Estampas pompeianas (I): o espello do tempo
2 / September/ 2010 – 6:18 pm | 3 Comments

Aos lugares nos que fuches feliz non volvas. Ante esta chamada á fuxida, o mellor é afrontar o reto. E descubrir na túa ollada sobre a máis fascinante cidade do mundo antigo que xa es outro.

Le a historia completa »
Home » Diario, Roteiros

Unha noite en Santo Estevo de Ribas de Sil

24 / June/ 2007 3 comentarios

santo_estevo_0.jpg
Claustro dos Bispos. Fotos: Sole

santo_estevo_4.jpg
Claustro dos Cabaleiros, co muro de cristal de Suances

santo_estevo_1.jpg
Claustro do Viveiro, piso superior

Eu creo que non coñeces ben un sitio ata que durmes nel: xa non digo soñar, pero si responder a ese atávico sentimento de sentirse o abondo seguro como para baixar a garda e abandonar a consciencia. Observar todo o ciclo de luz no lugar, saber as formas a noite e o mencer debuxa neles. O máis fermoso hotel de Galicia debe ser, sen dúbida, o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, agora convertido en Parador. Este inmenso recinto, acochado no medio das ladeiras da Ribeira Sacra, é unha especie de caixón sentimental, no que un non pode ser subxectivo.

Desde a miña anterior visita, quixen durmir aquí.

Percorremos de noite os claustros. Sentados no dos Cabaleiros, admiramos o muro de cristal que deseñou José Javier Suances para pechar o lenzo norte. Foi moi controvertido; opinouse que era o propio exemplo de arquitectura posmoderna, da vontade individualista do arquitecto por distinguirse nunha obra de restauración, falouse de que non era respectuosa co contorno. Estou en desacordo por principios e por resultados. É fermoso, e máis aínda á noite, cando consegue superar a rexa e monótona arquería do claustro e enchela de vida en todas as súas alturas. Durmir con este silenzo, aquí, no bosque. Á mañá seguinte, cruzar os claustros e sentar no Quitapenas, que ben merece o nome. Trátase da máis fermosa balconada na que teño estado, pendurada sobre o bosque e os canóns do río Sil. Un lugar que incita a ler, a devorar libros en longos seráns de verán. Unha tonelada de Tolstoi? Todo En busca do tempo perdido, de Proust?

santo_estevo_2.jpg
O Quitapenas

santo_estevo_3.jpg
Os fornos

santo_estevo_5.jpg
Os antigos muros da ladeira

Subir e baixar as ladeiras de fraga espesa. E descubrir con sorpresa que non era a antiga paisaxe que rodeaba a Santo Estevo. Como nunha montaña peruana, toda esta salvaxe aba da montaña acocha, en realidade, terrazas onde antes se cultivou, e que agora se desfán como area monte abaixo; aldeas medievais reducidas ao nivel dos fieitos, do carrizo, nas que de súpeto xorde unha fiestra. No bosque do convento concéntrase toda a cultura: os antigos fornos abren unha cheminea entre a follasca; aproveitaron a pedra dun castro que tamén está alí. E a hortiña do convento, hoxe selvática, dába á impresionante cociña. Un entende por que os nove bispos Isaura, Vimarasio, Gonzalo Osorio, Froalengo, Servando, Viliulfo, Pelaio, Alonso e Pedro decidiron deixalo todo e retirarse aquí cos seus nove aneis máxicos e tolkinianos.

3 comentarios »

  • REFLEXF4 says:

    Chamame moito a atencion esa silla de deseño que se aprecia, no piso superior do claustro.
    o lugar ben fermoso que ten de ser..
    menuda envexa (san…) po las rutas que te gastas..
    en canto poda espero visitar o Mosteiro, po lo menos po lo dito de S Andres de Teixido, ainda que espero poder ir de vivo.

  • magago says:

    Reflex, é que o interiorismo do hotel é fantástico. Hai moitos accesorios moi contemporáneos e, para poder facer habitábeis os claustros e evitar que perdan a calor, existen corredores de cristal que os atravesan.

  • Moraiminha says:

    Cómo vos coidades, rapaces!

    Eu estiven fai un par de anos xantando alí, despois dunha camiñata ben cansada pola zona. Realmente, é un sitio ó que pensei en ir pasar tamén unha noite.

Deixa un comentario!

Engade o teu comentario debaixo, ou trackback do teu propio sitio. Ti tamén subscribirse a estes comentarios via RSS.

Pórtate ben. Manteno limpo. Queda no tema. Non sexas troll. Nada de anónimos vengativos nin outras trangalladas

Podes empregar estes tags:
<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Este blog recoñece Gravatar. Se queres ter un, rexístrate en Gravatar.