Carnes sólidas e gusto pola cociña sen estridencias: Asador Coto Real, en Rábade (Lugo)

Última actualización o 11 / Marzo/ 2007

cotoreal.jpg
Mural no Asador Coto Real

Se un vai ao Asador Coto Real, en Rábade (Lugo), nun día de semana, pode que teña dificultades para atopar mesa. Próximo á capital da provincia e á Autoestrada A-6, o Asador parece ser un deses lugares de intercambio necesarios para políticos e empresarios que enchen as mesas deste lugar e crean un estraño ambiente de masculinidade larpeira regada con Rioja de crianza. Tamén froito do seu carácter de encrucillada é o seu moderno hotel anexo.

O Coto Real ofrece unha comida de factura tradicional, na liña dos asadores casteláns, baseada nun produto de calidade e na innovación discreta, sen sabores estraños, pero sólida e segura cando non che apetece practicar a caída libre. Deste xeito, uns tomates raf con ventresca resultan un primeiro lixeiro para acoller a carne posterior, ao igual que as croquetas de centolo, outras habituais da casa, e que deben probar para redescubrir o tempo no que as croquetas eran croquetas. Os segundos baséanse no uso a discreción da carne, que se prepara e se cociña diante dos teus ollos, no asador ubicado no centro da sala. Año, boi, tenreira galega en cantidades abondas para render a un lugués. Nos postres, inclúenche por defecto grandes anacos de tella de améndoas co café, que debes probar aínda que sexa por gula. O prezo: algo careiro, uns 40 euros. Presumen de adega, na que o cliente pode percorrer e escoller persoalmente o viño que quere tomar, pero como iamos con presa non puiden botarlle unha ollada á carta de viños.

Sen dúbida, Coto Real é unha referencia básica e exitosa para o bo xantar na provincia de Lugo.

Mapa de localización (é un pouco lioso chegar)

Sé o primeiro en comentar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *