O restaurante Ana en Santiago: cando a tentación vive abaixo (no Sar)

Last updated on 29 / Xuño/ 2007

En Santiago, os compostelanitas podemos coller o coche e facer quince quilómetros para ir comer ás aforas pero, pola contra, poñer reparos a baixar unha costa que despois –iso si- teremos que volver a subir. Pero ás veces, señores, paga a pena botar os restos gabeando de novo o Castrón de Ouro arriba. Na parte máis baixa desa rúa, onde se cruza coa Rúa do Olvido, atópase o Restaurante Ana (Sar, 1, 981570792). Sen dúbida, o local de comidas máis bonito de Santiago, especialmente nestas noites de final de verán. Un entra nesta casa do século XVIII e tras un corredor escuro e espido aparece o patio: pedra ao aire, inscricións medievais na parede, verde trepador, escuridade íntima e o son adormecedor das fontes repicando no granito polos recantos. A cociña, tras un muro de cristal, está no camiño obrigado, coma se tiveras que emitir unha certificación. O comedor interior é tamén un espazo recoleto: seis mesas, cadeiras de teca, pedra á vista, focos direccionais para cada unha desas mesas. Gústame este lugar, gústame moito, e téñote que dicir unha cousa: non podo ser neutral aquí.

Ana deixou o seu restaurante de Silleda e comezou a principios do 2006 unha nova aventura en Santiago de Compostela buscando, se cadra, un maior número de público receptivo á súa proposta, que é unha moderada mestura de convencional e innovador. Recuperou este espazo, que fora hai anos mesón e despois un prohibitivo restaurante, e converteuno nalgo distinto con elegancia.

Dicíache que non podía ser neutral, porque este lugar e Ana cáenme ben. As mulleres tiveron que ocupar os fogóns durante anos de xeito anónimo: gústame que esta chef recupere o espazo perdido na alta cociña de autor, que todo o persoal deste restaurante sexa feminino, mociñas agradables e simpáticas, que as voces sexan baixas, prudentes, lenes e modestas.

Existe carta pero sen dúbida o recomendábel é probar o menú degustación, que está a moi bo prezo: 25€. Está composto de catro platos e dous postres: gambas crocantes en pasta (curiosas), salteado de langostinos con verduras de temporada (no seu punto, excelente), brocheta de vieiras e salmón con arroz cremoso de marisco (o mellor da sesión), carrileira de porco ibérico estofada con mazanciñas confitadas e puré de castañas (tan longo de nome como decepcionante na súa combinación, aínda que a carrileira estaba no seu punto). Como postres, canutiños de mazá recheos de compota e sorbete de mazá asada (curiosos) e crema de mascarpone con puré de mango e tella de avelás (riquísima e orixinal). Como ves, nada deste menú é estraño, aínda que incorre en para min un par de problemas: non se poden por gambas/langostinos de primeiro e segundo e mazás de terceiro e cuarto, agás que teñas algún propósito que eu non acertei a comprender. O segundo problema é bastante máis subxectivo e non é doado explicalo para min: a comida tiña unha estupenda factura técnica pero…faltáballe emoción. ¿Como cho podo explicar? Un menú degustación debe ser como unha película: ten que ter estrutura, ten que ter sorpresas sen estridencias, ten que facer botar para atrás nunha cadeira para saborear con gusto. Aquí faltaba iso, a pesar da perfecta corrección dos platos. Coma un medo a levantar a voz. ¿Un paso cara adiante?

Mención especial merece a carta de viños, posiblemente xunto coa da Bodeguilla de San Roque, a máis ampla da restauración compostelá. Lela é como percorrer a vista de paxaro toda a xeografía ibérica do viño. De todos os prezos, localicei interesantes referencias moi difíciles de atopar nas bodegas de por aquí, pero tamén hai algúns puntos escuros. ¿Como pode haber só dous ou tres viños da Ribeira Sacra, seis ou sete das Rías Baixas, e, pola contra, ducias de Ribera del Duero ou Rioja? Por momentos, a carta parece deslocalizada. Aínda así, é encomiábel. Xa que estabamos de celebración, nós escollimos un Emilio Rojo, que desde logo deu que falar e do que postearei máis adiante. En todo caso, a noite alí foi estupenda. Eu só espero que Ana teña sorte, que lle vaia ben, que lle bote algo máis de valentía á comida e que os compostelanitas rachemos coa preguiza e baixemos, de cando en vez, a escoitar o ruído das fontes desta vella casa.

4 Comments

  1. Xabier
    31 / Xaneiro/ 2007

    ¡Unha completa decepción!

    Logo de pedir e probar tódolos entrantes para compartir que tiñan na carta, puiden concluir que ningún deles me faría activar as papilas gustativas cando os recordase nun futuro. As croquetas(as de setas carentes de sabor e as de xamón correctas; sobresainte a confección das mesmas); os montaditos ( algunha base de pataca estaba queimada e o bacallau sen desalar), golosinas de queixo e noces moi aceitosas.
    Cando a suxerencia do día non está reflexada na carta (por certo as cartas deberían renovalas porque están cheas de grasa e manchas varias) o que un se espera é que o precio da mesma ronde como moito o prezo do prato máis caro da familia-neste caso peixe-; sorpresa desagradable cando o prato de Mero non está á altura dos 24 euros que custou- e 4 euros por enriba do prato mais caro. Ración de peixe xenerosa, pero a guarnición impresentable-( se un decide poñer unha cantidade industrial de vexetais en tempura, hai que estar moi convencido da calidade desta; non foi o caso).
    Outro dos comensais optou polo lomo de merluza( pasada de cocción e guarnición decepcionante; a estas alturas da película unhas pataquiñas cocidas emplatadas con molde e uns champiñones non é de recibo).
    Carrilleras discretas e outra guarnición impresentable, puré de pataca como para un reximento e puré de castaña; unha brochetiña con tres boliñas de pera ó viño.
    Ningún dos pratos viña quente, ¿non funcionaba o quenta-pratos? En fin non quero que sexa todo crítica, decir que os postres están ben elaborados, o servicio correcto-aínda que as rapazas deberían coidar un pouco mais a imaxe e non apoiar os cóbados na barra se lle entra o aburrimiento, tendo en conta que hai clientes diante .
    Creo que a mellor opción se un vai a este restaurante é pedir o menú degustación-tod@s @s coñecid@s a quen preguntei antes de ir, dixéronme que tomaran este menú e quedaran encantados; é unha pena que na nosa mesa de 6, a dúas persoas non lle apetecese o menú, polo que tivemos que escoller da carta, quizais a historia cambiaría.
    Cando se pagan máis de 40 euros por persoa, eu personalmente espero algo mais.
    Tardaremos moito tempo en voltar.
    Un saudo.

  2. 31 / Xaneiro/ 2007

    Vexo que coincidimos en liñas xerais, Xavier. Como comentei no post, atopeille algúns problemas técnicos, sobre todo no uso das guarnicións. Repítense demasiado e non acaban de convencer. Aínda así, creo que é unha cociña de bastante mérito que seguro que mellora cos anos, de feito, no menú degustación -se cadra porque xa debe estar máis rodado- eses desfases, eses descompanses, nótanse menos.

    O da suxestión do día máis cara que na carta é algo bastante feo, pero non é a primeira vez que me pasa nun restaurante compostelano. Despois dun par de experiencias en sitios distintos, decidín por norma non aceptar suxestións fóra de carta para non levar chascos.

  3. revolutio
    31 / Outubro/ 2007

    Vexo que fumos a restaurantes diferentes. Xa levo seis ou sete visitas ó Ana, e podo dicir que as brochetas de salmon e vieiras, as brochetas de chipirón e vieira, e as carrilleras en ningunha das ocasións me decepcionaron. Os acompañamentos son moito máis abundantes do normal, certo, pero o arroz meloso coa brocheta de salmon está á altura de moitos risotos que teño probado en Italia, e o puré de patata está no seu punto. Por outra banda, sempre me trouxeron a comida moi quente, por iso non hai necesidade de quentar o plato. O que me decepciona é que non modifique a carta nin o menú degustación. E sobre a carta de viños, vese que non probaches A Viña de Xabi.

  4. 31 / Outubro/ 2007

    Revolutio, observa que non lle vexo problemas á execución dos platos, senón á súa monotonía, á súa repetición bastante incomprensíbel. Se les o post, por certo, verás que defino como o mellor do xantar esas brochetas e os risottos.

    Con respecto á Viña de Xabi, son un fiel cliente e asiduo da súa carta de viños e viños da semana desde hai tempo:

    http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2007/02/23/a-vina-de-xabi-en-santiago-caos-divertido-e-saboroso-no-corazon-da-zona-nova/

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará