
Telefónica ten realmente un problema coa localización de moitas das súas accións, é dicir, coa adaptación a mercados concretos das súas campañas de promoción publicitaria e produtos. A foto corresponde a unha campaña vixente que ofrece tarifas especiais aos pequenos empresarios galegos. Para facelo, xoga a representar personaxes que son claramente estranxeiros desexando ter a identidade e a residencia no territorio ao que está destinada a promoción. Aínda que non podo confirmalo, ten pinta de ser a típica acción publicitaria barata concebida por unha axencia globalmente, e que se pode adaptar a calquera comunidade autónoma que sexa preciso, simplemente cambiando “Quero ser galega” por “Quiero ser andaluza“, etc… O problema é que se non se estuda ben o mercado local, pasan cousas como as que vin hoxe á mañá ao carón dun destes anuncios.
-Ah, e logo non é galega? -dicían estrañadas dúas señoras da mesma idade que a modelo fotográfica do anuncio, sen entendelo moi ben.
En efecto, parece galega. E ocórrense catro ou cinco sitios en Compostela onde podería facerse esta foto.

Outros, porén, semellan telo máis claro que esas señoras. No momento en que quitei esa foto (celebración da vitoria española na Eurocopa) pasou por alí este personaxe e a idea pareceume irresistible.
Parabéns polo seu blog, sígoo dende hai tempo e aínda non comentara nada. Realmente non pensaba ir tan atrás no tempo, mais cheguei aquí na procura daqueloutro cartaz no que saía o dono dun “Irish pubiño”. Saúdos.
Grazas polo alento, Vixía!