A parada das bestas, un segredo no medio da campiña

Last updated on 6 / Xullo/ 2006

parada_bestas.jpg

Ultimamente parece que ando abonado a Palas de Rei, este fermoso concello lugués da non menos sorprendente e bastante descoñecida Terra da Ulloa. Palas conta co privilexio de ter o topónimo galego máis gastronómico -salvo que me desmintas con algún outro mellor. Non é outro que é a parroquia de San Xusto de Repostería.

Pero este post vai para a parroquia veciña, Pidre, onde nos levou a recomendacion do amigo Bob Oe. Alí está A Parada das Bestas (982183614), unha fermosa casa de labranza do XVIII adaptada, como tantas, ao turismo rural. Pero os seus propietarios, María Varela e Suso Santiso, foron máis alá, e montaron hai xa máis de dez anos un restaurante de cociña de autor no medio dos bosques lugueses. Cando chegas -pódeste perder con facilidade polo camiño, así que vai atento aos sinais-, hai dous cans enormes e vellos que se dedican todo o día a durmir, un fermoso comedor de pedra e un ambiente moi familiar.

Nós probamos alí varias marabillas: o preferido da casa, un folladiño de verduras que combina vexetais da horta cortados moi finamente recuberto dunha capa de queixo da ulloa derretido, uns saquiños de calabacín recheos de solombo de boi, queixo e pistacho que sorprenden ao máis escéptico. Os segundos son algo máis convencionais, pero dunha factura impecábel. O solombo de boi era dunha carne de calidade excelente, cociñado cun meticuloso tempo de elaboración, o bacoriño ao forno sorprendía pola suavidade e a mornura xenial, aínda que nos dous casos, se cadra, o acompañamento de patacas fritidas non estea á altura da festa. Os postres son tamén de amén: nós probamos o plum-cake de limón con xeado de noz e cravo, algo absolutamente fóra do normal. Tal despregue non é casual, senón froito dunha aposta seria. A chef, María Varela, dedica un mes ao ano á experimentación no seo da cociña basca e nótase ben que hai periodos de reflexión e investigación. A sala está rexentada axeitadamente polo seu home, Suso Santiso. O prezo -uns 30 e algo de euros, viño incluído- resulta barato para a fermosura e a felicidade desta cociña que non renega do caseiro para acadar alturas máis elevadas.

7 Comments

  1. garisa
    6 / Xullo/ 2006

    Hai un concello en Ourense chamado “Melón”. Bastante gastronómico tamén.

  2. 6 / Xullo/ 2006

    Forzando a máquina, tamén está Sandiás, que hoxe estrea sitio web oficial. :-)

  3. acedre
    7 / Xullo/ 2006

    Boqueixón

  4. 7 / Xullo/ 2006

    Cacheiras, queixeiro, aínda que signifiquen realmente outras cousas. Ben, en realidade Repostería tampouco ten que ver coa cociña… :-)

  5. Carlos
    8 / Xullo/ 2006

    Na parada das bestas fan uns pratos coa castaña como protagonista exquisitos, e os dous san bernardos da entrada (a miña moza bautizounos “nieblas” -reminiscencia heidiana-) o único que esperan é que un dos hóspedes lles rañe o lombo, son tan bos coma grandes e danlle ó lugar un punto máis de tranquilidade. Por certo, como dis que andas abonado a Palas, eu aconsélloche que contrates a tarifa plana porque esta terra ben o vale. Un saúdo!

  6. 9 / Xullo/ 2006

    máis nomes!

    Tirando da corda de Acedre, San Xoán de Requeixo. Pensando agora un pouco no tema, é curioso a cantidade de lugares que teñen nomes de prantas frutais: maceira, pereira, ameixeira, etc. Sen embargo, os topónimos non parecen referirse moito a cereais e tubérculos. Nese caso, os nomes son máis ben do tipo de solo, ou de fincas nas que se cultivan..

    Carlos, non sabía o da castaña pero será unha excelente excusa para pasarse outra vez por alí cando sexa o tempo.

  7. 13 / Xullo/ 2006

    Nos tempos en que se ia a Vigo pola estrada (Que tempos! Daquela enterabaste dos pobos polos que pasabas), canta xente comentaba que pasaba por Sandias (Sandiás) e Melón….

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará