Visitando (por fóra) os monumentos da Ribeira Sacra lucense

roseton_petreo.jpg
Rosetón dunha capela lateral en ruínas na igrexa de Eiré

Cheguei a casa moi feliz da ruta pola Ribeira Sacra lucense; unha luz prodixiosa e transparente que parecía extraer da terra columnas de vapor con pinzas, o verde aínda intenso, como un verán que se resiste a marchar, o repouso do sol da mediodía batendo contra as pedras labradas. Percorrimos moitos deses fermosos edificios rurais que sempre quedan desbotados cando fas o rally turístico dun único día pola Ribeira Sacra. O mellor dos retornos a unha zona son as sorpresas inesperadadas que te atopas na segunda ollada. Provocan un especial pracer aos sentidos. Pois iso. Íache transmitir felicidade, porque parece que sempre que falo do patrimonio me convirto nun vello roñento, nun pesado denunciante. Pero ao facer o repaso polas fotos, dinme conta dun detalle: non puidemos entrar a ningún dos monumentos que vimos no día, por unhas cousas e por outras. E quedeime sorprendido. Así que o sentido deste post cambiou un pouco: é unha guía para evitar decepcións, na medida en que poda, por se vas pola zona. Iniciamos o noso itinerario pola Ribeira Sacra Lucense, especialmente nos concellos de Sober e Pantón.

San Miguel de Eiré

eire.jpg
Fotos do post: Sole

Esta capela parroquial foi un antigo mosteiro do século XII. O mosteiro marchou pero zafou este fermoso e inusual templo románico. Da composición do antigo edificio poden observarse aínda algunhas marcas curiosas no templo, como unha porta que leva ao baleiro a media altura, na fachada oeste. A torre do campanario, insertada sobre a nave, é curiosísima e paréceme que única en Galicia. Buscamos á familia que garda as chaves (viven á entrada da aldea, o señor chámase Isaac) pero os veciños dixéronnos que a familia marchara “de excursión”. A alternativa era ir buscar ao cura á aldea veciña, pero deunos algo de preguiza. Unha mágoa: a verdade é que estaba interesado en ver as pinturas do XV e XVI que se conservan na bóveda e algunhas pezas máis antigas.

Mosteiro das Bernardas de Ferreira de Pantón
panton.jpg

O convento de clausura das monxas de Ferreira de Pantón non foi desamortizado e, polo tanto, conta con máis de mil anos de vida monacal ininterrumpida no lugar; ten unha sinxela igrexa románica e un sólido corpo do XVIII. Pódese visitar a igrexa e o claustro, onde está o sartego de Dona Fronilde, a fundadora, de quen se di que leva mil anos incorrupta, aínda que coido que as monxas non están pola labor de que o comprobes. No momento en que chegamos, ás 13:45, a penas puidemos observar un hábito de monxa que desaparecía detrás dunha porta, e logo, silencio. O horario é de 10 a 13 h. e de 16:30 a 18h.

Unha granxa fortificada

panton_2.jpg
Ensarillados polas estradas de Ferreira de Pantón atopámonos con este curioso lugar. Parécese ao que en Francia se chamaría unha “granxa medieval fortificada”. Trátase dunha construción aparentemente elíptica, pensada como para protexerse, aínda que ausente de heráldica. Tamén parece que posteriormente se dividiu como en máis vivendas. Ves á esquerda unha torre ben curiosa. Non me pregunten máis, porque nin idea. ¿Alguén sabe algo máis sobre este lugar? Por suposto, pechada (particular), e sen carteis. Nota: apréciame ese hórreo.


Castelo de Maside

maside.jpg

O gran achado do día, para min, foi sen dúbida o Castelo de Maside. Tan descoñecido para min como para Internet, onde só puiden atopar escasos datos. O casteliño pertenceu a Diego de Lemos, un dos lugartenentes do Exército Irmandiño, e é dos máis recoletos e bonitos que teño visto no país, máis próximo a esa idea que temos dos contos de fadas ou do romantismo europeo. Está oculto no medio dun xardín de árbores enormes e sombrizas que ocultan as almeas. Sobre as torres, as barbacanas e as murallas foron medrando corpos máis pacegos que se superpoñen sobre a apariencia militar, e no XIX ampliárono tamén un pouco desde esa mentalidade historicista que tamén modificou no seu momento o castelo de Soutomaior. É un lugar medio irreal, e absolutamente recomendábel. Iso si, deberás miralo desde detrás dos muros que marcan a propiedade privada. E ollo, que o can morde.

Pazo de Tor
pazo_de_tor.jpg

Este pazo que a señora da “Casa de Tor” lle cedeu á Deputación de Lugo atópase magnificamente conservado; de feito, non investiguei a historia, pero ten toda a traza de que unha familia continúa vivindo alí. No interior hai dezaseis dependencias que permiten observar como vivía a aristocracia pacega. Pero ollo, só se pode visitar durante unha das catro quendas diarias, que son ás 11, 12:30, 16:30 e 18:00. Cómpre estar cinco minutos antes. Nós chegamos ás 18:30. En fin.

8 Comments

  1. 13 / Outubro/ 2006

    Tomo nota do castelo de Maside, non oíra falar del.

  2. 15 / Outubro/ 2006

    Pois por esas terras tivo lugar a primeira derrota dos irmandiños, concretamente na Batalla da Pedrosa, na parroquia pantonesa de Vilamelle. Tras un fero combate segundo dí o Padre Gándara, Alonso de López de Lemos, derrota ós irmandiños capitaneados polo seu fillo, Diego de Lemos. Desbaratounos, e persiguiunos ata Monforte, botounos da vila e apoderouse dela, ata que llela entregou ó conde de Lemos. O pai perdou ó fillo rebelde, posto que herdou as terras, que rematou morrendo en paz (imaxino que na cama) en 1492. Atópase soterrado no mosteiro de Santa María de Ferreira de Pantón, do lado do evanxeo.

  3. 15 / Outubro/ 2006

    Soterrárono moi preto da casa, entón. O castelo debe estar a un quilómetro do mosteiro. Pesoume ben non ter chegado a tempo para visitar o convento e a súa sinxela igrexiña.

  4. 15 / Outubro/ 2006

    Pois si. Posto que foi perdoado (ventaxas de ter sangue nobre) e reintegrouse o seu señorio sen problemas (como dixen, o pai deixoulle o señorio en herdanza (un fillo sempre che é un fillo, a pesar dos desgustos que dan!)). E foi soterrado onde os membros da súa familia.

  5. anonimo
    10 / Novembro/ 2008

    pois si que non sabia nada do castelo de maside,seguro escapouseme.
    pois teño un dvd grabado con fotos e direccions de todo-los castelos enteiros e en ruinas.a aldea fortificada tamen e interesante.
    hai uns escrtitos dun monxe da idade media de eiqui,de galiza,no que o monxe di:-y quisiendo contar todas las fortalezas y casas fortificadas de galicia no habia maneira pois todas eran iguais ou parecidas .
    o diseño en tres D do castelo de pambre fixechelo con un programa de deseño chamado home desing,ou con outro programa.

  6. anonimo o de antes
    10 / Novembro/ 2008

    home desing? outro programa?

  7. Pablo
    31 / Marzo/ 2010

    A “granxa fortificada” é unha antiga casa de labranza coñecida como Casa da Fonte, e está sendo restaurada (aínda que con calma) polos propietarios. Ten fama de bon viño.
    O castelo de Maside, (declarado BIC)p ode ser visitado sen problema, so chamando á porta, e se non están os donos (viven en Vigo) un veciño ten unhas chaves.

  8. 31 / Marzo/ 2010

    Grazas polos apuntamento, Pablo!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará