Materia de editor

Se tiveramos que falar da evolución da cultura galega nos últimos vinte anos, tería clara unha primeira idea: a transición xeneracional desde aquelas grandes figuras do galeguismo que mantiveron a cultura e o uso culto da lingua desde a República ata unha nova xeración de mozos formados na acción e rebeldía da última universidade franquista e da Transición. É a transición entre aquelas figuras poliédricas, mántricas, case institucións en si mesmas, cara un universo de profesionais da cultura: persoas formadas e especializadas en sacar adiante proxectos viables no ámbito da cultura e da industria cultural, respondendo a novas necesidades, novos públicos, novos mercados e novas institucións dun país aínda por facer. E velaí está Manuel Bragado, editor de Xerais durante máis de vinte anos, unha figura de referencia para entender a cultura galega contemporánea e o seu agromar coa autonomía, como ben destacou onte Rocío Castro.

Sempre pensei que Manuel Bragado foi, de algún xeito, unha ponte entre eses dous mundos. Das novas xeracións da democracia tiña o mellor: a capacidade de defender publica e abertamente as súas opinións ao redor da política, a cultura e a sociedade, sempre fundamentadas e rigorosas. Bragado tivo sempre unha capacidade extraordinaria para conseguir harmonizar algo tan difícil como a xestión dunha relevantísima empresa cultural galega coa capacidade de exercer a súa opinión individual. Estamos falando dunha habilidade extraordinaria. Tamén tiña a capacidade de comprender a editorial como unha empresa para un mercado: nas miñas conversas con el sempre me asombrou o realismo co que era capaz de diagnosticar o estado da cultura do país, e do libro galego, ao mesmo tempo de manter unha estratexia de acción que fixo que Xerais se convertera na principal referencia editorial do país, apegada ao territorio e á evolución da súa sociedade. Falamos dun auténtico profesional da cultura: con olfato, con teimosía e con capacidade de ver cara adiante, cara proxectar. Outro detalle profesional del, pouco habitual en Galicia: a súa teimosía en estudar os datos, as cifras, observalas criticamente. Fronte a outros que pontifican de todo do mesmo xeito desde hai vinte anos, Bragado repasaba en detalle todos os informes, tentando entender as situacións globais, e non só as cifras da súa editorial, converténdose nun referente para interpretar un sector.

Pero Bragado, por suposto, tamén mantén algúns deses vellos valores que eu recoñezo nas antigas xeracións. O fastío dese maldito dividir e intrigar do que moito aprenderan contra as ansias de sumar esforzos, a idea de dar pasos sempre na construción do país, a prudencia ao referirse ás outras persoas e ao escoller as palabras cos que comentarche as cousas, a capacidade de conciliar e tecer vínculos. Manuel Bragado é consciente de que Galicia se constrúe paso a paso, quilómetro a quilómetro; e todo o tempo invertido aí é pouco. E iso fíxoo sempre desde un perfil notablemente discreto, esa capacidade humilde súa de ser, por unha banda, unha figura pública nunca renuente a aparecer nos medios e, ao mesmo tempo, un currante que moitas veces parecía máis esa clase de fontaneiros que prefiren estar en segundo plano. Esa especie de doble natureza é abraiante nun mundo coma o da nosa cultura (coma o de calquera cultura occidental), de egos tronantes e vaidades mal diagnosticadas, é todo un modelo, para min, do que debe ser a figura dun intelectual público. Sen medo a dar a cara pero sen ínfulas de ningún tipo, capaz de executar, de facer e non só de propoñer para a galería. Con Manuel Bragado estamos a falar dunha das figuras máis destacadas da cultura, da empresa e da sociedade de Galicia dos últimos vinte anos.

Bragado deixa a dirección de Xerais nun momento especialmente delicado, e moi serio: a edición galega está absolutamente baixo mínimos e nunha situación de máximo perigo. Bragado era ben consciente diso, como falamos en moitas conversas, e cónstame ben que facía todo o posible para combatelo. O novo editor de Xerais ten a responsabilidade de asumir a principal editorial galega, e iso non é unha risa. Porque Xerais é unha empresa que pertence a unha multinacional, pero para os galegos, despois de vinte e pico anos de Bragado á fronte e un excepcional equipo, é moito máis. O escenario é calquera cousa menos doado.

En fin, que todo isto que digo en plan serio non deixa de ser unha máscara tralo que agacho o que sempre me custa máis: expresar os meus sentimentos. E velaquí outra cousa que eu quería dicir ao redor de Manuel Bragado, do que tanto levo aprendido e do que, estou convencido seguirei aprendendo. Porque teño claro que, se ben para o sector editorial a marcha de Bragado é unha perda, non o é para a cultura e a sociedade do país, ao que seguramente o novo réxime de tempo de Manolo vaille (vainos) vir de marabilla.

O que aprendín de Manolo é algo, para min, moi importante: a capacidade de abrir a man. A miña carreira literaria foi (é) tardía. Cheguei a ela con certa sona electrónica, certo, pero sen eses premios literarios que tanto axudan neste país a valorar os escritores. E propúxenlle a Bragado unha cousa tan difícil de encaixar comercialmente como un libro ao redor dunha mitoloxía ficcional da Idade do Ferro galega, Vento e Chuvia. Bragado confiou en min. E confiou en min en moitas máis ideas, a cada cal máis delirante, que lle fun presentando aos poucos. Sempre tirou para adiante (obviamente, cos seus consellos profesionais), axudándome a construír, con agarimo, unha identidade na escrita de ficción e no ensaio. Bragado soubo ver en min unha posibilidade por medrar, foi quen de cultivala e abriume as portas da editorial para poder lanzala. Así que todo o agradecemento persoal que lle teño, que é moitísimo, non é só por axudarme a sacar adiante esa parte de min; ese agradecemento é tamén por aprenderme a tentar ver eu noutras persoas o mesmo. En crear oportunidades e escenarios para outros, en non estar tan cegos no ego propio.

Así que Manolo, moitísimas grazas por todo, por esta etapa. Quédannos moitas máis no futuro, diso non teñas dúbida.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará