Shunka, en Barcelona: un espectáculo frontal de sabores asiáticos

Última actualización o 18 / Outubro/ 2007

shunka.jpg
A cociña aberta do restaurante Shunka

O Shunka (Sagristans 5, 934 124 991, Google Maps, 30 euros) é un restaurante familiar xaponés ubicado nunha das rúas que están por detrás da Catedral, pero lonxe de toda a axitación turística. Recomendoumo o Gourmet moi vivamente e paseime por alí a ver como era o espectáculo. O restaurante é pequeno, con poucas mesas, e ao estilo xaponés, moitos asentos na barra divisoria entre a cociña e o comedor, que se coñecen como barra de sushi. Alí un pode ver en plena acción aos cociñeiros xaponeses, perfectamente sincronizados, compoñendo os diferentes platos do menú. E abofé que a posición é privilexiada. Un pode apreciar a elaboración de cada un destes platos -polo demais, moi simples na súa composición-, compostos polas áxiles mans destes cociñeiros. Ferrá Adriá, que ten o seu Obradoiro moi cerca, di del que é o mellor xapo da cidade. Non coñezo os outros, pero este está moi arriba.

A oferta gastronómica caracterízase polo respecto total á tradición e un peixe de primeirísima calidade. Eu decidinme por uns fideos con gambas de primeiro e sushi e sashimi de segundo. Sorprendeume a festa dos diferentes tipos de sushi, que eu só coñecía na súa forma máis típica. Velaí está o nigirizushi, o sushi no que o peixe, ou gambas, envolven ao arroz, suxeitados por algas; tamén o uramaki, un sushi dado de volta, que me pareceu xenial: no interior ía atún e aguacate envolto pola alga nori, e o exterior era o arroz rebozado en sementes de sésamo, absolutamente fantástico.

O establecemento é moi recomendábel, aínda que padece algúns dos defectos que eu levo bastante mal de moitos establecementos de gran cidade: o meterte présa de xeito escandaloso, presionando ao cliente para que remate case con mala educación. En fin. Un detalle curioso: recoñécese a entrada do restaurante (máis ben, se camufla) cunha serie de panos que tapan o acceso, e que hai que abrir para ver a entrada do restaurante. Trátase das noren, os panos de man dos pobres, e que se colgaban ás entradas dos restaurantes xaponeses económicos para que a xente se limpara en plan colectivo ao saír. Tranquilos, que aquí só é o necesario toque típico sen uso práctico.

6 Comentarios

  1. 22 / Abril/ 2007

    A min encantame a cultura oriental pero non recordo comer nunca nun xaponés. A comida china é deliciosa tamén, pero se te meten tanta prisa para que lisques… é o peor para un restaurante rebaixarse así. O primeiro e a educación. Un abrazo!

  2. 23 / Abril/ 2007

    Yo he estado en el de Santiago y el recuerdo que tengo no es muy allá. Lo mejor de la velada fue el tatami y la compañía.
    Lo que quería decir es que lo que más me gusta de estas grandes ciudades es lo variado de la oferta, yo la última vez que estuve en Barcelona fui a un restaurante ecuatoriano muy simpático a cenar con unos amigos. Un ecuatoriano! La verdad es que por aquí no sabemos lo que nos estamos perdiendo al no tener este tipo de locales. Hay que diversificar. Basta ya de tantos turcos y chinos ¿Que pasa con los peruanos, los tailandeses, los marroquís, los cubanos …?

  3. 23 / Abril/ 2007

    Alégrome de que che gustara. A min paréceme un sitio cunha excelente relación calidade/prezo, sobre todo se pensas nos xapos infames que hai na meirande parte das cidades e vilar.

    E o que dis de apremiar ó cliente é completamente certo. Cando eu cheguei e pedín sitio na barra (serían sobre as 14:15) dixéronme: “Si, pero ten que sair antes das tres”. Con iso e con todo, ver como manexan os coitelos paga a pena. E probar un bon sushi tamén, para que negalo.

  4. 23 / Abril/ 2007

    Efectivamente, Jaime, pero Santiago ten unha cruz cos restaurantes étnicos que non acabo de saber a que se debe.Na cidade pecharon mexicanos, palestinos…dos chineses sempre hai unha cifra indeterminada, pero honestamente non me gustan: fan unha comida clónica e ultraconvencional, cando a comida chinesa é bastante máis variada. Eu creo que, en parte, a clave é que tampouco a poboación é moi diversa culturalmente, por aquí.

    Só triunfan os italianos e os kebabs por razóns bastante obvias: son sabores fáciles e prezos moi baratos. Aínda así, eu creo que en Santiago hai sitio para moito máis.

    No caso dos asiáticos: eu recoméndoche qeu probes algún bo xaponés, algún tailandés (picante) ou indonesio (verás o que se pode facer con cacahuetes) :-)

  5. 23 / Abril/ 2007

    Gourmet, por desgraza é algo habitual en BCN, mesmo en lugares de certo nivel. Un sorriso apremiado e, seguro que no pensamento, un “factura, factura, factura”. Incomódame bastante a sensación de que te queren botar dun lugar.

  6. 23 / Abril/ 2007

    Precisamente estou a pechar un (breve) texto sobre o tema dos étnicos en Compostela para o seguinte número da Santia-Go!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *