Volver ao campo de concentración da Pobra do Caramiñal

19 Novembro, 2006

opozo_1.jpg
opozo_21.jpg
Campo de concentración franquista da Pobra do Caramiñal

A última vez que baixei aquí debeu ser hai vinte anos. Trátase dunha fábrica en ruínas situada na desembocadura do río Pedras, no lugar do Pozo, na Pobra do Caramiñal. Atopeina un pouco máis pequena, se cadra por ser eu máis grande, pero velaí segue a gran cheminea envolta en edra, os muros comestos da fábrica e o seu interior cheo de figueiras e un penetrante cheiro a gato morto. Este lugar agachaba unha historia secreta e escondida, que nunca nos fora contada aos nenos. Vinte anos despois, decidín organizar os meus propios recordos, as frases perdidas dos maiores, e volver alí.

Na miña última visita -Xacobe e eu teriamos 10 anos- baixamos atraídos polo rumor de que algúns rapaces do monte cazaran un raposo e o levaran ata alí. Ao chegarmos abaixo, xa vimos varias motos de cross e varios mociños con escopetas de balíns. Xuntáranse ao redor da gran cheminea. E alí, dun poste de ferro ao carón desas escadas que ves na foto, aforcaron ao raposo, os cabróns. Aínda chegamos para ver coma o pobre animal movía as patiñas nos últimos espasmos.

A estampa molestoume moito e decidín non volver por alí. Era un sitio que sempre me desagradara. Tamén os nosos pais non gostaban moito de que baixaramos a ese lugar. Un lugar estraño. Lembro a un vello da aldea, dunha idade indefinida e fasquía de espanto mitolóxico: albino, coa pel toda cuarteada, como se se lle secara e se desfixera en cinza. Carecía de cellas, polo que se lle formaba unha expresión facial moi pouco humana. Aquel home levaba sempre unha pucha que agochaba unha cabeza calva, insolitamente enrugada coma o fondo dun embalse nas secas do verán, unhas enormes gafas de pasta, un pito liado na boca. Nunca souben quen era exactamente, pero falaba co meu avó cunha camaradería inusual -meu avó era moi soturno. Un día baixei co meu vello a coller miñocas na seca do Pozo. Ao chegarmos á pequena praíña solitaria da parte de atrás da fábrica en ruínas, el apareceu entre as silvas e os muros caídos. Eu pregunteille por que tiña a cara así, realmente preocupado. Lembro que o meu avó e máis el se riron moito. Aquel home miroume con aqueles ollos sen cellas e díxome:

-¿Ves esta praia? Os alemáns tiráronme desde un avión e esnafreime contra a area. Logo uns soldados colléronme e refregáronme a cara durante horas con ela e así quedei.

Aquela revelación provocárame bastante pavor, e aceptei a historia coa sorpresa incauta do neno que era. Aquel home inspiraba compaixón na miña familia, asumíanse as súas rarezas con agarimo. E a presenza continua dos alemáns, en todo. O meu avó contábame nas mañás de domingo:

-Os alemáns inventaron un submarino a pedais e eu un día roubeille os planos. Téñoos no alboio e un día construirei un para ir buscar as riquezas do acorazado afundido na ría.

O certo é que tardei en saber que ominoso papel representara esa fábrica unhas décadas atrás. Cando cativo, aquela fábrica en ruínas era un refuxio dos furtivos da ameixa e do berberecho, que saqueaban a seca pola noite, solitaria, ruinosa, con morcegos que se movían coma moscas nos solpores. A primeira pista revelouma o tío Manuel unha noite abafante de verán, baixo o limoeiro, cando eu xa era adolescente.

-Eu estiven preso no Pozo durante a Guerra, metido nun soto escuro moito tempo.

Non me dixo moito máis. Pouco despois comecei a ver referencias do campo de concentración franquista en bibliografía e nalgún comentario perdido por aí: exercera función de prisión para toda a comarca desde 1938, e unha significativa parte dos presos políticos da zona pasaron por aquí. Pero, como en todas as historias da guerra, sobre este lugar ruinoso corrérase un silenzo que simplemente agachaba unha época terríbel. Pregunteille á miña nai se a ela lle falaran dese lugar:

-Non lles gustaba nada que foramos por alí -díxome-, pero lembro que os maiores víano como un mal lugar. Un sitio ao que non se debía ir.

Quedoume rabia de non ter feito recollida etnográfica sobre isto hai anos; moitas das testemuñas da época xa deberon morrer. Eu era un adolescente aínda con poucos recursos de conversa, e non me terían feito moito caso, vista a propensión dos nosos vellos a pechárense en banda cando se lles pregunta pola Guerra. Agora só queda este lugar, mudo. Había un par de meses que lle viña dando voltas a que necesitaba volver por aquí, e recoñecer o sitio de novo. E aquí estou. Fiando e lembrando a aquel home albino e sen cellas, de pel escachada e pavorosa; hoxe, xuntando con cautela os relampos da memoria da miña nenez coa experiencia profesional e da vida dos meus trinta anos, teño o presentimento de que aquel home, de eu terlle sabido preguntar e comprender, estaría disposto a contarme con exactitude os horrores ocorridos dentro de aqueles muros a partir do ano 1938. Un avión alemán e area refregada. Meu pobre. ¿Que lle terían feito en realidade?

O campo de concentración do Pozo (A Pobra do Caramiñal) en Tagzania

{ 7 comments… Le abaixo ou engade o teu }

1 xoan 13 Febreiro 2007 at 9:43 pm

E un artigo moi interesante, para recuperarnos do silencio que o medo deixa nas nosas xentes.

2 jose antonio 12 Xuño 2007 at 2:37 pm

me gustaria conocer si es posible mas de tu histora en el campo de la puebla

3 diego 12 Xuño 2007 at 11:18 pm

esya historia é unha pasada, eu m akabo d enterar, eso que o meu avó viveu alí ó lado durante moitos anos

4 diego 12 Xuño 2007 at 11:18 pm

esya historia é unha pasada, eu m akabo d enterar, eso que o meu avó viveu alí ó lado durante moitos anos

5 Antonia 31 Outubro 2007 at 8:17 pm

poderia espicar ben donde e ese lugar

6 Antonia 31 Outubro 2007 at 8:17 pm

poderia espicar ben donde e ese lugar

7 magago 31 Outubro 2007 at 10:57 pm

Antonia, puxen o lugar exacto no que está o antigo campo de concentración na ligazón de Tagzania que está ao final do texto. Cópiocho de novo aquí.

http://www.tagzania.com/item/31033

Deixa un comentario

Podes usar estes HTML tags e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>