o retiro da costiña

Last updated on 8 / Xullo/ 2007

En Galicia hai moitos santuarios relixiosos, pero poucos santuarios gastronómicos. Non, non quero dicir que non haxa sitios onde se coma ben. Vade retro, soberbia! Refírome especialmente a eses lugares onde a comida é unha celebración, unha parte importante pero non única, dun complexo ritual. Ocórrelle a El Bulli, co seu illamento topográfico na rochosa costa de Roses, ou ao Akelarre de Subijana, pendurado sobre o Cantábrico, aberto ao clima e ás luces inestábeis das costas do Norte. Un vai a comer, pero non se podería comprender a cociña sen o espacio.

O Retiro da Costiña (Santa Comba, 981880244) é un dos nosos máis devotos santuarios. Non busquen paisaxe nel, todo mira para dentro, para o remozado interior de ocres e madeiras. Asuman, pola contra, unha aventura de tipo temporal: entras no Retiro ás dúas da tarde e, como nas grandes comidas familiares, quen sabe cando rematarás!. O restaurante distribúese nunha antiga casa reformada, na que xa non queda nada da tasca de tratantes orixinal da entrada desta vila tan farwest que é Santa Comba. Xesús, o dono, remodelou en profundidade o concepto, convertendo a pousada de apoderados en refuxio de poderosos.

Neste santuario, os rituais danse dun xeito orixinal. Ao entrar pola porta comezan os pasos para a beatificación. O fillo de Xesús ofréceche un gozoso descenso aos infernos. Baixas ás adegas da casa e paseas entre os cilleiros, mantidos a unha coidada temperatura, escollendo entre unha enorme adega que se cadra supere as 200 etiquetas. Rioxas, Riberas e brancos galegos ocupan a gran masa de botellas pero hai algunhas valentes incursións nos clásicos franceses e nos donceis sudamericanos e sudafricanos. Aí, as botellas, pódense escoller, tocar, comentar. O acto seguido é deleitarse entre os viños cunhas anchoas de Santoña con aceite temperado na compaña do viño aberto hai pouco. Cando é preciso, un sube ao comedor e comeza unha xeitosa festa dos sentidos.

Neste purgatorio, a comida está a medio camiño entre o tradicional e o innovador. A xenialidade de Xesús está no xogo de temperaturas e no detido coñecemento de aceites, bálsamos e tempos. O chef é un prestidixitador, un ilusionista que combina unha cociña acertada coa capacidade do ilusionismo, da sofronización das papilas gustativas. Cada presentación dun prato vai acompañado dunha detallada explicación do que se vai sentir ao dar o primeiro bocado, o segundo, os posteriores.

-Verán como ao principio teñen unha chamada a herbas aromáticas. No medio a textura farase lixeira e ao final chegaralles un prudente gusto a cabrais.

Ocorre, por Deus. Falemos da comida. As ameixas no seu xugo con bálsamo de Módena son unha gozada de finura de cocción e de esencias. O hoxaldre de setas da estación exprime os sabores outonais de xeito delicadísimo. Outros pratos son máis irregulares: os calamares da ría ou na mamiña, carne de tenreiro noviño deslocen no conxunto. Apóianse na alta calidade da materia prima que conseguen no restaurante cando iso, en realidade, é un sobreentendido para os bós restaurantes do país. Son só asumíbeis para turistas descoñecedores dos nosos produtos. A escaseza de ración tamén é un defecto, ao meu ver, herdado desa errada concepción oitenteira por parte dos restauradores galegos con pretensións: a abundancia é o pasado. Poucos valores culturais están a ser recuperados con máis tino!

Os enxeñosos postres son, en realidade, unha antesala. Pensemos no Millenium, unha forma de chocolate destinada a entrar nas lendas da gastronomía, ou o flan de queixo con piña e queixo Cabrales, unha xoia do sabor distribuído por tempos e superficie do padal. Son unha antesala, digo, do grande inferno que chega máis tarde. Pasas a un recoleto espacio de latóns e madeira dedicado á arte da conversación. Café exótico preparado en máquinas de cona, profundísimos diváns, unha pureira na que cabe unha persoa dentro, unha extensa colección de espirituosos, e un complexo gin tonic con receita local “para alegrar o corazón”, como recita mecanicamente o fillo do dono. Dan as horas con calma e pracer nesta illa gastronómica.

11 Comments

  1. Anónimo
    20 / Novembro/ 2005

    Para cando a guía gastronómica? ;)

    Acabo de comer pero xa me entro fame outra vez :D

    Ifrit
    http://mediapinta.blogsome.com

  2. 21 / Novembro/ 2005

    oes, a ver se se anima alguén a financiar ;-)

  3. Anónimo
    29 / Novembro/ 2005

    he cenado este sabado alli y es espectacular!!

  4. 29 / Novembro/ 2005

    Eu non me atrevería a cear. Pódome quedar tan relaxado nestas butacas que despois non habería que volvera para casa! :-)

  5. Maria
    6 / Setembro/ 2006

    A verdade é que a descrición feita máis arriba é perfecta.

    O lugar é impresionante. Todo Excelente

    Moi recomendable

  6. juansantiago
    22 / Outubro/ 2006

    ten un gran problema. como se repita pronto, a comida e sempre a mesma, e aburre, so teñen cinco pratos, non varian en todo ano, salvo excepcions. creo que estan rexeitando o que e a cociña, e dedicando mais a licores e cafes. moito rollo, “huevos con patatas cortadas milimetricamente al tamaño del molusco, con aceitito picual de la siiera de cazorla o tortilla del siglo diecinueve con el grado de humedad percfecto para que cuaje….

    levade cartos porque se subiron a parra. so mirade o prezo do cafe. imaxinadevos o das copas.

    hay outro esturante referencia en santa comba, casa aurelio. non a comida non lle envidia nada a costiña. menos rollo,mais sustancia

  7. 22 / Outubro/ 2006

    Sen dúbida un dos principais elementos distintivos do Retiro da Costiña é o “sentido do espectáculo”, Juan. ;-)

    Tomo nota de Casa Aurelio. Xa me picaches a curiosidade.

  8. 5 / Novembro/ 2007

    Como se pode ser tan pelotilleiro?, seguramente ceando de valde.ORetiro moi ben pra eles, como sigan asi de careiros.Eu no comulgo.Mil veces mellor Casa Aurelio, onde vai parar.

  9. 5 / Novembro/ 2007

    Pepe, de cear de balde, nada.

    Lémbroche que esta é un sitio para discutir respectando a todos. Facer acusacións baixo anonimato só che deixa quedar mal (moi mal) a ti, por certo.

  10. 7 / Novembro/ 2007

    Non fai falla que me lembres nada, so o meu dereito a expresarme, e un dereito que ven na Constitucion, dalle un repasiño . O de pelotilleiro ia polo do artigo, agora xa temos dous . Ou e que sodes o mesmo?.
    Respetar tamen consiste en ser xusto na tua relacion calidade- preco, en tratar do mesmo xeito a os comensais (presupoñaselle diñeiro ou non), en non votar de mala maneira a os teus clientes de antes (recordoche que esa casa era unha pulpeira, con todos os meus respetos os pulpeiros), e por certo o sentido do espectaculo e muy persoal e tamen respetable. O Fogon de Xantar, O Leandro, Casa Aurelio, Casa Arturo, O Galo……. son caralludos e se come moi ben, como antes se facia en O Costiña, antes de que se lle subiran os fumes e os precos.
    E se ves que lle falto o respeto a alguen, ese non seras ti, verdade?
    Sesamos serios dunha vez por todas, e non enganemos a ningen, recomendandolle esta casa, poida que nos se esqueza desa mala esperiencia.
    Para rematar, co do anonimato, estas de coña? NON SI.

  11. 27 / Marzo/ 2008

    If you’re an avid PS3 gamer, then you know the importance of saving your progress for future game play.
    Pls, help me!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará