Notas arqueolóxicas: do Castro Lupario ao Castro Mouro, e unha decepción en Francelos

lupario_mouro.jpg
Castro Lupario (esquerda, Google Maps) e Castro Mouro (dereita, SIXPAC). O Castro Mouro ten un recheo semitransparente para observar a forma da croa e identificar a muralla ao redor.

1. O Castro Lupario é un dos xacementos máis intrigantes da Maía. Trátase dun recinto tan enigmático como magníficamente conservado. Unha imponente muralla de pedra rodea o recinto superior da acrópole. No seu interior, un muro divisorio, que se aprecia na fotografía, divide o recinto (ver en Google Maps aquí). As acumulacións de formas da zona dereita pénsase que son as ruínas dunha capela medieval. Ao redor do castro, na zona noroeste, dáse un fenómeno moi interesante. Da muralla saen, de xeito radial, valados que descenden un pouco no monte, aparentemente da mesma época do castro, e que poden falar de cando a muralla deixou de ter un uso para facerse, unicamente, unha parte do muro divisorio de fincas. Os castrexos inseriran na mesma muralla un petroglifo, se cadra extraído dalgunha pedra do monte. E, un detalle moi interesante, a maiores: non hai casas. Alomenos, na área norte, por riba do valado divisor. Nin trazas. Sempre crin que o Castro Lupario era culturalmente diferente ao resto dos castros da zona. Non me refiro a outra cultura, a outra etnia nin nada diso. Senón que non respondía aos patróns habituais dos castros desta zona da provincia da Coruña. Se cadra sexa un espellismo derivado do seu excelente estado de conservación. Se cadra.

Pero esta fin de semana quixen comprobar que acontecía noutro castro próximo. Rubén pasoume un fantástico arquivo de Google Earth con castros da zona e localicei o Castro Mouro, preto de Calo. Dúas aldeas están baixo do monte, Socastro (un clásico) e Mouromorto (vaia lenda debeu haber). O Castro Mouro ten unha pranta similar á do Castro Lupario (rectangular, orientada de norte a sur), aínda que en moito menor grado de conservación (ten un gran muro de mampostería, pero está no medio e medio dunha parroquia densamente poboada e de aí tiveron que levar pedra). Está moi próximo, en liña recta, 3 quilómetros, e parece un calco do Lupario.

O Castro Mouro ocupa un área practicamente similar ao Castro Lupario, unhas 1,2 hectáreas. É totalmente plano na súa croa e conta cun valado, exactamente na mesma altura que o castro Lupario, que divide esa croa en dous. Igual que no Lupario, na división sur da croa detéctanse estruturas, pero hai tanta broza que non se poden determinar. Sen embargo, na división norte, unha exploración superficial só permitiu localizar uns calzos labrados nunha pedra. Pero é que, ademais, na zona suroeste (nas outras había moita maleza), localizamos valados radiais saíndo da muralla principal en perpendicular, dividindo fincas. ¿Por que dous castros tan, tan semellantes?

francelos.jpg
Buscando (desesperadamente) unha croa. Foto: Sole

2. Francelos, ou a decepción

Os arqueólogos sábeno ben: unha suma de indicios non quere dicir unha evidencia. Localicei o castro de Francelos nos mapas do IGN. A aldea, no concello de Rois, está tamén moi próxima ao Castro Lupario. Trátase dun fermoso lugar, unha aldea situada no hinterland entre os montes e o fértil e umbrío val do Sar. Chegamos a Francelos, e unha parella de vellos sinalounos, bufando, un pico de fortes pendentes pendurado sobre a aldea. “É o castro”, dixéronnos. Ben, tipoloxía de castelo, pensei eu. Subimos alasando, por unha pendente criminal, porque os camiños que levaban ao monte desapareceran esborradas polos incendios do verán pasado. Que incendios. O monte enteiro cheo de xestas queimadas, de fieitos desmedidos e árbores caídas, que cascaban ao noso paso e se fendía nunha estraña terra areosa, sedimentaria. Ao chegarmos arriba, todo parecía que era o lugar. Un chan relativamente plan, circundado de elevadas pendentes. Nas proximidades, no lado oeste, unha fonte. No sur, outra. Lugar estratéxico. Toponimia correcta. Pero nada. Nada de nada. E non se trata de non saber ver: o lume barrera todo e o monte era case transparente. Nin un mísero resto para estas pernas negras de cinza e lañadas de cadáveres arbóreos e toxo. Baixamos. Ao chegarmos a casa mirei o mapa: subiramos o Monte Touriz. O castro estaría, de habelo, cen metros máis ao norte.

2 Comments

  1. 9 / Xullo/ 2007

    ufff… con tan só un mancontro con acceso a interné teríalo solucionado meu… cen metros… son pouco máis de 9 segundos!!!

  2. 9 / Xullo/ 2007

    Non o teñas tan claro. De feito, eu sabía que no mapa estaba sinalado un pouco máis ao norte de onde nos indicaban, pero os señores tiñan clarísimo que “o castro” estaba naquel monte. E, desde logo, era mellor candidato que unha ladeira a pinais. Os mapas do IGN ás veces hai que collelos con pinzas na microtoponimia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará