Don Emilio ou a vida despois da morte

A historia de Don Emilio podería tratarse dun deses dramas individuais que, de cando en vez, nos lembran os xornais. O administrador do edificio madrileño onde vivía Don Emilio, un porteiro xubilado, entrou no apartamento alarmado porque a señora da limpeza sentira un desacougante cheiro no corredor do faiado onde vivía o vello. Levaba morto cinco meses, postrado en pixama na súa cama e cunha man sobre o peito. Posiblemente, dona Coronaria visitouno ao amencer. Don Emilio non morreu coma outro vello atopado no mesmo día en Alcobendas, rodeado de bolsas de lixo en condicións infrahumanas; non, na súa morte os detalles non son escabrosos, senón desacougantes. Ninguén repararou na morte do vello porque, de feito, seguía artificialmente vivo a través do pagamento mensual das súas domiciliacións, malla básica das relacións sociais das persoas soas. A comunidade, a luz, o gas, seguían descontándose automaticamente da súa conta bancaria, evitando unha chamada do teleoperador de reclamacións e débitos de Telefónica ou Gas Natural, o inicio dun proceso de demanda xudicial, o requerimento certificado, o corte dos servizos no baixo do edificio, a reclamación da xestoría da comunidade de que actualice o pagamento dos recibos (¿Estará pasando por unha mala racha o bo de Don Emilio? -seguro que preguntará con xesto serio e preocupado o presidente da comunidade de veciños). A prolongación artificial da nosa vida -cando menos na súa verquente social- vén dada pola capacidade de resistencia da nosa conta bancaria. Ninguén sospeitaría que a vida eterna tería a cor agrisada e a inflexibilidade rigurosa dos recibos de Telefónica.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *