
Aí estaba, pero só faltaba que alguén o vira e se arriscara a facelo. Agardando baixo as cegadoras luces de Urxencias, leo A raíña Lupa, de Antonio Balboa. Hai moita xente que contén publicamente o entusiasmo sentido por un libro aplicándolle o adxectivo de necesario, que queda máis reflexivo e social. Eu non sei se hai libros necesarios, probablemente si, pero do que si estou certo é de que aínda hai moitos, moitos libros por escribir. Este libro estaba agardando que alguén se atrevera con el.
Balboa investiga a lenda medieval da Traslación de Santiago e dase conta de que é unha cápsula de tempo que remite a un tempo moi antigo, pagán, anterior ao cristianismo. Identifica á Raíña Lupa e alumea o seu perfil ao comparala coas mulleres da mitoloxía céltica, nórdica, latina; delimita no mapa das ideas o territorio máxico polo que se moven os discípulos de Santiago. Nos retos que a Raíña Loba -ou Prostituta-, lles pon diante aos discípulos de Iago, Deus sempre lles bota unha man para derrotar ao inimigo -sexa dragón, rei de Dugium, bois bravos, pero non se atreve a porlle a man riba a esta poderosa muller. Son os anacos máis coherentes da tradición oral máis antiga de Galicia. Lupa é loba, é deusa, é símbolo territorial, é a señora dos montes sagrados. Os sacerdotes compostelanos quixeron confrontar a Santiago con ese horizonte de sombras míticas.
Non sei se conscientemente, pero Balboa segue o camiño iniciado hai máis dunha década por dúas investigadoras que traballaron case en paralelo, Branca Fernández Albalat (Guerra e relixión na Gallaecia e Lusitania antigas) e Rosa Brañas (Indíxenas e romanos na Gallaecia céltica). Ámbalas dúas fixeron algo que ata ese momento casi ningún historiador se atrevera a tocar en público: tentar saber algo sobre a sociedade que vivía os castros, esa sociedade muda que non escribía, a partir da onomástica. E para facelo foron esbagullando rigorosamente os nomes de mortais e inmortais da época e comparándoos coas sociedades contemporáneas no occidente atlántico. Algo tan lóxico hoxe, na Galicia académica dos 80 soaba medio herético. Aínda había bastante política polo medio. Houbo quen dixera no seu momento que estas investigadoras tentaban diferenciarse para despuntar, e tonterías así.
Hoxe en día, por sorte a visión do mundo é máis ampla. Balboa bota man sen medo doutros horizontes para comprender o noso e propón unha eséxese lúcida, descubrindo o que hai de universal nesta narrativa, e o que hai de territorio local mitolóxico.
En suma, un libro necesario. Polo menos, para calmar as miñas necesidades intelectuais ;-)

Cando nos sairá por aquí un Amenábar galego e lle fará unha boa película á Raíña Lupa? Ben, Pero Pardo de Cela tamén nos vale!
Grazas polo apontamento, profesor.