así nos atopamos á Viña Cichón, mesmo en Doade. A noite anterior levárame nun taxi Pepe de Vedra, un gran amante dos viños. E recomendáramo. Aquí bebiamos o seu Amandi galante, fresco e con esas certas notas torrefactas que poden sorprender nestes viños (4′50 euros/botella). Domingo López, o adegueiro, comparte co resto dos seus compañeiros da subzona varias características: producións pequenas (8.000 botellas), unha pequena porción de socalcos na ribeira e elaboracións sinxelas.
Desde alí buscamos a Adega Guímaro, de Pedro Rodríguez, no labirinto de pistas. “Manolo”, dime Juan Manuel entrando de novo no coche despois de preguntarlle a un pastor, “aquel señor me dijo que estaba después de un ¿moiño escangallado?”. Ao chegarmos a Brosmos atopámonos á súa bisavoa, de 90 anos, e noutra casa da aldea a unha comadre súa da mesma idade. Ofrecémonos a achegalas no coche ata a adega, a ver se nos abren, e encantadas. Coas dúas chicas, e Pedro Rodríguez guiándonos por teléfono probámoslle o viño do ano e o seu novo barrica 2007, sacándoo aínda dos bocois coa pipeta. “Probade do déposito 6″, di o Pedro desde o metalizado do teléfono. O Guímaro xa é outra cousa, un viño moi profesional e de alto nivel, de cor concentrada e outra volta esa presenza torrefacta, de cacao, xunto coa mineralidade destas ladeiras. O barrica aínda está por facerse, pero tamén promete ser un gran viño. Deixamos, despois de botarnos unhas risas con elas, ás chicas nonaxenarias diante das portas rosaleadas das súas casas da aldea de Santa Cruz de Brosmos.
Despois de comer en Algueira descendemos co coche e paramos no mirador emblemático. Vai unha calor marabillosa a primeira hora da tarde. E no canón dos viñedos o silencio, outra vez, pódese cortar coa man. É certo que o viño precisa repouso.
Notas prácticas da viaxe: Só tres adegas da zona ‘quente’ dos viñedos da Ribeira Sacra teñen abertas tendas de degustación con horarios turísticos: Algueira, Regina Viarum e Ponte da Boga. Se queres coñecer o resto, especialmente a subzona de Amandi, chama uns días antes. Conta con que son agricultores e moitas veces non van a estar en casa en horas laborais. Un directorio telefónico está aquí. Habitualmente, nunha mañá non dá tempo máis que para catro ou cinco adegas. No centro de Doade hai unha Cantina na que hai unha carta grande de viños da subzona.


Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 







