Un serán con Eduardo Galeano

Last updated on 6 / Outubro/ 2006

galeano.jpg

Ler a Eduardo Galeano é un descubrimento continuo. Escoitalo, como fixemos esta tarde en Santiago, nun recital multitudinario, é unha experiencia irrepetíbel. Agora é tarde, e mañá falaremos algo máis sobre isto, pero non quero deixar pasar a noite sen reproducir aquí a voz de Eduardo Galeano en Compostela.

[audio:ninguen.mp3]

e tamén:

[audio:quien.mp3]

Moitas grazas, mestre.

Actualización 5/10:

Galeano baseou o seu recital nos Sete Pecados Capitais, os “verdadeiros”, do mundo:

Ser superbranco: O racismo, a tradición colonial que segue a mutilar o espléndido arco da vella da diversidade humana.

Ser supermacho: O machismo, que humilla á muller e nega a diversidade sexual.

Cuspir ao espello: O autodesprezo, este mal costume que obriga aos servos a mirarse a si mesmos cos ollos dos amos.

Esprimir ao próximo: O sistema que condena á opresión e pobreza a moitas persoas e moitos países, para facer posíbel a liberdade e riqueza duns poucos.

Matar ao mundo: O impune mundicidio da sociedade de consumo, que está a asasinar o aire, a auga e a terra.

Mentir á vida: O despotismo dos medios de comunicación que nos incomunican e dos sistemas educativos que nos deseducan.

Obedecer ao medo: A tradición obríganos a aceptar a realidade no canto de cambiala, a repetir a historia no canto de cambiala.

Galeano lanza palabras precisas coma dardos: de aí a súa fascinación. A súa obra, feita de pequenos fragmentos nos que se concentran novelas enteiras como humildade, si parecía digna de ser recitada. Hai esas frases finais, maxistrais, que como nas historias dos mellores contacontos, provocan unha sacudida no cerebro do espectador. Pero Galeano revelouse como un prodixioso contador, dominador dos tempos, apacible, conciliable, rotundo.

4 Comments

  1. Félix
    6 / Outubro/ 2006

    Hai xa moitos anos tiven que ler Las venas abiertas de América Latina, e non recordo se era de Galeano. Supoño que mo poderás confirmar, e gustaríame, se tamén liches o libro, que me comentaras algo, ou se tes algunha referencia doutra persona que o teña lido, porque acordeime del hai un tempo e a verdade é que tiña ganas de compralo e leelo de novo, pois no Bacharelato, que xa queda algo lonxano, non lle quitei todo o partido, supoño. De feito non recordo gran cousa del.

  2. 6 / Outubro/ 2006

    Desde logo os Sete pecados capitais de Galeano merecen dunha reflexión pausada íntima e colectiva.
    Por certo, Las venas abiertas de América Latina si é de Eduardo Galeano.

  3. 6 / Outubro/ 2006

    Alí estiven tamén, e ben que desfrutei.
    Graciñas pola gravación!

  4. 6 / Outubro/ 2006

    Para min, Las venas abiertas de América Latina é un deses libros que regalas aos amigos, é dicir, eses libros que non só che gustan senón que tamén desexas compartir. É un gran traballo de síntese de Galeano, que saca o mellor del dende o punto de vista xornalístico e político. Outro gran traballo de enorme ambición literaria que che recomendo é La Memoria del Fuego, unha triloxía que resume a historia de América Latina desde o pasado mitolóxico ata hoxe en día, sempre desde a súa peculiar mirada e as súas curtísimas e directas historias.

    Iria, é incríbel que alí dentro estabamos 600 persoas e fíxose unha química incríbel. Sempre teño un pouco de prevención cando me dou cara a cara con algún mito: pero Galeano convenceume. ¿E viches que ben contestou ás preguntas, que táboas?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará