Estampas pompeianas (I): o espello do tempo
2 / September/ 2010 – 6:18 pm | 3 Comments

Aos lugares nos que fuches feliz non volvas. Ante esta chamada á fuxida, o mellor é afrontar o reto. E descubrir na túa ollada sobre a máis fascinante cidade do mundo antigo que xa es outro.

Le a historia completa »
Home » Diario

Un documento e 800 millóns para o futuro da Sociedade da Información

30 / November/ 2006 4 comentarios

Hoxe é un día importante para Internet en Galicia. A Consellería de Industria presentou en sociedade o Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) en Santiago de Compostela. Tiven unha certa sensación de vertixe: trátase dun dos planos economicamente máis ambiciosos da autonomía desde a súa creación: nun trienio empregaranse máis de 800 millóns de euros para lograr modificar os indicadores da Sociedade da Información e inverter a posición de Galicia nese contorno. Non é desde logo doado, pero sorprendeume o elevado grao de consenso que conseguiu o plano entre expertos de diferentes sectores, e iso que hai apostas políticas moi claras, coma por exemplo, o apoio determinante, aínda que gradual, cara o software libre, ou unha orientación moi empresarial ou economicista do proxecto que sorprendeu a máis dun. Tamén é certo que dentro dos 800 millóns de euros hai desequilibrios considerábeis: determinados proxectos de base absorberán boa parte do financiamento, como a banda larga no rural, a informatización dos historiais médicos ou a necesaria dixitalización do sector xudicial. Os contidos, pola contra, só disporán de 20 millóns de euros, o que de seguro obrigará á Administración a facer unha aposta moi selectiva de dixitalización. Con todo, a miña opinión é que se trata dun plano ambicioso anque realista e, sobre todo, moi centrado na realidade galega.

O resultado final é un plano que o Consello da Xunta aprobará a primeiros de ano para poder executarse con rapidez no vindeiro trienio. É moi importante que todas as accións sexan exhaustivamente vixiadas, avaliadas, corrixidas, sendo cautos e prudentes co intervencionismo público. Lembrei o que aconteceu coa Lei do Audiovisual de Galicia, que aprobou no ano 1999 co sorprendente consenso de todos os grupos parlamentarios, a consideración desta industria cultural como “sector estratéxico”. Sete anos despois da aprobación da lei, e un considerábel investimento de cartos públicos, o sector parece exhausto, con dificultades para conseguir financiamento externo privado, cunha internacionalización mínima e sen uns obxectivos de futuro claros. Debemos aprender as leccións do pasado e o Goberno debería actuar con precaución no xeito no que incentiva a produción en sectores emerxentes. Moitísimo coidado: un forte abrazo nunha mala dirección pode afogar por exceso.

Como sinalei nun artigo para sociedadedainformacion.eu
, o contexto actual de Internet pode favorecernos máis do que nun principio agardabamos. Unha significativa parte da Internet actual está creada a partir de start-ups que crean innovación a partir de investimentos máis reducidos pero aproveitando a flexibilidade e rapidez de equipos moi motivados e frescos; un sector emerxente en Galicia forzosamente debe camiñar nesa dirección. Esa noción encaixa coa propia complexidade do país e da súa tradicional atomización, da que podemos obter unha avantaxe competitiva que non sexa unicamente a de amortiguar as caídas nas crises, que foi para o que nos valeu ata o de agora. Se conseguimos superpoñer estruturas colaborativas sobre esa base teremos dado un gran paso.

O segundo gran reto que avanzaron moitos dos participantes na xornada de hoxe de presentación do PEGSI foi a recuperación do talento perdido. O talento como valor económico ignorouse neste país de xeito endémico na nosa Historia e é clave para comprender o atraso económico. Cando se produciu o boom de Internet dos 90 boa parte dos nosos mellores enxeñeiros e programadores emigraron ás empresas do corazón económico do Estado creando novos emigrantes de semana laboral. Debemos recuperar ese talento, formado en proxectos de gran envergadura multinacional: eu sei que moitos deles desexan volver dunha vez ao país, pero desde logo, non coas nóminas irrisorias que se lles ofrecen nas empresas galegas. Debemos aprender a cuantificar o talento, medir o seu prezo e pagalo (dunha vez).

Onte falaba con Marcelo Branco, un experto brasileiro en implantación da Sociedade da Información, sobre estes temas, e díxome unha frase reveladora.

-Cada país ten o seu propio modelo –díxome Marcelo- e correspóndelle só a vostedes descubrir o seu.

4 comentarios »

  • mendinho says:

    Simplemente hai que darse conda de que moitos dos parques industriais e empresariais inaugurados dos que tanto se gabaron moitos políticos non contan con ADSL e algúns nin sequera con liña fixa de teléfono (por tanto nin sequera fax nin internet vía módem).

  • magago says:

    Nos Estados Unidos hai un movemento que defende a creación dun novo dereito: o acceso universal a Internet. Se cadra non estaría mal que a sociedade civil comezase a reclamar algo similar.

  • Uz says:

    Já temos o direito à informação e vários direitos sociais mais (vivenda digna, bem-estar, educação…). O que falta é sabê-los conjugar e promover como é devido.

  • outro plano que non servira mais que para latrocinio de fondos publicos co orgullo e indecencia da poboacion galega.
    alguen se lembra de todos os proxectos publicos de internet e novas tecnoloxias financiados con cartos publicos para fins privados durante anos e que non levaron absolutamente a ningures?
    onde estan os googles ou youtubes galaicos?
    onde esta o audiovisual galego?
    a innovacion e competitiva e selectiva, e o cafe para todos non sirve, eso si de cara a galeria fotopolitica e ao onanismo social e perfecta. mentras Galiza continua sendo o cu do mundo tecnoloxico.
    non son maquinas senon persoas, e unha sociedade pseudofeudal non se transforma en sociedade do coñecemento a base de talonario.

Deixa un comentario!

Engade o teu comentario debaixo, ou trackback do teu propio sitio. Ti tamén subscribirse a estes comentarios via RSS.

Pórtate ben. Manteno limpo. Queda no tema. Non sexas troll. Nada de anónimos vengativos nin outras trangalladas

Podes empregar estes tags:
<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Este blog recoñece Gravatar. Se queres ter un, rexístrate en Gravatar.