Internet 2008: 11 tendencias

En Capítulo 0 non podía faltar unha lista sobre a evolución de Internet, dos medios de comunicación e do sector das tecnoloxías de comunicacións no vindeiro ano. Aquí van 11 ideas nas que pensar no futuro 2008. Debido á súa extensión, coloqueinas no interior do post.

1. Abaratamento do ADSL básico e novos produtos “premium” para consumo doméstico.
No mercado español, as operadoras van ofrecer á metade de prezo conexións ADSL de pouca velocidade, tentando chegar aos segmentos de mercado que aínda non contrataron estes servizos, debido ao seu escaso uso de Internet. Tamén se comezarán a comercializar a nivel do público xeras as novas conexións de ADSL a 10 megas. A Internet móbil, vía 3G, reducirá os prezos actuais nas súas modalidades de contratación mensual dunha tarifa plana, pensando en captar a un público máis novo cun alto nivel de mobilidade.


2. Reducirase notablemente o incremento do número de blogs. Moitos antigos blogueiros, pola contra, fortalecerán os seus perfís en webs de ámbito social.
A relevancia dos blogs como plataformas de comunicación persoal, con todo, fortalecerase e moitas comunidades de usuarios continuarán interaccionando a través deste formato. O blog será a plataforma ideal para os expertos, os creativos, e como canle de información corporativa de pequenas entidades (asociacións, etc.). O interesante é como algún do software máis coñecido de blogs, como WordPress ou Movable Type, está a constituírse no core doutro tipo de publicacións, revistas ou webs de pemes, editoriais, etc., o cal podería crear unha distribución alternativa destinada desas aplicacións especializada na representación de contidos máis complexos.

3. Rexistrarase unha intensa e agresiva competencia entre plataformas sociais, como Facebook, MySpace, as de Google, etc. Compras, vendas, alianzas, proxectos conxuntos por ficar coa competencia de administrar e xestionar o crecente fluxo de vida dixital dos internautas. Veremos unha interesantísima batalla sobre o concepto aberto/pechado. O peor de todas esas plataformas é a súa filosofía centrípeta e monopolística: a tendencia a agregar contido dentro delas mesmas, e non permitir a súa redistribución e interacción no exterior. Esta filosofía -non se pode negar que é exitosa en termos de audiencia, polo que vemos ata agora- chocará con movementos para que os usuarios poidan exercer de xeito máis flexíbel a súa identidade dixital. Movementos como Open ID poden ser o novo Creative Commons. OpenID é un sistema para que cunha única identidade dixital poidas entrar nas zonas de usuario rexistrado de múltiples sitios. Como sinalan en Read/Write Web, aínda veremos os seus primeiros pasos: “OpenID will be adopted by more startups and larger web companies, but most people (mainstream users) still won’t use it – that’s a couple of years off”.

4. Medrará con forza o uso do open source en aplicacións e software, aínda que non tanto nos sistemas operativos dos usuarios finais, que seguirán a ser propietarios, Windows XP, Windows Vista ou MacOS X de xeito maioritario.

5. Internet=disco duro. Xigas de capacidade no correo electrónico, nos sitios de distribución de vídeo, de xestores de imaxes, etc. Aínda falta, con todo, un gran servizo de distribución de multimedia, que agrupe audio, fotos e vídeo con eficiencia. Debido á maior actividade multimedia das webs, as compañías que ofrecen servizos de hosting ampliarán considerablemente a transferencia de datos, para aqueles usuarios que queren un maior control do seu contido. A maiores, na casa todos os novos trebellos comezarán a crear problemas de almacenamento. Aparecerán os primeiros discos duros de capacidades de terabyte a prezos accesíbeis, e os discos duros serán autónomos e comunicados vía wi-fi co resto das máquinas da casa.


6. Continuará a caída de vendas da prensa en papel…e se fortalecerán as edicións dixitais
. As empresas xornalísticas canibalizarán elas mesmas ás súas cabeceiras impresas fortalecendo máis e máis as edicións en liña para competir nun mercado moi agresivo e no que a publicidade, aínda que en aumento, non é un ben especialmente abundante no contexto europeo. Haberá movementos decisivos no ámbito das audiencias en liña, coa presenza de novos actores nas primeiras listas. Tamén dificultades, xa que é posible que moitos proxectos editoriais de mercados moi pequenos -caso de Galicia- non acaden unha masa crítica abonda para xustificar os investimentos.

7. Non haberá un incremento significativo do número de internautas en Europa.

A partir de agora, como xa se advertiu nos últimos anos, xa non hai números espectaculares asociados ao crecemento de Internet. Moi avanzada a dixitalización de determinados sectores sociais e económicos, a popularización da Sociedade da Información noutro tipo de sectores xa depende máis doutros indicadores estruturais máis clásicos, como PIB, balanza demográfica, etc. O crecemento da conectividade en Galicia será moi reducido.

8. Pola conta, veremos como os usuarios dominarán, cada vez mellor, competencias e habilidades no uso das novas tecnoloxías e da rede, entendida esta como un caudal multifuncional de información e, cada vez máis, de entretemento.

9. As televisións irán por diante da industria cinematográfica na apertura dun modelo de negocio en Internet. Xa vimos algúns movementos este ano, como o lanzamento de Hulu.com nos Estados Unidos e algunhas iniciativas en España. A televisión, como grella de programación lineal, está desaparecendo. Poderemos ver en diferido, nos webs das televisións españolas, unhas cantas series de produción propia.

10. A personalización. Desenvolverase software e aplicacións web máis eficientes en filtrar e detectar a información relevante para o usuario, aproximándose ao que se coñece como web semántica, pero os medios e as webs máis tradicionais non farán grandes esforzos en permitir que o usuario adapte o contido aos seus intereses.

11. Haberá máis interacción entre medios sociais e medios xornalísticos. Compras, acordos, extraccións de contido. Veremos unha hibridación entre medios sociais e cibermedios xornalísticos, e será pola iniciativa dalgunha das dúas partes…ou a través de mashups de programadores independentes.

One Comment

  1. 27 / Decembro/ 2007

    muito pertinente !

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará