Onde mercar bo viño en Santiago

Agora que chega o Nadal, multiplícanse as celebracións entre amigos, familiares e compañeiros de traballo. Pode que precises levar unha boa botella de viño a algures. Aquí van algunhas recomendacións de onde atopar marcas interesantes en Santiago de Compostela. Por suposto, isto non é exhaustivo, pero nestes lugares localizarás unha selección escollida, entendida e pensada, de viños. Curiosamente, esta cidade, que debe ser das máis consumidoras do país, conta con moi poucas tendas especializadas na cultura do viño. Aquí bébese o viño sobre todo en espazos públicos, á carta, en restaurantes, bares e tabernas, en cuadrilla. Esta guía, por suposto, é tan arbitraria coma todo o resto do sector. Así que non dubides en engadir sitios que coñezas ti.


Viñoteca O’Beiro (Raíña, 13).

A viñoteca O’Beiro foi un establecemento pioneiro en Santiago. Xunto ao tapeo típico desta rúa da cidade vella en ambiente enxebre de madeira e pedra ao aire, O’Beiro ofreceu desde o principio unha enorme carta de referencias enolóxicas galegas. Aínda hoxe segue sendo, posiblemente, a tenda con máis variedade de viños e licores de Galicia e algúns outros produtos da terra. Sempre que vén algún amigo estranxeiro mándoo alí a coller viños galegos. Os prezos, algo caros.

O Almirez (Doutor Teixeiro, 34)
É moi posíbel que ese viño que escoitaches mencionar por terceira ou cuarta vez en conversas con persoas diferentes, ou que viches recomendado nun suplemento de xornal, ou que gañou algún premio ou mención en revista especializada, só o atopes en Santiago no Almirez. O Almirez é unha tenda gourmet con empregadas que falan a susurros e tratan aos sandwiches como bebés. E, no fondo, está o andel dos viños. Unha especie de colección de tendencias e modas do mundo do viño. Están todos os mellor puntuados. Os máis mencionados polos críticos e máis buscados polos sumilleres. É o reino dos vinte euros. Ti decides entrar ou non. A min dáme un pouco de repelús, pero recoñézolle a valía (en todos os sentidos).

Valladares (República do Salvador, 14)
A miña tenda de viños preferida en Santiago. Valladares é un ultramarinos de toda a vida que pouco a pouco se foi reconvertendo ao negocio do viño. Un atopa aquí unha gran selección de viños galegos, pero tamén Riberas, Riojas e dunha gran diversidade de denominacións españolas. Entre as caixas hai auténticas xoias, nomes que soan, lanzamentos novidosos e opcións consolidadas, todo a prezos sensatos. Conchita Valladares, a propietaria, de sonoro acento local, é un crack do negocio. Controla as diferencias, os matices, sabe aconsellar, pídeche referencias para traer cousas novas. Cando hai algunha dúbida na discusión, acude a unha manoseada Guía Peñín para orientarse. Se che gusta o viño e vas mercar unha botella, seguro que saes con tres.

Las añadas del siglo (ao principio de Fernando III o Santo)
Prometía ser a primeira enoteca “integral” de Santiago, cunha enorme lista de referencias, un club de viños e unha serie de actividades de cata destinadas a crear masa crítica, esta franquicia sempre parece estar ao borde do que Anthony Bourdain chama o Síndrome do Restaurante en Decadencia. Ante a perspectiva da creba, o restaurante cambia continuamente de menú, redefine os espazos, cando un entra sempre ten a sensación de estar na angustiosa soidade dunha cripta…algo similar pasa en Las añadas del siglo desde hai tempo, pero sobrevive e parece ir tirando -do cal me alegro moito. Las Añadas é a enoteca máis extensa da cidade, e conta cunha colección –no seu momento máis ampla que a actual- algo irregular pero extensa de marcas. Ademais, é das poucas tendas de Santiago con andel de viños internacionais. Paga a pena darse un paseo por alí (e baixar á parte de abaixo, porque arriba só están os viños premium en plan Vega Sicilia e matan do susto)

Hipercor
Poño aquí El Corte Inglés porque é un caso ben complexo, porque teño a impresión de que cada área de venda de viño do hipermercado está controlada por alguén diferente. No Hipercor de Santiago hai tres áreas de viño, a saber: a macroestantería, dominada polos clásicos rioxanos de toda a vida e frangullas para o resto das denominacións. É lamentábel, por exemplo, a escaseza de viños galegos. Aínda así, hai que percorrela pacientemente porque ás veces un atopa sorpresas. Despois están os andeis do carón, que teñen viños de algunhas denominacións máis minoritarias, e onde se atopan algúns dos viños que están despuntando nestes momentos, coma os Jumilla de Casa de la Ermita. E, curiosamente, compensa subir a botarlle unha visual á cámara climatizada da sección de Delicatessen. Xunto a viños carísimos, ás veces hai outros de prezo normal que o enólogo responsábel do lugar incorporou entre as xoias da coroa. Unha estratexia moi importante no Hipercor é agardar ás Xornadas das Comunidades Autónomas. Na sección de viños sempre hai unha selección bastante curiosa das variedades rexionais a prezos baratísimos. Lembro especialmente unha xornada de Navarra, na que houbo auténticas marabillas.

8 Comments

  1. 7 / Decembro/ 2006

    Por exemplo, faláronme dunha tenda moi coñecida entre os compostelanos para ir mercar viño que está no barrio das Cancelas, pero eu non a coñezo.

  2. 8 / Decembro/ 2006

    Sen dúbida Las Añadas del Siglo, ao pe dos cines Valle Inclán.

  3. 8 / Decembro/ 2006

    Si, Miguel, falo dela un pouco máis enriba, no post.

  4. 8 / Decembro/ 2006

    E Valladares é un dos poucos sitios en Santiago onde se poden atopar algunhas especias (por exemplo Curry de Madras), así que dobre puntuación para eles.

  5. pili
    11 / Decembro/ 2006

    Vou abusar un pouco da túa xentileza e xenerosidade cos que lemos este blog. Efectivamente, teño un compromiso “noiteboense” que prefiro saldar cun bo viño (para compensar a miña compaña “navideñodepresiva” ). O caso é que só me consta un dato certo : ós meus anfitrións góstalle moito o Coto (Reserva e Crianza) e quería sorprendelos con algo máis sofisticado pero nese estilo. O meu gosto non vai máis alá dos Ribeira Sacra ( que xa me meteron en algún que outro sarillo pouco sacro) e pídoche audiencia vitícola. ¿Podes darme un nome e unha denominación?
    Procurarei non voltar a usar este espazo coma un consultorio. Grazas e, inda que non sei cómo, compensareite.

  6. 11 / Decembro/ 2006

    Pili,

    Algunhas ideas para sorprender a bebedores de Coto. Os prezos dígochos de memoria. Menos un, andan todos sobre os 10-15 euros:

    -Algueira Barrica. Ollo, ten que ser o barrica. Un mencía de Sober moi diferente. Sobre 12 euros.

    -Pagos de Galir Selección Rosa Rivero. Outro mencía perdido nun val do medio de Valdeorras e, para min, o mellor tinto galego. Asegúrate de que é o “Selección Rosa rivero”. Sobre 13 euros.

    -Dominio de Tares Cepas Viejas. Un dos mencías do Bierzo máis laureados nos últimos anos, e con razón. O mesmo, asegúrate que é o “Cepas Viejas”. Sobre 11 euros.

    -Elías Mora Crianza. Feito por dúas das enólogas máis interesantes que hai no Estado, as “Dúas Victorias”, que teñen as súas vides en Toro. Este é máis potente, máis valor seguro para os de Rioja. Sobre 14 euros. Se tes dúbidas na lista, con este non fallas, pero se a cena vai ser só de picoteo e racións non é recomendábel.

    -Emilio Moro Crianza. Un Ribera del Duero moi sólido, tamén do gusto moi próximo aos “Cotos”, pero moito máis perfeccionado e redondo. Sobre 14.

    -Abadía Retuerta Selección Especial. Unha das mellores adegas de Ribera del Duero. Sobre 12.

    -Picea 650. Un Rioja que seguro que non se esperan. Moi mineral e balsámico, pero non é fácil de conseguir en tenda en Galicia. Sobre 15-16.

    -Les Terrases. A gama baixa dos viños que Álvaro Palacios fai no Priorat. Unha pasada de viño feito con garnacha. 20 euros.

    Xa me contarás. E a mellor recompensa é ver os teus comentarios por aquí.

    ;-)

  7. pili
    12 / Decembro/ 2006

    Moitas grazas. Vou quedar coma unha raíña . De todos xeitos direi a verdade, por suposto, senón sería unha snob desenmascarada de xeito inmediato. Os meus anfitrións tamén son uns “gourmets” de postín, así que vas quedar á altura das circunstancias. As miñas habilidades son moi poucas e máis alá de algún consello literario moi persoal non podo opinar moito aquí. Inda así non perdo unha: a miña prensa diaria. E falando de prensa, vou transcribir parte dun artigo de onte no Faro de Vigo que me gustou especialmente:
    ” No sé porqué, siempre la imagino plantada bajo la lluvia frente a una tienda de paraguas recién cerrada,[..] en mitad de una calle en la que ella fuese lo único interesante que esté ocurriendo”.
    Espero que iso non me pase diante dalgunha das tendas que aconsellas.
    :-)

  8. Dolores Fdez.
    23 / Xaneiro/ 2007

    Las Añadas es un SUPERMERCADO del vino, no una vinoteca especializada. Te puedes ir de ahí con un buen vino como con algo de nula calidad. Para mi eso no es el concepto de una buena vinoteca

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *