A cruenta simbiose entre labregos e tartarugas

manho_pozo.jpg
O sapoconcho común ou emys orbicularis

Onte contáronme unha historia incríbel na que levo cismando todo o día.

Hai pouco, o vello Francisco, de 70 anos, e que vive no Maño -que é como lle chama todo o mundo á parroquia do Xobre da Pobra do Caramiñal- pediu aos fillos que lle axudaran a limpar o pozo da casa. De súpeto, apareceu unha sorpresa no fondo. Un dos fillos subiu unha tartaruga de auga que atopara agachada no xabre repousado no final do pozo. Era un bicho vello, xurásico, grande, dunha cuncha encorvada e ollos diminutos e afundidos. ¿Como chegara alá abaixo ese animal?¿Como sobreviviu?

O señor Francisco colleu a cuncha entre as mans e de súpeto sentiu unha calor incríbel, unha calor de emoción avergoñada, que lle facía tremer as mans. El coñecía aquel animal. Atopáranse hai sesenta anos. Estaba a xogar cun curmán nunha veiga e deran cun sapoconcho nun rego. Levárano á casa para seguir xogando con el. Ao chegaren, na horta había unha chea de homes, veciños e familiares, sentados á sombra do limoeiro, despois de todo un día cavando o pozo da casa. No chan, sobre un mantel, abriran as latas de sardiñas, o pan, o viño. Seica remataran o pozo da casa. “Que ben nos ves”, dixéralle o pai. Colleulle a tartaruga e guindouna dentro do pozo. “É para termos auga limpa sempre, rapaz”, dixo o pai, sen darlle máis importancia.

Durante moito tempo, Francisco asomouse á boca do pozo, por ver se aparecía por alí nalgún momento o nariz do sapoconcho subindo das profundidades. Pero nunca máis o volveu ver. Francisco deuno por morto, unha sensación bastante noxenta, porque cando bebía a auga do pozo, pensaba que estaba a tragarse a tartaruga morta. O caso é que sesenta anos despois, alí estaba, de volta nas súas mans, como viaxando desde os remuíños da infancia. O vello sentiu outra volta o bafo da herba seca do verán, os xeonllos cheos de cicatrices, o pan de carioca. Deixou a tartaruga nun recanto da horta. El e a súa muller poucas veces a ven, pero saben que segue alí, movéndose na noite. Non quixo fuxir do abismo doméstico no que estivo soterrada sesenta anos. Ás veces as leitugas aparecen coas follas comestas, de cando en vez venlle o pescozo tan enrugado coma o deles dous, asomando entre as prantas. Xa son tres pasaxeiros subidos no mesmo tren.

Cando o señor Francisco nos contou esta curiosa historia, lembrámonos de que xa era un conto coñecido. Eramos pequenos, e falábannos das tartarugas do Maño, e de como os labregos da parroquia buscábanas nas brañas para tiralas dentro dos pozos. As tartarugas, alí atrapadas, encargábanse de limpar a auga de insectos e impurezas. Estes réptiles mantéñense con recursos moi limitados, sumidos nun estado de semiletargo, atrapando insectos, lumbrigas, comendo carrizo e o que atopen. Fascinoume esa cruenta simbiose, para min descoñecida. Unha imaxe telúrica, de condenados habitantes do fondo do abismo doméstico, protexendo a vida dos habitantes da casa a través do coidado do seu líquido máis precioso. Habitantes condenados á seguridade, á prisión, a vivir nun medio sen agresións ata onde chegara a corda biolóxica, que nas tartarugas pode ser moi dilatada.

Ao volver a casa, busquei en Google e atopei algunhas referencias á práctica…pero en América Latina. A práctica de botar tartarugas dentro dos pozos era propia da Pampa arxentina, e en México indíxena críase que o lugar onde unha tortuga se soterraba nacía unha corrente de auga. Nas lendas maias, os lobos cavan pozos para as tartarugas. En Uruguai, Sole confirmoume, tamén, o habitual desta práctica no campo daquel país.

Tanta referencia ás tartarugas dos pozos en América Latina e ningunha -aparentemente- en Galicia, agás na memoria oral da parroquia do Xobre, resultoume un enigma curioso de vez. Pero se cadra sexa unha desas prácticas habituais no agro galego que non trascendeu aos libros. Por iso quero preguntarte:

¿Tes escoitado algo desta práctica na túa aldea?¿Tes lido algo sobre botar tartarugas ao fondo dos pozos por aí?

6 Comments

  1. María
    4 / Febreiro/ 2007

    Oes, na miña zona (Costa da Morte) pero nada de nada. Sabía que outros na miña zona si se empregaban para a limpeza da casa, coma os gatos, pero na miña vida…

  2. 4 / Febreiro/ 2007

    Non tiña nin idea pero a historia é ben boa.

  3. REFLEXF4
    5 / Febreiro/ 2007

    Eu no barbanza, tampouco oira nada desto ata agora…..De ser certa a costume, debe haber un bo censo .

  4. xurxo
    10 / Febreiro/ 2007

    Unha historia extraordinaria. Grazas Manolo por sacala á luz.

  5. 15 / Febreiro/ 2008

    eu conheço a história dos ouriços cacho que se utilizam para manter as corttes limpas de ratos…

  6. 15 / Febreiro/ 2008

    por certo, grazas pola história!!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará